Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dúas obras de Espiño Meilán

viernes, 23 de febrero de 2024
Está en Lugo José Manuel Espiño Meilán aínda que, certamente, nunca se foi; ou non se foi nunca de todo. Leva, si, décadas vivindo nas Illas Canarias, pero ten a virtude dunha especial ubicuidade, e sobre todo exerce unha dobre "nacionalidade" conxugando as excelencias das dúas terras, exercendo de galego nas Canarias e de canario en Galicia coa absoluta naturalidade que da o fondo coñecemento de historia e vida galega e canaria -e da natureza dunha e doutra- e ese exercicio é teórico e práctico; escribe sobre natureza, ensina sobre natureza, camiña, percorre paisaxes, vive a natureza cunha paixón total.
Escribe sobre Canarias e Galicia, e non pode evitar vir a Galicia presentar os seus libros galegos, pero tamén os canarios. E hoxe, ven a presentar dous referidos ao Camiño de Santiago en Canarias, editados polo Goberno autonómico das Illas, repartindo entre os presentes os exemplares que puido conseguir porque están xa totalmente esgotados, se ben poden verse e consultarse na web de Turismo de Canarias.
 Dúas obras de Espiño Meilán
A primeira vez que escoite falar do Camiño de Santiago en Canarias chocoume o tema. E sorprendinme gratamente ao chegar a Gáldar, e comezar a ver letreiros do "Camiño de Santiago", e entrar na igrexa dos Cabaleiros de Santiago para sentirme nunha cálida, pequena, Compostela na que -desde tempos nos que as distancias eran aínda moito máis inmensas- os isleños podían atoparse co Apóstolo confortador de peregrinos. Presentamos hoxe dous libros do galego-canario José Manuel Espiño Meilán, dous libros aparentemente infantil e xuvenil, respectivamente, pero que resultan dunha madurez tan rotunda que cabe cualificalos para "Todos os públicos", aínda que habería que consideralos -de acordo coas clasificacións que había na miña mocidade- como "Especialmente indicados para menores" e, á vez, tamén para os maiores.
O libro infantil é, sería, Airam y el Apostol, pero -xa dixen- non nos engañemos, é moito máis porque é o relato dunha historia que ben puido pasar, vista con ollos de hoxe e contada aos canarios e aos galegos especialmente, pero que ten dimensión, ámbito, mundial.
Espiño Meilán non da puntada sen fío, e en todas as súas obras asoma a querenza natural, naturalista, froito da súa esencia galega, conxugada coas fragrancias, as crenzas, as lendas, a natureza desbordante das Illas Canarias, onde ás veces só apreciamos o bonancible e a calidez do clima fronte ás nosas durezas climáticas. E José Manuel deveu en ser un especialista namorado da natureza e da vida das dúas terras nunha comprensible asunción da conxunción de contrastes.
Airam é un neno de dez anos que aparenta doce, coa sensibilidade dunha persoa de cincuenta que sexa especialmente sensible... o seu nome ao revés lese María. Pero o neno leva o nome simbólico dun príncipe guanche que significa "liberdade", fillo do mencey Zebenzuy. Se en Galicia temos asumida a herdanza moito máis que bimilenaria dos devanceiros, nas Canarias esa protohistoria cobra un protagonismo especial, esencial.
 Dúas obras de Espiño Meilán Na praia de Maspalomas, o neno Airam soña ser pirata ou náufrago, queda durmido e no sono soña cun temporal no mar, uns pescadores nunha barca que leva unha estatua ecuestre de Santiago, que prometen ao apóstolo que se os salva do naufraxio inminente, hanlle construír unha capela no alto dun monte da terra á que se dirixen… e chegan a Arguineguín, nome sonoro onde agora chegan novos náufragos que se xogan a vida na procura dun mellor futuro.
Ao espertar do sono / soño, o neno convence aos seus pais de ir buscar o pobo de Tunte, escoitado no soño, que resulta ser o nome aborixe de San Bartolomé de Tirajana, para comprobar que alí houbo en tempos unha ermida do santo montado nun cabalo...
O soño de Airam entronca coa lenda que fala dunha imaxe do Fillo do Trono, traída por pescadores hai medio milleiro de anos, que ergueron unha vella ermida, esborrallada polo paso do tempo, pero que quedou na memoria popular traducida na devoción polo apóstolo e na existencia do Camiño de Santiago nas Canarias que vai de Maspalomas e Tunte a Galdar, e ten o mesmo recoñecemento da Igrexa ca os Camiños a Compostela que veñen a dar, no cabo do mundo, á Capital de Occidente, Santiago.
O segundo dos libros, "Un camino de leyenda", especialmente indicado para mozos de todas as idades, xoga no título coa lenda do Apóstolo que fixo xurdir o Camiño, pero tamén con que a ruta a seguir é pura lenda polas marabillas que agocha e que os peregrinos descobren.
Afeitos á vizosa natureza galega, á ricaz fermosura dos nosos camiños, sorprende coñecer (descrita con todo detalle neste libro) unha natureza que puideramos estimar árida naquel camiño que, quen llo diría a don Elías!, está marcado con frechas amarelas como xa o están todos os camiños do Apóstolo, desde que Elías Valiña Sampedro comezase a marcar estas vías de peregrinación.
Como bo naturalista, como ser humano sensible ás cousas pequenas, o autor fai protagonista secundario a un lagarto canario rabicorto que se converte en polizón das mozas e mozos viaxeiros, que camiñan entre salvias, codesos, xestas, líquenes e musgos, inciensos, palmeiras, esparragueiras ou vinagreiras, marrubios ou orquídeas, pinos, morgallanas ou tajinastes... E con eles desfrutan desa riqueza vexetal pinzóns, herrerillos, picapinos, abellas, mariposas, lagartos, falcóns ou ovellas trashumantes...
Chámanlle a este o Camiño dos volcáns, por percorrer terras que xurdiron dos abismos máis fondos dando lugar a cráteres, macizos, mesas, roques, caldeiras, barrancos, cantos rodados, covas... e vida que reflicten pobos de fermosas edificacións tradicionais, innumerables embalses que gardan o precioso líquido imprescindible para a vida, necrópoles que gardan memoria dos devanceiros... co Teide na cima, e o fito da Cruz de Tejeda con monumental cruceiro que da lugar a que un dos viaxeiros, galego, arrepíe aos expedicionarios coa historia da Santa Compaña. Nas obra de Espiño Meilán, sempre, a historia, a lenda e a natureza das Canarias… pero sempre tamén a historia, a lenda e a natureza de Galicia, a súa terra, fundíndose coas Canarias polo coñecemento e amor deste galego-canario de corazón grande entregado ás dúas terras.
O Camiño de Santiago nas Canarias son 62 quilómetros de vida, cruzando de sur a Norte a gran cuncha de lava que se chama Gran Canaria. E ten peregrinos e sendeiristas, selado de credenciais, prazas de Santiago e Portas Santas, xubileos e indulxencias plenarias... e remata en Galdar, na igrexa dos Cabaleiros de Santiago, que está construída -non por casualidade; entronque coa protohistoria- sobre os restos do Pazo dos Guanartemes, que eran os reis aborixes en Gran Canaria, no guanartemato de Gáldar, no tempo da conquista europea no século XV.
Este libro sobre "Un Camino de Leyenda" é unha guía do Camiño, para rapaces e para maiores, á vez que é unha guía de natureza, de conduta ecolóxica, de frescura moza, de invitación ao camiño e á vida, que en moitos aspectos -camiño e vida- son sinónimos.
Os libros foron publicados polo Goberno de Canarias onde un galego, Ciprián Rivas Fernández, foi Director Xeral de Ordenación e Promoción Turística, contan con luminosos debuxos de Jaime Checa Gimeno, e os non menos luminosos textos de José Manuel Espiño Meilán, que predica amor pola natureza en calquera momento, en calquera lugar, e por calquera medio.
Que veña presentar estes libros canarios é unha proba do seu vencello, do seu amor pola cidade. Pero tamén, e especialmente, é unha proba de que o Camiño de Santiago é algo universal, un ben mundial, que non coñece fronteiras físicas nin políticas, e este acto e estes libros, e todo o labor de Espiño Meilán, son boa proba de que vivindo na terra onde rematan todos os camiños, aínda temos moito que aprender do Camiño de Santiago; dun especial Camiño de Santiago nas Illas Canarias.

(Palabras de Xulio Xiz na presentación de dúas obras de José Manuel Espiño Meilán na Biblioteca provincial de Lugo o 22 de febreiro de 2024).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES