Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xoan Xosé Fernández Abella

miércoles, 10 de enero de 2024
Lembro un frío día de novembro de 1990 en Compostela no que un compañeiro de Facultade levounos, cara ao final da tarde, a unha Galería Sargadelos ateigada de xente e na que xa apenas quedaba sitio para sentar. Alí ía presentarse un libro do seu pai, díxonos este compañeiro. O libro, prologado polo debuxante Siro, era Escolma de Xoan Xosé Fernández Abellapoemas (Edicións do Castro, 1990) e o seu autor Xoan Xosé Fernández Abella, quen nos deixou o pasado verán. Eu daquela aínda non o sabía, pero Fernández Abella, monfortino de nacemento, tiña tras de si unha fecunda traxectoria vital e literaria que continuaría durante os anos seguintes. Licenciado en Dereito e mestre vocacional, emigrou aos trinta e tres anos a Venezuela e alí colaborou na revista Irmandade e no programa radiofónico Sempre en Galiza no que a súa voz profunda de dicción diáfana granxearíalle, seguramente, máis dun sincero eloxio. Ao regresar a Galicia publicou, a comezos dos setenta, Poemas galegos (1976), ilustrado por Carlos Mourón. Tras xubilar da docencia, a súa actividade foi imparable, especialmente coa publicación de novos poemarios todos, agás un, en galego: Poemas estradenses (2005), Poemas de amor, loanza, condena e outros (2011), Guardad mi voz (2014) ou Loanzas sentidas e outros poemas (2018) con prólogo de Xesús Alonso Montero. Tamén incluíu textos en numerosos libros colectivos, coordinou a edición dos poemas e artigos de José Juan Pérez Gómez, "Caramiñas", e foi colaborador habitual de diferentes medios como a revista Xistral ou o portal Galicia Dixital.

Ademais, desde hai varias décadas uníao un forte vencello coa Terra Chá. Integrou a Irmandade Manuel María e era habitual velo por esta terra sempre rodeado de amigos como Avelino Pousa Antelo, David Otero, Mero, Alfonso Blanco Torrado, Xulio Xiz e tantos outros, agasallando coa súa ledicia e dinamismo diversos actos culturais organizados por Xermolos ou polo Iescha. En 2016 tiven a honra de presentar en Vilalba dous dos seus libros. Foi un acto fermoso e emotivo no que acompañaron ao autor numerosos amigos lendo algúns dos seus textos, como Pilar Sampedro, Baldo Ramos, Xulio Xiz..., ou cantándoos, como Miro Casabella ou Manoele de Felisa, que musicou marabillosamente un dos sonetos máis fermosos de Xoan Xosé, "Calado", onde expuña o seu compromiso coa vida e Xoan Xosé Fernández Abellaco mundo arredor. O acto coincidiu na Casa da Cultura de Vilalba co inicio da mostra "A árbore da cegueira", obra plástica de Baldo Ramos, quen ilustrara algúns dos seus libros, e pola asistencia doutros moitos amigos e poetas, ademais dos seus fillos, Xoan e Mercedes.

A mediados de agosto deixounos, pero un mes antes puiden xantar con el e con Xoan e entregarlles o volume Outras voces (2023), recompilación editada polo Iescha que incluía un artigo seu sobre Carvalho Calero entre os corenta seleccionados de avozdevilalba.gal, medio do que tamén foi asiduo e entusiasta colaborador. Un mes despois do seu deceso presentouse en Compostela un libro póstumo ao que titulara, case premonitoriamente, Últimos poemas de eloxios e outros poemas, con prólogo de Xesús Alonso Montero e ilustracións de María Guerreiro. En decembro rendíronlle unha merecida homenaxe en Ortigueira, a súa outra terra de adopción. Xoan Xosé foise, pero deixounos o maxisterio do seu entusiasmo, da súa vitalidade, así como o pracer da conversa pausada e intelixente e, citando os seus versos, "sempre no corazón a arela pura / dun mundo máis fraterno e máis humano."

Imaxe: Santos Díez
Paz González, Mario
Paz González, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES