Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As eleccións do antroido

miércoles, 07 de febrero de 2024
Se miramos no dicionario 'entroido' (que o 'antroido' dunha ampla zona está desterrado do dicionario da RAG), atopamos, a máis do seu significado máis usado, na cuarta acepción "Persoa que en xeral anda vestida de maneira descoidada ou ridícula". Por outra banda, se procuramos por 'eleccións' atopamos "Acción e efecto de escoller unha ou máis persoas para un cargo, particularmente político, por medio de votos".
Cando isto escribo, estamos xa en campaña electoral en Galicia para as eleccións do 18 de febreiro, e faltan dez días para o martes de antroido. Ou sexa, de aquí ás eleccións, confundiranse mensaxes electorais con antroidadas. No tempo, pero tamén na aparencia. Máis aínda cando parece que a tendencia, referendada unha vez máis este ano, é que o período de antroido, en beneficio do turismo, se amplía. Confusión á que dá pé que se comecen os actos festivos tres fins de semana antes, como en Foz, ou facéndoos estenderse a tres fins de semana en lugares como Ribadeo, engadindo e estirando convocatorias festivas. Ou, pola outra banda do mesmo 'máis aínda' antes citado, cando mesmo antes da chamada 'precampaña', o tempo tende a confundirse co dunha campaña electoral permanente, ou cando ó primeiro debate non se presenta o candidato 'máis popular'.
Nos desfiles de antroido aparecerá algunha figura política, claro. Pero coido que a influencia ven sendo, dende hai tempo, maior en sentido contrario. Isto é, influíndo máis as ideas do antroido na política que as da política no antroido.
Dicía eu hai máis dun cuarto de século nun pregón que titulei 'o antroido do futuro': "O disfrace de antroido permite facer moitas cousas que en outro caso serían vistas con moi malos ollos". Tal parece que nas eleccións ocorre algo semellante cos candidatos, que se acollen ó dito castelán 'Prometer ata meter, e logo de meter, esquecer o prometido'. Claro que o citado dito tamén se está a aplicar máis e máis no día a día político.
Tamén apuntei daquela que "disfrazarse ten os seus límites". Pero iso parece que ao menos está murcho, se non caducou. Tanto no antroido como na política. No antroido, porque a diversidade na sociedade actual pode sobrepasar de longo a caracterización das antigas máscaras, e o disfrace confírmase como iso, como disfrace, e polo tanto, perde parte da súa realidade e do seu impacto. E, na política, porque entre ocultacións, falsas novas e diversos outros desaxustes, parece que pouco importa para os votos e outras cousas o que fagan os políticos, senón que só importan as relacións que teñan tecido con outros poderes (mediáticos, empresariais cando non son os mesmos que os anteriores, etc) para lograr e manterse no seu poder, a veces concibido como principal e outras só como poder vicario daqueles nos que procuran apoio.
Unha nota final: no último caso apuntado no parágrafo anterior, o título deste artigo quizais debera cambiarse a algo como 'as eleccións dos antroidos' ou 'a elección do antroido'.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES