Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 30 de enero de 2024
O líquido

Mentres espero a que o líquido baixe correndo polos regatos da existencia, escoito o ruído do vento que zoa e vexo como un pardal asenta na matogueira dun valado. Mentres espero asimilo, coido, imaxino que unha ducha deixa escapar pingas de auga polo corpo dunha muller ó ritmo de Unchained Melody, non dos Righteous Brothers, senón na versión de Elvis Presley. Hai temas que son inmortais cánteos que os cante.
Pingas de Orballo O líquido tamén fai algo de ruído; non coa forza dun río, senón coa calma dun pequeno regueiro que, aínda que sexa pouca cousa, nunca se esgota. Din que vale máis chegar tarde que nunca. Tamén a auga da ducha sae con forza, pero as pingas quedan amortecidas, freadas no percorrido das curvas celestiais da muller e da esponxa que acariña o desexo.
O líquido do regueiro e o da ducha baixa, molla, refresca, furga mentres eu soño cun lameiro cheo de verde e cun fogar no que a música fai bailar a memoria e os recordos. Se o líquido non corre, se se queda quieto, estancado, co tempo, seca. O que nunca seca son as ansias de ver todo de cor rosa, de sentir o ruído en completo silencio e de mollarse baixo as pingas que caen ó ritmo da cobiza, da ilusión.
Mentres espero a que o líquido corra polos regatos e regue o verde, ou sexa, o lameiro da nostalxia, non queda outra que asubiar baixo a cadencia dos latexos dun acordeón. Ou pechar os ollos baixo a ducha e esperar a que algo acaeza. No remate, lanzo un berro de ansiedade e deixo que o líquido borde, por fin, sobre a presa, sobre o encoro da miña ilusión.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES