Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 08 de febrero de 2024
Teñen as bágoas sabor a picante?

Alguén me preguntou de que sabor eran as bágoas? A verdade é que non o sei dicir. Si que teñen sabor a algo, pero non sei dicir moi ben a que. Case sempre se dixo que o seu sabor é salgado. Outros que doce. Poden as bágoas ter a cor da esperanza? Esta din que é verde, non si? Os sabores e as cores é algo moi relativo. Para gustos hai cores.
Pingas de Orballo De que sabor é a felicidade? Hai lágrimas de felicidade. De que sabor é a pena? Esta poida que si teña un sabor concreto: a fel, a bile. A mágoa é que hai lágrimas de pena. Si, tamén hai lágrimas de crocodilo. As falsas. A falsidade ten sabor, ten cor? Creo que aínda é peor ca pena; a falsidade é negra, é aceda, é traidora, é hipócrita.
Hai bágoas que teñen sabor a soños, a asubíos románticos e á cor amarela da flor do toxo. Hai bágoas de ansiedade, nas que dá igual o sabor; simplemente que caen e baixan cunha certa ansia ante a esperanza dun desexo. Hai bágoas que saben a berros e silencios. Hai bágoas sobre as almofadas e sobre os ombreiros... de quen cadre. Hai bágoas mornas e frías, calmas e de moita ebulición.
O sabor das bágoas é unha mestura de sentimentos e anhelos ou devezos, de silencios e leitos, de abrazos e bicos. Algunhas bágoas teñen sabor a versos soltos ou a poemas enteiros. A maioría saen de moi adentro. Moitas son o bambán duns sentimentos que afloran, que emerxen, que xorden e non queda outra que deixalas agromar. Aquí xa dá igual o sabor e a cor. Cando brotan baléirase a alma, unhas veces, e furgan no espírito, outras. Nunca deixan a un indiferente. Teñen as bágoas sabor a picante?

O home de Asunción

Falei co home de Asunción, ó que, por certo, non lle coñecía o nome, sobre un asunto no que os biosbardos bailaban ó son dun ladrido do meu can Uriarte. Miroume un pouco estrañado e díxome que a min non me coñecía de nada. "Eu tampouco te coñezo moito", díxenlle, "pero sei que es o home de Asunción". "E que?", preguntoume. "Nada. Que só tiña ganas de falar contigo".
Pingas de Orballo Agora xa me mirou de mala maneira, e de esguello! Pero antes de que dixera nada, volvín a falarlle sobre a cuadratura do círculo colgada dunha galla dun carballo e asubiando. Rosmou de que non sei que me mallaría coa galla do puto carballo. Con boas maneiras pedinlle calma. Non fixo moito caso; primeiro deume un empurrón suave e, cando viu que eu deixaba aflorar un sorriso, quixo lanzarme incluso unha labazada. Esquiveina, eludina, sorteeina; son eu o tal para deixarme zoupar. "Pero, home, que fas", solteille. E fixen coma un neno pequeno: "Mira que llo digo a Asunción".
O home de Asunción esbardallou e braceou de tal forma que non me quedou outra que recuar uns pasos. Ó mesmo tempo solteille un pequeno discurso sobre o discernir da Santa Compaña polas carreiras das Pedradarcas. "Non sabes onde quedan as Pedradarcas?". "Alá en Baños de Molgas, tirando para o outeiro de Vide", acabei por confesarlle.
Cando notei que o acaloramento do home de Asunción ía a máis -incluso se lle notaba como o sangue lle subía ás meixelas-, recuei uns pasos máis e só me atrevín a dicirlle que lle dera recordos a Asunción. Sorrín e, antes de que reaccionase, dei media volta e marchei.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES