Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cruceiros, cruces, esmoleiros e Viacrucis do Municipio de Láncara, Lugo (1)

martes, 16 de enero de 2024
Autores: José Manuel Blanco Prado e Manuel Muñíz Besteiro
Publicado en Lucensia, Nº 67. Biblioteca Seminario Diocesano. Lugo, 2023.


1. Localización e demografía do municipio de Láncara
Este municipio lucense, cuxa capital reside na Poboa de San Xillao, delimita ao Norte cos municipios de O Corgo e Baralla; ao Sur, cos de Triacastela, Samos e Sarria; ao Leste, co de Becerreá; e ao W., co do Páramo. Forma parte da meseta central lucense e ademais, está integrado na Comarca de Sarria (1).Con respecto á demografía, a poboación do municipio foi aumentando no século pasado ata o ano 1940, no que comeza a producirse un descenso progresivo da mesma como consecuencia das migracións e dun crecemento natural negativo. Isto deu lugar a un avellentamento da poboación, algo habitual en moitos municipios galegos. Na actualidade, segundo o I.N.E. (2) do ano 2021, este municipio posuía unha poboación de 2551 habitantes, distribuída en 175 entidades de poboación, agrupadas en 26 parroquias. (3). Desde unha óptica eclesiástica forma parte da diocese de Lugo.

2. Cruceiros, Cruces e Viacrucis do Municipio de Láncara (Lugo)
2.1. Os Cruceiros.

Tanto para Castelao como para Vicente Risco o cruceiro "é o moimento máis dino da nosa arte popular", que aparece como consecuencia do proceso evolutivo da cruz ao longo dos anos. O cruceiro foi unha creación gótica, ligada ás nocións místicas das Ordes mendicantes -dominicos e franciscanos-, que fomentan o culto á cruz. No obstante, o periodo da súa máxima difusión levouse a cabo nos séculos XVII-XVIII (4). Xa moi entrado o século XX e no actual asistimos a unha perda dos códigos culturais polos que se erguían os cruceiros. E así as funcións devocional, impetratoria, penitencial, fúnebre... que posuían os cruceiros vai ser sustituída, as máis das veces, por unha función ornamental, que se reflicte na maior vistosidade que van adquirindo aqueles lugares onde se realizan, como casas de campo, chalés, e determinados espazos de carácter público. En canto a estrutura do cruceiro, cómpre sinalar unha serie de elementos, que nunha orde ascendente son: o baseamento; a base ou pedestal; o fuste ou varal: o capitel; e a cruz. Con todo, estes elementos aínda que son propios destas manifestacións artísticas, mostran tamén importantes diferencias. De aí que poidamos falar dunha gran diversidade no ámbito dos cruceiros galegos. En este municipio hai sete cruceiros situados nas parroquias de Bande, Carracedo, Cedrón, Muro, Neira de Cabaleiros, Río e Trasliste.

2.1.2. As Cruces Misionais.
As misión parroquais tiveron a súa rixe no Concilio de Trento (1545-1563) e comezaron a perder influencia pouco antes do Concilio Vaticano II (1962-1965) (5). Tiñan como función contrarestar a reforma protestante e consolidar o culto católico. Inicialmente, os jesuitas foron os encargados de propagar esta nova actividade relixiosa. No obstante, logo tamén se encargaron outras ordesr elixiosas como os redentoristas, pasionistas, capuchinos... A mensaxe da misión, que case sempre se celebraba nun intenso fin de semana, era resaltar a necesidade do arrepentimento e, tamén, de avisar dos perigos do inferno. Da misión quedaba como recordó unha cruz de madeiraou de mármore. A de madeira soía colocarse no interior da igrexa mentres que a de mármore adoitaba ponerse na fachada central da igrexa ou nunha das súas paredes laterais. En ámbas as dúas cruces soía figurar a data de celebración da misión, así como a Orde relixiosa, que participara. No municipio de Láncara hai oito cruces misionais: catro de madeira e catro de mármore. As de madeira están situadas nas parroquias de Muro, Láncara (6), e Trasliste (6); están colocadas no interior da igrexa, agás a máis antiga de Láncara, que está ubicada nunha parede lateral exterior. As de mármore están emprazadas no exterior das igrexas de A Poboa de San Xillao, Cedrón, Río, e Vilaesteva.

NOTAS:
1. Esta comarca ocupa unha extensión de 836, 4 km2 e posúe -segundo o INE do ano 2020- unha poboación de 22.421 habitantes espallada polos municipios de O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria e Triacastela.
2. Instituto Nacional de Estadística.
3. Armeá (San Pedro), Bande (San Pedro), Carracedo (San Vicente), Cedrón (Santiago), Galegos (Sta. Mariña), Lagos (Sta. Eulalia), Lama (Santa María), Láncara (San Pedro), Larín (El Salvador), Monseiro (San Miguel), Muro (San Xoán), Neira (Santa María), Oleiros (San Martiño), A Poboa (San Xillao), Río (San Martiño), Ronfe (San Pedro), Souto (Santiago), Toirán (El Salvador), Toldaos (San Vicente), Touville (Santa María), Trasliste (San Xoán), Vilaleo (Santa María), Vilarello (San Pedro), Villaesteva (Santa María), Villambrán (Santa María de), Villouzán (San Estevo).
4. Debido á devoción ás ánimas e a validez das indulxencias para redimir as penas, ideas emanadas do Concilio de Trento (1545-1553).
5. CRUZ SÁNCHEZ, Pedro Javier.: Análisis y significado de la cruz en la cultura popular del occidente salmantino. El Abadengo, Tese de Doutoramento. Universidad de Valladolid. Facultad de Filosofía y Letras. Departamento de Historia Moderna, Contemporánea, de América, Periodismo, Valladolis, 2014, páx. 243.
6. En Trasliste houbo unha cruz misional, que estivo colocada preto da antiga escola, ata que foi cambiada por unha de pedra e cemento. Hoxe, está gardada no interior do antiguo centro escolar.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES