Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 31 de enero de 2024
Só neste mundo

Saio á rúa. Miro para un lado. Miro para o outro. Miro para adiante e tamén para atrás. Miro para todos os lados e recantos. E nada. Non vexo a ninguén. Se vira a alguén, seguro que non saía, que me quedaba dentro. Como non vin a ninguén, saín e púxenme ó camiño. Con todos os sentidos alerta, porque, se vexo a alguén, retrocederei ou, se xa vou lonxe, intentarei acocharme, ocultarme. Non me importa confesar que, agora mesmo, a covardía é a raíña da miña existencia. E non sei por que. Pingas de Orballo Sempre pensei que era un home valente. É máis, por moitas veces presumo de ser valente, arroutado. Agora mesmo, ando co rabo entre as pernas, coas orellas baixas.
Cando levo un par de quilómetros percorridos, sigo sen atoparme con xente. Respiro e deixo escapar un sorriso. Tamén penso. E pensando, empezo a preocuparme. Fáiseme raro non atoparme aínda con ninguén. Moi raro. Un par de quilómetros, nunha cidade, xa é unha distancia considerable para que non haxa unha alma. A covardía empeza a darlle paso á preocupación, á inquietude.
Serei covarde, presumirei de valente, pero parvo non son. Ós cinco quilómetros xa sei que estou só neste mundo. Ou polo menos nesta cidade. O sorriso xa hai tempo que quedou nun estraño ricto. Os latexos bambean a máis velocidade. Non me importa vivir só... en certos momentos. O resto da vida (aínda han de nacer moitas herbas) vivindo só... aí xa son palabras maiores.
Sintonizo emisoras radiofónicas polo móbil, busco polo san Guguel e por todas as redes sociais habidas e por haber e, efectivamente, estou só neste mundo. Para máis carallos, xa empezo a sentirme só. Isto aínda é peor. Non é o mesmo estar só que sentirse só. Non obstante, sigo andando e a ver se así, polo menos, lle dou a volta ó mundo sen que ninguén me moleste. Sigo o camiño.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES