Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O uso impropio dos termos políticos

viernes, 02 de febrero de 2024
Nas contendas que os políticos soen ter para acreditarse ante os cidadáns, a fin de acadar unha situación nas institucións que lles permita participar dun certo poder, e sempre con descarada e arrogante teimosía, utilizan como dardos dialécticos contra os opositores aqueles conceptos de contido tradicional ideolóxico rexeitado, atribuíndolles adhesión aos mesmos, para sortear a refutación das fráxiles argumentacións que deberían utilizar na oportunidade. Así que, tanto lles afean a carencia de algo, como, por exemplo, a da condición de demócratas, de igual modo que o exceso de actitudes proclives a posturas ideolóxica rexeitables, como a empachosa atribución de FASCISTAS. E sobre isto, pensei que talvez conviña ofrecerlles algo que lles permita a vostedes facilitarlles a medición do grao de ridiculez e impertinencia de tales prácticas, xa convertidas en habituais.
Nalgunha colaboración anterior ocupeime da "democracia". Agora só recordarlles que este termo, que tanto sacan a palestra os que están máis necesitados de respectar o contido conceptual da verdadeira denotación da mesma, algo que xa non colleu de sorpresa a Tocqueville, quen, por razóns analóxicas, afirmou que a democracia pode desembocar nun absolutismo maioritario e poñer en perigo a liberdade. Xustamente por isto non deberíamos esquecer, incluso, que un "anti-democratismo", veña de onde veña, vestido cun traxe de aparencia democrática, pola súa pelaxe "caleidescópica" das integracións heteroxéneas de conveniencias persoais, pode desembocar, incluso, nese perigo, e nunha soterrada "poliditadura", que parece asomar os fociños maculados de tanto furgar no nebuloso armazón de matiz político, cando menos, desconcertante neste noso país.
Engado unha brevísima referencia ao LIBERALISMO. Prima nel o control do poder. Principalmente COMO se controlan os límites do poder público, evitando que sexa absoluto, con independencia de quen o ostente, se ben non se compadece coas democracias "caleidoscópicas", non só polo perigo que entrañan, senón tamén polas "orquestacións" encamiñadas a manipular a verdade á cidadanía, clarificadora da xestión pública, por quen proceda levala a cabo.
Pasemos agora ao FASCISMO. Talvez conveña contrapoñelo ao NAZISMO. E para iso penso na autoridade do famoso historiador italiano, Emilio Gentile. Segundo este historiador o "Fascismo" FOI (polo tanto, non é) un fenómeno político revolucionario moderno. Pretendeu acadar os seus obxectivos con prácticas totalitarias, e, conseguintemente, as súas características tiñan un forte matiz "anti-liberal" e "anti-democrático". E a organización estaba marcada polos modos militares da época. Como os principios estaban fundamentados nos ANTI-TODO, tampouco quedaban fora o marxismo, o comunismo, etc., todo cunha ideoloxía tamén "anti-teórica"; pero aínda quedaban "antis" para a ilustración e para a paz, debido o belicismo que o acompañaba. Gentile deixou espazo para o EUGENISMO do nazismo, no que o Estado estaba subordinado ao partido, mentres no fascismo, se consideraba a nación como unha comunidade xerarquizada, etnicamente homoxénea, baixo a férula dun líder carismático.
Só con isto á vista, vostedes, amigos lectores, ¿danse conta do que se atribúe a QUEN, ou a QUE, lle cae a cualificación de FASCISTA?. ¿A distorsión sentimental "ético-pasional" do/da afeccionado/a a adxectivar con eses cualificativos aos adversarios políticos, impídelle empregar a metroloxía adecuada para medir a propia ridiculez?. E formulo esta última pregunta, porque seguro que conta con recursos no seu mesmo comportamento que lle poden ser de utilidade para esa medición. Tamén nestas lides adoita facerse uso doutros termos que eu denominaría "anti-pedagóxicos", xa que os "lidiadores" esquecen a súa función pedagóxica, incluso impasibles ao impacto polo descoido irresponsable das obrigas inherentes á propia situación, como marco de esixencias reguladas, e moralmente implicadas, para os comportamentos estruturados da súa función pública, que aceptaron.
Esta impropiedade relativa o emprego dos termos políticos polos políticos non é un mal hábito só de España; pero aquí está acentuado pola teima dos nacionalistas de desbordar os límites da máis esixible sensatez, precisamente levando, aos que non comulgan no seu credo de contido excluinte, a situacións humanamente detestables, cunha visión democrática axustada ás esixencias que os ocupan e unha certa matización racista con variados particularismos en consonancia coas oportunidades. En realidade podería afirmarse que hai indicios de que non vacilan en reducir a humanidade ao propio concepto de nación, en vez de converter esta en paradigma do humano. En España, creo que Ortega sinalou un camiño que non sempre se interpreta ben. Falounos da "nacionalización"; pero, no noso caso, como incluínte do mesmo Estado, por iso a considera como a "plena decencia da vida pública", e implica que todos os españois nos sintamos elementos "constitutivos" da realidade de España, e non só constitucionais, precisamente pola variedade de perspectivas que poden manterse nestes sen caer no erro de afectar a "constitutividade", forxada pola historia, como unha realidade sociolóxica ben "talificada", en expresión zubiriana.
O pobo correctamente nacionalizado debe sentirse a si mesmo moito máis aló das diferenzas e tensións, desde a perspectiva dun proxecto de vida en común, aínda que a diferenzas na maneira de conducilo a súa realización permitan discutir as respectivas metodoloxías. Isto parece xustificar que D. Jesús Esquerra, do Departamento de Filosofía da Universidade de Zaragoza, afirme que a nacionalización en Ortega, non é a "Nationalisierung der Massen" hitleriano, senón del Estado, evitando así a confusión co papel da "Rebelión das masas".
E xa para ir terminando, traemos aquí o contido dunha cita, que nos ofrece Ortega (que el traduce), relativa á desconfianza de que as cousas vaian para mellor, porque xa así parece que o entendía Horacio nunhas liñas das súas Odas, Libro III, 6. Son estas: AETAS PARENTUM PEIOR AVIS TULIT / NOS NEQUIORES, MOX DATUROS / PROGENIEM VITIOSOREM ("Nosos padres, peores que nosos avós, nos xeraron a nosoutros aínda máis depravados, e nosoutros daremos unha proxenie inda máis incapaz"). E moi a propósito do que nos di Horacio, escribe Ortega no seu tempo, E CON CERTO ECO MOI FORTE NO NOSO, o seguinte, que traduzo ao meu galego: "Dous séculos máis tarde non había en todo o Imperio bastantes itálicos medianamente valorosos con quen cubrir as prazas de centurións, e houbo que alugar para este oficio a dálmatas e logo a bárbaros do Danubio e do Rin. Mentres tanto, as mulleres fixéronse estériles e Italia despoboouse". (O.C. IV, 4ª Edición, Revista de Occidente, Madrid, 1.957; pp.157-158). Quebrar esta tendencia, que xa é relucente aquí no noso tempo, sen dúbida, sempre sería o logro dun obxectivo máis propio dos políticos que o emprego impropio dos termos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES