Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 15 de febrero de 2024
O soñador de sempre

Quero ser caxato de temoeiro e son cilindro que dá voltas coma polo sen cabeza. Vou, veño; estou, non estou... e todo queda en silencio. Xa non sei quen son. Deica agora era o heroe dos tempos nos que non había por que facer heroicidades. Agora agacho coma un covarde e esperando a que a loita acabe, a que o desexo se calme. Ai desexos que van máis alá do imposible, asentados sobre a almofada da esperanza.
Pingas de OrballoQuero ser Clint Eastwood nunha do Oeste e son extraterrestre que vaga polo universo sen fin, porque xa hai tempo que perdín a nave e a órbita. Pero que todo sexa por un conto aínda que sexa mal contado ou por unha harmónica mal tocada. Que lle vou facer!; non son Charles Bronson nin me chegou a miña hora. Son, quizais, a asubío que vai e vén por ese silencio que deixou de ser tal. Son o reflexo dun espello que rachou polo golpe dun latexo.
Quero ser repolo de terreo e son abeaca de arado que abre os poemas con versos asucados desde a máis completa infancia. Hai sentimentos tan inocentes que a éxtase e a gloria cinguen nunha aperta eterna, nun bico quente e nun salouco inmenso. Hai inocencia en dúas miradas que se cruzan e hai música nas palpitacións que se escoitan desde a distancia. Hai historias que se sementan nesa leira chea de poesía. Hai barullo, hai silencio. Hai devezos, hai consolo. Hai palabras de auga que refrescan o espírito.
Quero ser o aire que respiro e son a agulla do reloxo que corre polos minutos da lembranza. Daquela na que o tempo nin corría nin pasaba; simplemente estaba, existía. Daquela na que os soños eran soños e os pesadelos acababan enterrados no fondo dos regos. Son o soñador de sempre.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES