Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A viaxe das andoriñas tituladas

viernes, 09 de febrero de 2024
En 2022 fóronse de España 426.000 con alta cualificación académica e boa formación profesional. Un ano antes atoparon traballo en países da UE e EE.UU 381.000. Datos que aporta Andreu Missé xornalista especializado en economía. O ácedo humor migrante di que en España hai moitas saídas para a mocidade: El Prat, Barajas, Lavacolla. Perda de capital humano.

Na España e Galicia, baldeiras e envellecidas, donas de medos e silencios, os números son desconsoladores. Cada día emigran máis de mil rapaces. Sospeitan que aquí vivirán peor que os pais. Xeración perdida. O duro informe "Presente y futuro de la juventud española" di que o seu peso demográfico baixou do 23,5% ao 14,8%. Que teñen máis oportunidades educativas que os pais pero menos posibilidades de emanciparse. Que chegan ao mercado laboral con soldos baixos e condicións precarias. Que terán que esperar sete anos máis que os pais para alcanzar o soldo medio.

Xusto cando polo sur entran miles de inmigrantes peor cualificados fuxindo de países invivibles. Como Senegal, onde as grandes flotas pesqueiras chinesas, rusas e da UE baldeiraron o mar. A pesar do tremendismo xenófobo cómpre recordar que sen inmigrantes España estaría paralizada e a súa economía colapsada.

Vanse rapaces formados, fartos dun país que os maltrata. Iso si, España é un gran país para vivir e beber, divertirse e comer, se paga a festa a pensión do avó, se os acubilla o niño quente da casa dos pais. Vanse e viven. Atopan parellas, casas, traballos fóra. E recoñecemento profesional. Como as andoriñas de Bécquer volverán a casa uns poucos días no verán, no Nadal. E vanse cargados de embutidos e nostalxia.

Camiñando da equidade á desigualdade, España semella unha rede de satrapías clientelares onde o talento conta menos que ter a alguén no organigrama do poder. A meritocracia pesa menos que a herdanza e o código postal.

¿Cómo é posible que non teñan sitio en España os que se atreven coa biotecnoloxía en Alemaña, en Suecia con Mozart, en EE.UU. coa IA? ¿Canto costa unha formación de calidade que produce tanto valor engadido fóra onde os reciben cos brazos abertos? ¿Cómo soportar a lea borrascosa duns políticos incapaces de atopar ocos no país para xente nova e brillante, tan preparada, emprendedora e arriscada? Na intemperie de mediocridade é complicado encaixar filósofos, científicas, músicos, investigadoras.
Costeamos a prezo de ouro a educación dunha rapazada abocada á precariedade, soldos indignos e casas imposibles onde habita a usura dos alquileres. Condenados ao limbo dun presentismo de quen sabe que termar dunha familia e ter fillos son luxos que non se poden permitir. E así, cun billete de avión e un cerebro ben amoblado emprenden cada ano a viaxe sen retorno das andoriñas tituladas.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES