Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un poeta noso en Nova Iorque

miércoles, 17 de enero de 2024
Non, non se trata do autor de "Poeta en Nueva York", de Federico García Lorca -que tamén debemos loalo polos seis poemas en galego entre outras concomitancias-. Trátase de Francisco Álvarez - Koki (A Guarda, 1957). Un emigrante na cidade dos rañaceos, autor dunha poética expresiva e comprometida con Galiza. Un dos libros que me atrae, meticulosamente adherido a varias denuncias e reivindicacións que este autor titula: "Alén da Fronteira". Publicado en 1999, ano que pecha o segundo milenio Un poeta noso en Nova Iorquee de contado o século XX. Só pasaron vinte cinco anos, para algúns pode supor longa tempada. Mais para a grande maioría é un libro moi actual que convén escudriñalo en seus variados temarios, de precisos encantos que nos chega dun poeta de fronteiras polo seu don de nacer na Guarda, entre "O som das águas lentas" que o río Miño entrega aos estrondos do mare tenebrorum. Velaquí os lindes posíbeis e as fronteiras naturalizadas neste poemario de Koki. Ben atina o prologuista destes poemas, Ramón Caride Ogando, ao subliñar: "Poemas precisos, fillos da fronteira, ubicados no choque cultural, paisaxístico, idiomático, de aquén e de alén mar, Baixo Miño versus N.Y.C., que na psique de Koki os fixo agromar, inzar, verdecer"...

Caride lévanos a competentes propostas que Koki protexe nas súas fronteiras nativas, ampliándoas nos amenceres de Johann Sebastian Bach, no evocador cancioneiro de Bob Dilan, e nas súas andainas polo barrio de Broadway, coa lembranza sobre as súas costas e angurias que reteñen a memoria e relembros daquelas ledas mañás "que ollaba dende a ventana da miña casa da Estivada, / namentras no eido, nas maceiras e nas figueiras, / cantan os xílgaros e os merlos o seu concerto cotián". Neste primeiro poema que abre o libro, o eco de Rosalía faise presente na descrición que fai dos sentimentos dos emigrantes, ao estar noutros confíns lonxe da terra e lembrala cada un á súa maneira, respirando eses regatos, hortiñas, figueiriñas, arboredas, paxariños, etc. Algúns destes termos rosalianos aparecen neste primeiro poema de Koki, como manifestando que a saudade dos emigrantes constata séculos de presenza. Non estamos dicindo que o poeta da Guarda beba de Rosalía, só que memorial do emigrante, integra un amplo sentimento de lembradoira e saudade, coincidente co poema de Rosalía, "Adiós ríos, adiós fontes". Neste longo ventallo tan prolongado nos poemas de Koki, transbordado a Nova Iorque, proclama eses apelos universais, nos Un poeta noso en Nova Iorqueque coincidimos todos os emigrantes galegos. E isto continúa presentíndose nos continuos poemas: "Soño roto tren N Ditmars Blvd" e "Chovía en Boston". Neste terceiro poema do libro, o noso poeta emite un relato convincente como emigrado que vai descubrindo os ímpetos e temperos do poder que ostentan os EE. UU., nos seguintes versos: "Din que os norteamericanos son os mais civilizados, / e se-non pergúntenllo á bomba atómica". Tamén: "A fábula do Golfo Pérsico" é outro inquérito poético que manifesta o intolerábel das guerras que fabrican os norteamericanos.

A sensibilidade que asiste ao discurso poético e á estrutura que emancipa a exuberantes formatos deste libro, na diversidade temática. Estamos falando dun poemario non unitario e tampouco disperso. Koki opta pola variedade e nela integra ese formato amoroso no que se ilumina e reverencia a Eros e neste roteiro tamén atopamos unha variedade selecta de poemas como o titulado: "Teus bicos clandestinos". Convoca ao amor ausente e aos desexos que lle inspiran esa liturxia tan personalizada no que el pensa e coida sobre o economicismo erótico.

Por outra banda, os seus poemas constatan un proceso ético e comunitario, deixándonos excelentes poemas reivindicativos sobre a nosa identidade. Un discurso poliédrico, en espiral e con apelos a ese centro, desde onde parte unha poderosa rotación envolvente e, mesmamente pedagóxica, en súa estrutura historicista, no que se consolida unha Matria, unha Nación, neste caso a Galiza; reforzando a idea de procurar mudanzas. Sírvanos de preludio, o poema: "A bandeira", onde o poeta non se acala ante ás afrontas que o noso símbolo é ofendido por unha profesora que reprende a Breogán, fillo do poeta, cando eloxiaba á nosa Bandeira. O poder defensivo do poeta e a poderosa licenza patriótica do poema merece a pena en que alto cume sitúase a defensiva de Koki: na trincheira de combate e resistencia pola nosa lingua, nese afán patriótico no que se alicerza: "Deixarei de falar cando enmudeza o pensamento". Mais ao poeta, tamén, apetécelle berrar polas cousas máis simples e marcadas pola identidade e liberdade de Galiza, aínda que a súa gorxa estea en afogos.

En varios contidos deste libro aparece a tutela de Celso Emilio Ferreiro, as súas matizadas referencias dedicadas a concretos problemas polos que pasa Galiza, con apuntamentos estelares de Celso, ao dicir: "Nós queríamos libremente / comer o pan de cada día", en son de pregaria redentoral. Mais o noso poeta emigrante en Nova Iorque, no poema "Pobre de min", ofrécenos un relatorio de orfandade: "...á túa porta petei, / buscando o calor dos paisanos". Todo un lamento de frustración na soidade dos poderosos rañaceos e a sombra deles, estaban farturentos galegos no dominio de seus centros e identidades de recreo e "beneficencia", de costas aos que chegaban ao gran Imperio, procurando o codelo. O relato en verso, ben autorizado e protexido no memorial de Koki, sinxelo e entendíbel: "Os tendeiros, os ananos, / estaban todos en ringleira / e fixeron nestes anos / da túa casa unha feira". Aquí aparece a presenza dos ananos de Celso Emilio. Ananos emigrantes que abundaron nos diversos círculos da nosa emigración. Koki volta ao asalto da lembranza: "Estaban todos aqueles / que Curros e Celso Emilio combatiran, / homes, máis que homes peleles, / cos beizos e coa mentira".

E nesa longa instancia de Koki en Nova Iorque, latexa a ausencia de voltar á súa Terra, a das altas consonancias, lembranzas e misterios: "A GUARDA e o meu sur, / meu desvarío, / vou polo teu camiño azul, / que desemboca nun río. // Baixo polas rúas vou ollando / a sombra do teu monte Santa Trega, / que feito de marmúrios e rezando, / gárdate entre o ceo e a terra". "Alén da Fronteira" merece unha reedición urxente por ese relato existencial, tamén vital habituario de contundencias, do que foi e continúa acontecendo na nosa Galiza, porque Francisco Álvarez - Koki resolve eficientemente unha das parcelas máis conmovidas da nosa emigración, esa sangría intolerábel.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES