Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Apoio a Auxilia

lunes, 23 de marzo de 2009
Apoio da “Asociación de amigos da muralla de Lugo” a Auxilia, na súa campaña para a que a Muralla sexa asequible para todos.

Cando os lucenses falamos da muralla énchesenos a boca, e con razón xa que somos posuidores dun monumento único no mundo, que se pode percorrer en toda a súa extensión polo adarve.

Trátase da única muralla romana conservada en toda a súa extensión orixinal, protectora durante séculos, emblema da cidade, e que para todos representa un monumento á historia, ás construcións dos tempos de Roma, e a mil setecentos anos de vida nunha cidade que os romanos construíron nas terras da fin do mundo.
Temos os lucenses un monumento universal, para todos e para sempre. Ou, alomenos, eso criamos: Un monumento para todos. ¿Para todos?. Hai moita xente que opina que non. En concreto, hai arredor de doce mil lucenses que teñen asinado un documento para reivindicar que a Muralla lucense sexa accesible para todos, incluso para os minusválidos que queren subir a ela.

Temos en Lugo unha asociación que se chama “Auxilia”, que foi iniciativa de Xesús Mato, crego da montaña, fundador de Fuxan os Ventos, e moitas outras cousas máis. E esta afortunada iniciativa foi medrando e aglutinando xentes e esforzos ata ser un colectivo numeroso e respectado ó servizo de todos. Porque todos temos algún problema, algunha carencia, algunha minusvalía contra a que temos que loitar. E superar.

O labor de Auxilia nestas tres décadas de funcionamento foi a de “facer visibles” ós minusválidos que agora polo da linguaxe “políticamente correcta” se chaman discapacitados (o nome, é igual), sacalos das casas onde estaban encerrados, facer que se moveran, que tomaran conciencia dos seus dereitos como persoas, e facer para eles un mundo máis asequible. E agora queren subir á muralla.

Cando apareceu Auxilia, o que tiña un minusválido na casa tiña unha desgraza, e as desgrazas era mellor non pasealas pola rúa. Había que sufrilas en familia e evitar que saíran ó exterior. Pero do mesmo xeito que estes últimos trinta anos serviron para que entrásemos en mundos que antes nin coñeciamos, os minusválidos ou discapacitados gañaron en autonomía, en mobilidade, en capacidade de obrar.
E hoxe as cadeiras de rodas circulan pola cidade, e os cegos percorren as nosas rúas coa seguridade de estar en terreo propio, o mundo faise nalgúns aspectos máis pequeno porque podemos e queremos percorrelo mellor. E noutro xeito de velo, este mesmo mundo é moito máis grande porque temos diante de nós moito máis amplos horizontes que antes.

Estes trinta anos serviron para que os “minus” -como agora tamén se chaman a si mesmos nun xeito de proclama natural de existencia e de razón- deixaran de crerse inferiores, para saber que teñen os mesmos dereitos que todos os demais, que a sociedade ten que prestar atención ás súas necesidades. Que unha cidade non pode pecharlles as portas, que as beirarrúas teñen que ter rebaixes para que suban as cadeiras de rodas, que a cidade é de todos.

E queren subir á muralla. A esa muralla nosa, que nos criamos que era de todos e eles saben que por agora non é deles.

E podía parecernos que a rampa existente diante da fachada principal da Catedral era lugar de acceso doado, pero non. Dificultades hai, xa que se poñen en pacífico pé de guerra esixindo poder subir -como todos- á Muralla. Non seremos nós os que nos opoñamos senón todo o contrario, e co permiso do Presidente da Asociación e de todos os presentes, farei entrega de copia desta editorial e da testemuña de todo o noso apoio a Aquilino González, promotor da idea, que vive sobre unha cadeira de rodas desde que sufríu un desgraciado accidente, e a Ignacio Piñeiro, coordinador de Auxilia, como apoio moral a esa campaña de recollida de sinaturas -na que xa levan doce mil- para presentar na Consellería de Cultura a súa petición de que na Tinería se instale unha pasarela no lugar onde se están a facer unhas escavacións arqueolóxicas, e un ascensor nos xardíns da Deputación Provincial para que todos -todos!- poidamos subir á muralla.

Pensan os de Auxilia nos discapacitados, na terceira idade, nos pais con carriños de nenos (e -engado eu- nos avós con carriños de nenos), e todo desde o máis profundo respecto ó noso monumento que evidencian querer por anceiar visitalo e percorrelo.

Os “Amigos da Muralla” entendemos que esta campaña é un símbolo para eliminar barreiras, e aceptámolo e apoiámolo porque é inconcibible que o que para a cidade de Lugo é o seu mellor símbolo, o primeiro monumento, elemento imprescindible para entendernos como comunidade desde hai dezasete séculos, é inconcibible -dicimos- que este monumento do que estamos namorados lles estea vedado.

Grazas, Auxilia, por ter elixido a Muralla como punto de referencia; por abrirnos os ollos cara un problema que ten que deixar de selo con toda urxencia. E grazas, tamén, por estar hoxe aquí connosco, para recibir a nosa solidariedade e a nosa homenaxe.

Contade connosco, cos Amigos da Muralla, para lograr que esta sexa a casa de todos, o monumento de todos.

En canto a dereitos sobre a Muralla, ninguén é máis ca ningún outro. Pero tampouco ninguén é menos ca ningún outro.

Pedindo unha muralla aberta para todos, de acceso libre para todos, non facer máis que esixir que vos deixen entrar na vosa casa.

No pouco que poidamos, contade connosco.
Asociación de Amigos da Muralla de Lugo
Asociación de Amigos da Muralla de Lugo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES