Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Día das Letras Chairegas

lunes, 16 de marzo de 2009
O 21 de marzo de 2000 celebrouse por vez primeira o Día das Letras Chairegas como culminación dunha idea que abrollara tempo atrás no IES Xosé Trapero Pardo de Castro de Ribeiras do Lea e que de contado se fixo xenerosamente extensiva aos demais centros educativos, colectivos culturais e institucións oficiais da Terra Chá coa finalidade de achegar a cultura viva ao alumnado e ao tempo homenaxear a autoras e autores da nosa bisbarra. O consenso entre quen quixo sentirse partícipe da iniciativa foi doado e abofé que durante catro anos acadouse cumpridamente o obxectivo con algún ca outro atranco oficial froito da ignorancia dalgunha rexedora municipal que antepuxo intereses partidistas e non soubo ler o evento como estritamente cultural e educativo. Manuel María, Agustín Fernández Paz, Pepe Chao e Darío Xohán Cabana compartiron a súa sabedoría con rapazas e rapaces que beberon directamente a riqueza da creatividade literaria. E xamais houbo discrepancias entre docentes, aínda que se botara en falta e reclamara máis dunha vez apoio (sic) institucional. Por iso se produciu un baleiro en 2004, agardando espertar conciencias entre representantes da cidadanía que non parecían excesivamente interesados. Certo é que algún alcalde tense ofrecido verbalmente a xeito particular, pero sempre se pensou que debía ser cousa e causa común; o protagonismo e aproveitamento haberían recaer exclusivamente no alumnado.

Con estes antecedentes un non pode entender baixo concepto algún o acordo adoptado ao respecto polos concellos que integran a Mancomunidade, entre outras razóns porque non representan en absoluto á totalidade da Comarca ao ser unha postura tomada unilateralmente sen contar con máis ninguén. A Terra Chá, definida pola propia natureza malia que o señor Precedo Ledo se empeñara en furtarlle planicie e engadirlle montaña seica en función de determinados intereses políticos e económicos provinciais, é algo máis do que se pretende. Nas edicións anteriores sempre se teñen realizado convocatorias xeneralizadas, a pesar de que houbera logo quen en uso da súa liberdade decidira non participar, como paradoxalmente é o caso dalgúns dos concellos convocantes. O camiño emprendido supón unha descarada apropiación indebida, poida que ademais ilegal, dunha celebración que naceu con fins ben distintos aos que agora se presentan como festividade deportivo-gastronómica mesmo violentando a data que por unanimidade se tiña establecido no 21 de marzo. O feito deslexitímase por si mesmo e supón tal disparate que ata o propio autor elixido para a ocasión advirte, nunha actitude que o honra, que non participará na farsa. Dende logo poderase festexar o que se queira, pero nunca baixo a denominación de Día das Letras Chairegas.

Sexamos pois sensatos e recapacitemos. Aínda estamos a tempo de poñer algo de cordura e volver as cousas ao seu, tomando, se hai auténtica vontade, un verdadeiro compromiso coa nosa cultura. Non vai ocorrer nada porque non se celebre este ano e ata pode que teña resultado positiva a crise, a menos que o que se pretenda sexa matar ao mensaxeiro. As Letras Chairegas e a nosa Chaira merecen algo máis de respecto.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES