Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 07 de febrero de 2024
Confusións

Ás veces confundo o sentido coa sensibilidade, a carraxe co odio, unha furgoneta cunha camioneta e o monte Medo co de Pinouzos. Báilanme os obxectos e mestúranseme os pensamentos. Claro que, con todo iso e algo máis, fago un nobelo, un feixe e cargo con el sobre os ombreiros.
Pingas de Orballo Pesa. Vaia se pesa. Pesa como a culpa e a inconsciencia, como o pecado e a imprudencia, como a xenreira e a hostilidade, como o mal e a doenza. Non obstante, cargo con todo porque con todo hai que saber cargar; para tirar sempre cara á adiante. Aínda que se dea algún paso atrás. E haino que dar. Pois xa sabemos que todos os camiños teñen os seus atrancos.
Por moito que se diga, non confundo a velocidade co touciño, nin o repolo coa verza branca, nin os cabazos coas cebolas, nin as peras cos olmos. De algo ten que valer sentirse labrego. E gandeiro. E rural. Tampouco confundo a Galicia profunda cos parvos de pacotilla nin cos paiolos de xenuflexión. A ver se pensan algúns que as vacas non ensinan nada e que os sachos son caxatos ou bastóns para axudarnos a andar. A Galicia profunda vai moito máis alá duns listiños ou intelectuais con toga.
Por veces confundo os latexos cos tronos, os desexos cos alustros e un mar de nubes cun banco de néboa. Aínda que, así, sei soñar esperto e fágoo, por suposto, á miña maneira, que é como mellor se soña. Sei mirar para o reflexo dun espello e sei como engancharme a un anhelo eterno. Sei que o cosmos é eterno, aínda que o meu universo sexa pequeno. Pero é o meu universo, o meu devezo, o meu soño.

O Viaxeiro

Son un viaxeiro de moito pendello. Viaxo moito. Gústame viaxar. Pola mañá fun dúas veces ó centro de Ourense e pola tarde volvín ó centro de Ourense. Pola mañá fun á Valenzá. Pola tarde volvín á Valenzá. Viaxo de aquí para alá e de alá para acá. Viaxo por todos os lugares habidos e por haber. Viaxo ó Oeste coa música de Morricone e ó futuro con Vangelis. Viaxo para ler na explanada que teño por xunto ós garaxes.
Pingas de Orballo Viaxo polo verbo viaxar, desde o presente de indicativo ata o pretérito perfecto, pasando, por suposto, polo xerundio e polo pretérito imperfecto. Viaxo pola vía láctea e pola carreira das Costelas, polas cores do arco da vella e cando saio de paseo coa cadela. Viaxo a Ramiras, en Macendo, e a Baños de Molgas, miña terra. Viaxo amodiño e correndo.
Son viaxeiro de forza maior. Porque teño medo que se non viaxo, a casa me caia encima. Non me apetece ter unha morte desas. Ademais, viaxando vese mundo, moito mundo. Hoxe por hoxe aínda que só sexa pola contorna. Pero baixo a batuta do pretérito perfecto, podo dicir e digo que viaxei pola maior parte de España, por Montpellier, por Venecia, por Iugoslavia cando aínda era Iugoslavia, por media Grecia, por Sofía, por Chaves, por Viana do Castelo e Valença do Minho, por Santa Cruz de Tenerife, por toda a costa galega, por todo o interior galego e, se queredes, mesmo pola Galicia profunda. Polo monte Medo farteime de viaxar polas mañás. Polo monte de Pinouzos media vida viaxando polas tardes.
Viaxo polos sentimentos e os soños, polas pingas dos bafos dos espellos, polos campos de fútbol e as vías do ferrocarril, polo eco dun berro e polas asaduras da ansiedade. Viaxo coa música de Elvis Presley e de Sabina, de Carlos Núñez e Guadi Galego. Viaxo sempre porque son un viaxeiro eterno.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES