Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

18F, unha festa

jueves, 15 de febrero de 2024
Afeitos a santificar as festas, convertimos celebracións efémeras en festas de gardar, e adoitamos bautizalas coa cifra do día e a letra do mes, de xeito que agora mesmo o 18F, o próximo domingo, vai ser día de gloria para os que a votación lle sexa propicia e de pranto e renxer de dentes para os que lles peche a porta.

Axiña esqueceremos o 18F como moi lonxe queda xa o 23X, no que votamos coas calores do verán, pero as datas previas teñen remexido ánimos e conciencias, coas campás políticas tocando a rebato -sinal de alarma diante dun perigo- para afrontar a batalla que, como case todas, é a morte.

Como moitas das nosas romarías, os festeiros veñen de lonxe, romeiros peregrinos que queren amosar a devoción polo santo patrón, impetrando a súa graza. E pasan altos cargos que devalúan o seu papel gobernante disfrazándose por un día de humildes nas distancias curtas, sen saber ou sabendo que o que aquí impresionou sempre foi a Santa Compaña.

Coido que á nosa xente non lle fai falla incursión foránea para amañar a comunidade que está tranquila na esquina que a natureza lle asignou, valéndose en por si, a menos que se nos queira poñer de manifesto que estaríamos mellor se tiveramos algo con que extorsionar e o noso pulgar político -arriba ou abaixo- tivera vital poder decisorio.

Hai tempo aos nenos dicíasenos, á hora de escoller cores, vestidos ou galanos que elixiramos o que máis rabia nos dera. Ben sabiamos que esa rabia era unha especial metáfora. Estes días chegan ás nosas casas sobres de todas as cores para brindar na próxima celebración. Votade polo que "máis rabia" vos dea. Porque vai ser unha festa.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES