Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E Deus dixo: 'Haxa Paz!'. E a paz fíxose...

miércoles, 31 de enero de 2024
O certo é que procurando na biblia non atopo a frase do título por ningures. Será que Deus deixou esa labor como menor, para a xente, para nós.

Mais, visto o visto, coido que se debeu equivocar. Tanto pola dificultade da tarefa como pola falta de valoración da nosa intención de lograr a paz.

Unha semana máis, ás 12 e media da mañá deste terceiro domingo do ano, unha pequena asemblea de xente estendía a súa voz en favor da paz nos chanzos de acceso ó concello de Ribadeo. Neste caso, pouco máis de quince persoas que comentábamos que nos gustaría estar en varios lugares á vez, pois o facerse escoitar polos grans de plástico, último ataque ó mar da zona polo momento, era outra posibilidade que queríamos defender, uníndonos ás manifestacións celebrándose ó largo do país no mesmo momento. Comentarios que tamén se facían eco das estatísticas: 15 entre 10000 é o 0,15 % da poboación de Ribadeo. Menos aínda tendo en conta que había xente doutros concellos da bisbarra.

E mentres, a guerra continuando.

A guerra pode comezar por unha chispa, atizada por intereses de moi pouca xente, pero é sufrida por moita, moita xente en diferentes niveis, e necesítase moita xente para parala. Esa si é unha 'loita asimétrica'! Non só pola diferenza para impulsala ou parala, senón pola escasa xente que saca beneficios fronte á moita que sofre, ou polo pouco esforzo que parece levar provocala fronte ó moito para volver a unha situación de paz. Mesmo pola diferenza entre as palabras: as verbas en relación coa guerra e coa loita son omnipresentes, sen que moitas veces nos decatemos de que estamos a usar palabras que saen do contexto bélico, mesmo con connotacións positivas, animando ó emprego desa lingua de guerra. En troques, a paz vese soa, acompañada dunhas poucas verbas ás que mesmo se lles atribúen aspectos negativos: ser pacífico parece estar reclamando un 'miña xoia!' conmiserativo, mentres 'ser loitador' infunde ánimos.

A paz, unha construción diaria. A guerra, a chispa dun momento que pode estenderse ate o infinito. Un desequilibrio, unha asimetría que todos sufrimos, aínda que cando vemos lonxe o conflito seguimos coa nosa vida como se non fora con nós. Lonxe no espazo -a pesares de que hoxe o mundo é pequeno- ou no tempo -a pesares de que a documentación de feitos actuais e pasados avanza a tal velocidade que ata teñen cabida as loiadas desinformadoras-. Quen se lembra do auténtico motivo da primeira guerra mundial, indo máis aló do asasinato dun príncipe? Ou da segunda, de antes da invasión de Polonia? Ollos que non ven, corazón que non sinte: pasan as novas a un segundo plano e logo á súa desaparición, así 'non sufrimos' as guerras máis que as que son notificadas como 'interesantes', é dicir, con intereses, para interesarnos nunha postura favorable a unha das partes...
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES