Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Máis sobre a intimidade de raíz corporal: Zubiri

viernes, 01 de marzo de 2024
Seguindo a liña que inicie en artigos anteriores, da man de Jesús Conill, comezo este cunha idea de Laín Entralgo, extraída da su afirmación de que falar e vivir EN SERIO é vivir desde o máis íntimo. Reparen que falar en serio ven a ser dialogar desde a mesma intimidade, ese ámbito onde reina a verdade e a autenticidade, e o seu quebrantamento leva consigo tamén a radical imposibilidade de acreditarse persoalmente como certo e verdadeiro polas inconsecuencias derivadas da infidelidade a propia intimidade. Quen é infiel a si mesmo, condúcese cos demais nun pélago de insensateces.
Po isto, tampouco é de estrañar que Ernest Tugenhadt se pronuncie a favor dunha moral da seriedade, se ben, non só o modo de comportarse cos outros, senón principalmente facelo consigo mesmo. Como insistín en noutros artigos, este "consigo mesmo", apunta á INTIMIDADE, pero vinculada á corporalidade humana, a partir da experiencia do corpo vivente, sobre todo polas múltiples significacións derivadas das mesmas propia vivencias: aquí está a experiencia de si mesmo, non a da que os filósofos deron en chamar "extimidade". Sen dúbida, J. Conill comparte esta interpretación, tal como o afirma considerando que esta liña, coas modalidades propias de cadaquén, ten a súa orixe en Nietzsche, e segue en Unamuno, Ortega, Zubiri e Laín Entralgo.
Pero..., ¿que impacto deixa ese pensamento na actualidade tanto no pragmático como no especulativo, é dicir, tanto no práctico e mercantil, como no teórico?. Permítanme agora aquí facer uso modesto dunha certa xeneralización remitindo a contestación a un ámbito social, onde parece indiscutible que o estimular vai abafando á intimidade, e, como pensa un considerable número de intelectuais reflexivos, o "computacional" non se queda curto na imposición dunha visión do ser humano esvaecendo a súa intimidade, posto que, como din algúns estudosos, "substitúense os operadores humanos polos dispositivos electrónicos". Desta maneira vamos esquecendo que a intimidade é un compoñente constitutivo da realidade persoal humana, mediante a corporalidade. Lembren de Zubiri que somos corporalmente psíquicos ou, se o prefiren, psiquicamente corpóreos. Visto isto, podemos elixir: Ou interpretamos o cerebro e sistema nervioso como procesadores da información mediante un algoritmo universal, ou ben facémolo mediante o que nos ofrece a selección biolóxica. Pero só a partir desta última podemos falar do NOSO "neocortex" e da NOSA conciencia.
Antes de dar entrada a algunhas ideas de Zubiri, creo importante recordar que a CONCIENCIA "EPISTÉMICA", considerada como saber inmediato que temos de nosoutros mesmos, é dicir, dos nosos propios estados, e facéndonos cargo da versión dunha hermenéutica xenealóxica, que incorpora a este proceso cognitivo os impulsos, as paixóns e as achegas de Nietzsche, mediante a súa transformación en interpretacións perseguidas pola "vontade de poder", ven a dicirnos, fuxindo de todo reducionismo, que non é o cerebro o que pensa, senón todo o organismo, asignando ao cerebro unha función centralizadora.
Aquí encontrámonos cun Zubiri que non se queda curto radicalizando a concepción corporal da intimidade, á que xa fai alusión na súa obra SOBRE LA ESENCIA, nos seguintes termos, traducidos ao galego: "Non todo o real posúe intimidade; isto só se da ("intramundanamente") nas realidades humanas. As cousas materiais carecen de intimidade; pero posúen interioridade". (p.497, na edición da Sociedade de Estudios y Publicaciones, Madrid, 1.972). É relevante que isto nos permita partir dunha distinción entre a natureza e a persoa humana, posto que só o home e a muller son capaces de entrar na súa intimidade persoal, permitíndolles situarse no cosmos dunha maneira especial que non teñen as outras realidades da natureza. E J. Conill, facéndose eco do que di Zubiri, afirma que a intimidade é o momento que teñen todas as calidades do home polo feito de ser súas.
Partindo da sensación xeral do estado do noso corpo (da cenestesia), escribe Zubiri o seguinte, que tamén traduzo ao galego: "A cenestesia dáme a miña realidade como INTIMIDADE; isto é, me aprehendo como estando en min. (...). E esta intelección da miña propia intimidade no seu DENTRO é unha intelección de MIN ao través de ESTAR en min", p.108 de "Inteligencia Sentiente", Alianza Editorial, Madrid, 1.980. Isto permítelle a Conill definir a intimidade como unha presenza dinámica de auto – coñecemento da experiencia, na que me aprehendo a min mesmo como realidade miña, sendo permanentemente (o) mesmo, aínda que non o mesmo". Aquí, en castelán, di "siendo permanentemente el mismo, aunque no lo mismo". (Precisión recollida de Zubiri). Esta liña séguea tamén Laín Entralgo, facendo unha interpretación da intimidade baseada na investigación científica, pero sen deixarse levar pola deriva positivista. Vexamos, pois, algo sobre as bases neurolóxicas da intimidade corporal.
En todo caso, e creo que xa foi indicado noutros artigos, o mundo da experiencia subxectiva non é un obxecto, senón, como se deduce de todo o exposto ata aquí, unha integración procesual, recalcando que somos máis do que se describe cientificamente de nosoutros. Polo tanto, ese mundo non hai que reducilo a mera explicación dos procesos das neuronas que explican as propiedades da intimidade corporal, e ás que accedemos mediante a experiencia. Os tempos indubidables de avances tecnolóxicos esixen coñecer os impactos na realidade persoal humana, e, xustamente por isto, convén ter presente nesta temática que o cerebro non é unha computadora, non se pode automatizar a elección consciente: A selección imponse a computación.
Consecuentemente, a intimidade apoiase na selección somática do cerebro, mediante unha integración neuronal e certos valores, non en meras instrucións. Así o cren Edelman e Giulio Tonini, na obra deles titulada "El Universo de la Conciencia", Crítica, Barcelona, 2.005. E disto dedúcese que o cerebro non é unha máquina, nin unha especie de computador, senón un SISTEMA SELECTIVO que opera mediante un proceso de selección somática.
Non quixera largar un lerio. Pero tampouco quero deixar neste artigo algo do pensamento zubiriano fora del, porque penso que apoia a corporalidade da INTIMIDADE precisando o seu alcance. Vale a pena, por tanto, recoller algunha das súas ideas na obra "Sobre el Hombre", Alianza Ediorial, S.A., 1.986. Na p. 133 do mesmo, dinos que a intimidade é un reafirmarse no carácter de "autopropiedade" que ten "constitutivamente" o home en virtude da súa natureza. Trátase dunha "reactualización" (1) en que consiste e subsiste a persoa (p.135), e na p.136 engade que a figura e a configuración da intimidade, vaise constituíndo, vaise facendo, ao largo do tempo e da vida.
Zubiri vincula a intimidade coa moral, entendendo por esta o carácter das propiedades apropiadas polo home, esixido polo seu natural. Da mesma maneira que o home non pode NON deixar de elixir e tampouco NON de querer, evidentemente non pode poñer en xogo a súa dimensión moral do seu ser, INCLUSO PARA SUBSISTIR BIOLOXICAMENTE. De aquí parte a unidade radical da figura da intimidade, na que non se estratifica nin se superpón o aspecto moral e o aspecto psicofísico, senón que este mesmo esgalla o moral, que, a súa vez, reverte e configura o aspecto moral. (Léase a p. 144 da obra citada). E na p. 184 escrebe que a intimidade vai constituíndo a unidade figurante do noso ser.
Parece oportuno, en consecuencia con todo isto que traemos aquí de Zubiri, preguntarse, con Conill, se ten algún poder a intimidade para enfrontarse aos dinamismos da reciprocidade e a reputación. Interesante aclaralo, porque resolve a pugna entre a liberdade (desvinculando ao home das forzas do medio) e a condición social humana. E se partimos de que nos acomodamos mellor coa nosa mala conciencia que coa nosa mala fama na sociedade na que vivimos, a intimidade está chamada a constituírse nun poder capaz de orientar a acción e conformar a "mismidade" persoal para enfrontarse ao poder rival da reputación, EVITANDO A FORMACIÓN DA REPRESENTACIÓN DO QUE OUTROS PENSAN DE NOSOUTROS E VALORANDO O CUSTO-BENEFICIO DISTO. É dicir, a intimidade debe exercer unha crítica da conciencia moral "posconvencional", facendo uso da liberdade.
Por agora, isto é todo. Só me queda saldar a deferencia cos lectores, por tanta leria.

NOTA:
1.- Como di Zubiri, a habitude, o modo de enfrontarse ás cousas, tense ou non se ten, pero xamais pode ser problema, porque as cousas e o mesmo vivente non actúan nin suscitan, senón que só QUEDAN en certo respecto para o vivente. Este mero quedar é o que constitúe a ACTUALIZACIÓN, que non é actuación. Polo tanto, "reactualización" ven a ser unha reafirmación do actualizado acusando a consistencia e subsistencia da persoa, e isto é unha versión da intimidade. (Modestamente, así o entendo).
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES