Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sermón de Entroido 2024

miércoles, 07 de febrero de 2024
Moi boas veciños!
Véñovos a falar.
Traio o Entroido comigo
e ponme no bico un cantar.

Revolto anda o mundo.
Dende o mar ata a serra
esquécese a fraternidade.
En cada esquina unha guerra.

Rusia non conquista.
Ucraína foi axudada.
Mais á pobre Palestina
xa a teñen esganada.

Nestas putas guerras
morre a xente inocente.
A causa queda en palacio
comendo caldo quente.

Onde non vos hai guerra
hai asalto ao poder.
Non debería ser elixido
quen non sabe perder.

Bolsonaro asaltou Brasil,
manipulando á masa.
Háivos febres de poder
que non vos teñen taxa.

Lula voltou ao pobo
e abriulle a porta grande.
O Bolsonaro, sen furnas,
tirou do propio glande.

En Arxentina, meus amigos,
xa vos gañou o liberador.
Mais o ceibe é o mercado
non o pobo traballador.

Dios dé acierto arriba,
Dios dé mansitos abajo
que para todos grita Milei
"viva la libertad, carajo".

De volta a Europa
atopámonos coa inmigración.
Moito se fala dela
mais ningunha solución.

A solución estavos
no codesenvolvemento.
Ninguén se vai da terriña
se nela ten sustento.

Outra bulla que tivestes
foi cos cataláns.
Tanto medo a votar
xa se vos vai das mans.

A cousa dos indultos
ándavos a dar ben dores.
Outras veces tragades
aldraxes moito peores.

Por isto de Cataluña
incendiades este Madrid.
Os retrocesos tragádelos
cunha capa de verniz.

Quen defenda a vida.
Vivir é máis que nacer.
É pan, sanidade e educación.
Tamén é poder ser.

Quen defenda a vida,
defenda o dereito
que, con bos servizos,
vai do dito ao feito.

Fixeron un gran teatro
cunha moción de censura.
Levaron un monicreque.
Esta xente non ten cura.

A constitución pon disminuídos
nós somos persoas con discapacidade.
Quen non quere o cambio
non nos ha dar dignidadade.

Temos os mesmos dereitos
forxados con liberdade.
Abaixo o pensamento único,
arriba a nosa diversidade.

Quen defende sempre
a lista máis votada,
que aprenda a negociar
ou nunca fará nada.

Negociar é falar con todos.
Algúns pensan que é negocio
e buscan, no capital,
o amparo dun bo socio.

Garamendi regularízase
como alto directivo.
Séguevos a sentar cátedra
tan soberbio como altivo.

Estavos ben, ben clariño
todo o seu pensamento:
se se paga algo menos
sobe o rendemento.

Garamendi é un necesitado.
A nós ben nos chegan mil
pero a súa señoría
precisa catrocentosmil.

O que si é o señor
cos da súa corda legal:
iso de gravar á banca
chéiralle moi mal.

No mundo, meus amigos,
háivos crise de cereal,
e os señores da madeira
quérenvos todo piñeiral.

Por iso, agora mesmo,
non falo por falar:
viva quen sementa
que a fame sabe atallar.

No mundo tamén hai sede.
Quizais veña o viático
se non remendamos xa
o do cambio climático.

Temos eses feros pélets
ameazando o noso mar
e, para saber, buscamos
pero non queren informar.

Logo estavos o risco
da intelixencia artificial.
Déixavos ben espidos
e logo pasádelo mal.
Lexisládea con tino.
Lexisládea con rigor.
Que non se vos converta
nun problema moito peor.

Non me esquezo amigas
do chulo e altivo de Luís
pero quédome coas de Jenni
que fixeron campión ao país.

Agora que hai eleccións
mirade a quen votades.
Logo veño de entroido
e todos me chorades.

Mirade para outros lares.
Querédesvos libres ou servos?
Cando se pechen as furnas
eu non teño que facervos.

Moito queremos en Galicia
ao gran actor que é Viggo.
Defende o galego con nós.
Évos un gran amigo.

Para vós, meus veciños,
deséxovos de corazón
un bo ano de fartura
con esta bendición:

Meu pobo, érguete ceibe.
Nunca te deixes salvar,
que nada che vale a vida
se nela te fan calar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES