Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cambian os papeis...?

viernes, 05 de enero de 2024
Economicamente, no exemplo que ofrezo máis abaixo, non. Lembremos que estamos nuns tempos nos que temos a sensación de que cambia o que non ten que cambiar, e segue esencialmente o que demanda cambio. Pero hoxe vamos reiterar (si, reiterar!) o que non debería ser obxecto de cambio, social e ontoloxicamente. Impresiona recibir noticias, por exemplo, de que, nalgúns casos, os seres humanos vense arrastrados a cambiar os papeis de mascotas cos animais que viven nun mundo de meros estímulos, o que comporta que a racionalidade vai perdendo espazo a favor do estimular. A manifestación de tal fenómeno ocupa diversos espazos sociais; pero aquí tráiolles unha que, pola súa trivialidade, non debe ocultarnos o substancial da mesma.
Trátase do manifesto exemplo dalgúns casos que parece que soen darse cando se lles impide aos avós ocupar un sofá na sala, porque está previamente ocupado polo can ou o gato, mascota dun familiar, e enviase o velliño a unha banqueta nun recuncho da súa propia casa; pero o desafortunado ancián, se ha de convivir cos achegados familiares, non debe esquecer as axudas económicas, e moderar os comportamentos coa correspondentes obrigas coa mascota, incluso legalmente xeradas. Agora só falta que un aparato con suficiente dotación de IA (Intelixencia Artificial) se deveza por utilizar aos seres humanos como mascotas. Menos mal que se celebrou un foro internacional recentemente en Inglaterra, que, cando menos, semella evidenciar unha certa sensibilidade cautelosa.
Por que está ocorrendo isto no mundo, provocado pola persoa humana?. Penso que reducimos o respecto a nosoutros mesmos, descoñecendo que a nosa vida é un xerundio, un FACIENDUM, non un mero FACTUM, un facerse a si mesmo; e parece que renunciamos a facernos ben. Teimamos superar a nosa humanidade, estamos camiño dun trans- ou pos-humanismo, e todo rapidamente, incluso antes de saber si vamos aloucados a realizar un proxecto "anti-humanista". E isto está aí. Só nos cabe preguntar SE O SER HUMANO NON TEN NINGUNHA ESENCIA OU DIGNIDADE QUE PROTEXER.
Pois ben. Non se estrañen, xa que, para algúns autores, non hai ningunha natureza humana considerada biolóxica que fundamente a dignidade. Discútese, iso si, se é posible que a noción de ESPECIE HUMANA permite deducir a existencia de trazos esenciais, biolóxicos, compatibles cunha existencia da natureza humana universal. Pero, en todo caso, o que segue manténdose é unha "natureza evolucionada", que carece de propiedades esenciais. Xustamente por isto, discútese ata que punto hai, ou non, algunha norma moral que debería terse moi en conta, precisamente, cando se pretende mellorar o ser humano, e, sen dúbida, en toda clase de manipulacións. Hoxe falaríamos dalgunhas liñas roxas, xa que os desexos de mellorar e o factible de facelo son continxentes.
Unha pregunta. Cabe afirmar, polo menos, que non debe impedirse nos melloramentos, reais ou supostos, a afirmación da capacidade do ser humano para avaliar as normas morais?. En todo caso, isto da natureza do ser humano foi preocupación do mesmo Ortega y Gasset, partindo precisamente de que a razón técnica, por aplicarse a aspectos fundamentais da vida humana, que non son da súa competencia, invade o campo da propia razón, da que a técnica só é un mero uso. ¿E non podíamos, extrapolando, dicir aquí que as obrigas cos animais non son tales desvinculadas do uso da razón no ámbito ecolóxico?. Suxiro isto pensando nos danos que causan os animais ao ser humano nos seus particulares ecosistemas.
Sabido é que Ortega tamén se ocupou con especial interese da RAZÓN VITAL E HISTÓRICA, que é á que se ocupa das situacións estritamente humanas, implicando á imaxinación e á interpretación. Esta razón ten por fin humanizar, aproveitando, neste sentido e coas súas limitacións, incluso as achegas do trans-e pos-humanismo, que é unha maneira de facer que os presupostos axiolóxicos regulen a actividade técnica.
Os intelectuais máis versados en cuestións antropolóxicas, implícita ou explicitamente, pretenden explicar o proxecto de naturalidade do ser humano coa garantía epistemolóxica que ofrece, non só a perspectiva ontolóxica, senón tamén a axiolóxica. Pero, para dar espazo a estas perspectivas, hai que evitar reducionismos biolóxicos. E a maioría optan por unha aplicación hermenéutica, parece que tendo en conta que a mesma natureza non esgota todo o ser humano.
Como di Zubiri na súa obra "Estructura Dinámica de la Realidad", a persoa constrúese polo dinamismo da "suidade" e a intimidade corporal. Somos morais por natureza; pero os valores morais non significan que o sexan, xa que non é o mesmo ser moral por natureza, estruturalmente, que os contidos morais sexan un produto natural. As accións doutros seres, como os monos, por exemplo, poden ser obxectivamente altruístas, pero non se lles pode atribuír heroísmo en sentido moral, porque adoecen dunha capacidade para conceptuar o heroico e valoralo. Así no lo explica Jesús Conill no Prólogo da súa obra "Intimidad corporal y persona humana", Tecnos, 2019, Madrid.
Sen dúbida, debemos reter na memoria as importantes diferenzas que caracterizan cada tipo de realidade. Así, na física existe a relación entre causa e efecto, na biolóxica predomina o estímulo e na realidade da persoa humana, imperan os incentivos económicos, as motivacións e as preferencias. A aplicación adecuada destas diferenzas lévanos a evitar a introdución de perspectivas antropolóxicas na interpretación do comportamento animal, tanto positiva como negativamente. (A un can non se lle poden imputar delitos; pero tampouco pode ser titular de dereitos, porque carece das obrigas correlativas).
Introduce J. Conill o termo disciplinar BIOHERMENÉUTICA, que nos leva a unha interpretación, unificando o biolóxico mediante o seu significado interpretado, acadando así un concepto no que non predomina o subxectivo nin o obxectivo. E semella establecer conexión coa realidade persoal de Zubiri, que non cae no naturalismo, aínda que o aproveite interpretada co concepto de formalización. Todo este esforzo vai encamiñado a facerse cunha interpretación que permita manter o valor da dignidade da persoa, evitando substituíla por un proxecto máis aló dela.
Fágome eco da pregunta que seguramente vostedes, os lectores, se están imaxinando, por botarlles unha leria literaria que non parece que teña moito que ver co exemplo inicial do avó e do can no sofá. Reflexionemos. Non sei se se descoñece no pobo que se está incoando unha certa tendencia, de maneira subrepticia, incluso con certa proclividade legal, que leva a protección ao animal en prexuízo das persoas humanas, das que se ignora a súa dimensión axiolóxica, na leria deste artigo apuntada; prexuízo que pode cuantificarse economicamente nos ataques dos lobos ao gando, cunha pasividade gobernativa irritante e cun manifesto descoñecemento do alcance da RAZÓN ECOLÓXICA, que, por ser un mero uso da RAZÓN POR "AUTONOMASIA", ha de coordinarse con esta en aras da defensa tamén dos e das titulares da mesma.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES