Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 25 de enero de 2024
Só hai media carracha

Todos os extremismos políticos dan medo. A min danme moito medo. Din que do amor ó odio hai un paso. Pero da carraxe á hostilidade hai media carracha. E todos sabemos como se agarran as carrachas. E o que chupan as carrachas.
Xa hai bastantes días que o concello de Quintanar de la Orden, alá pola provincia de Toledo, censurou unha obra teatral porque os catro actores protagonistas saen en calzóns. Por certo, que diferenza hai entre unhas cirolas ou calzóns e un traxe de baño? Pingas de OrballoSe os dous cobren as partes pudendas (que temos todos; certo que, algún, se estivera capado, tampouco estaría mal), por que non se censuran entón as praias ou piscinas?
O dos extremismos políticos vai, por suposto, polos que gobernan ese concello. Ó mellor ata non era necesario que o dixera, porque intúo que xa saberedes a ideoloxía política deses que gobernan tal consistorio. Non obstante, aínda vexo máis perigoso o detalle de que non é tan só un partido político o que goberna Quintanar de la Orden (seguro que intuístes que este era VOX), senón que está en coalición co Partido Popular. Certo, non sei por que me chama a atención o perigo do PP, cando este é tan extremista como aquel; chégalle cun simple empurronciño para descubrir a súa auténtica realidade.
Se censuran a cultura por uns calzóns, á miña admirada Marta Pérez, de Inversa Teatro, que non se lle ocorra presentar por aqueles lares a súa obra Fémina Sapiens, que xa queda automaticamente presa. E se censuran uns calzóns, que farán ó saber dunhas ideas que non sexan as súas? Si, medo, moito medo. Porque tamén xa vimos actos deles que van máis alá dos culturais e, sinceramente, é para preocuparse, para ter medo.

Unha das tres Marías

Xusto no momento en que me metía na cama para dar as típicas cabezadas da sesta (as miñas sestas son de 10-20 minutos), asomou á miña cabeza a palabra FEN. Estas siglas fixéronme sorrir ó momento. Porque me lanzaron a aquela infancia e adolescencia do colexio dos Milagres e desa materia que, penso, ninguén entendía nada. Creo que era a máis aburrida de todas as que tiñamos e de todas as que tiveramos nunca.
Pingas de OrballoFEN. Formación do Espírito Nacional. Transcorridos xa máis de 50 anos deses tempos, recoñezo que botei man da Wikipedia para lembrar e saber algo máis dela. Obrigatoria no plan de bacharelato de 1953 durante, por suposto, o franquismo. Nese ano, eu, aínda non nacera e a min colleume tal materia nos primeiros anos 70. Precisamente en 1970 a Lei Xeral de Educación (a derradeira lei educativa franquista) cambioulle o nome por Formación Política, Social e Económica. Para nós seguía a ser tan só FEN. Que entendían uns rapaces de 10-13 anos sobre política e economía? A esas idades só sabías que o tempo non corría e que o recreo facíase de rogar. A esas idades só querías saír ás carreiriñas das aulas para xogar ó fútbol ou fumar ás agachadas.
A materia de FEN tamén a coñecían como "as tres marías" (relixión, ximnasia e política), que se supuñan que eran as máis fáciles de aprobar, xa que se valoraba máis a actitude que os coñecementos. Como carallo ía ser a actitude neses tempos! De submisión, de sometemento total! Creo que non facía falta estudala para nada, xa que nos levaban dereitos coma velas e sen que se nos ocorrese rosmar.
Sobre a ximnasia tratará o seguinte Pingas, porque, para min, tamén tivo o seu aquel.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES