Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela

domingo, 31 de diciembre de 2023


Nun mes de Nadal coma este, neste mesmo salón do Pazo de Xelmírez, reuniuse por primeira vez o Parlamento de Galicia. Os precursores da autonomía supliron todas as carencias materiais daquel momento con ilusión, ganas de servir e moitas ideas sobre o rumbo que debía tomar a nosa terra.

Todo o que hoxe somos, non nos veu regalado: logrouse gracias ao compromiso de moitas galegas e galegos, cada quen desde o seu ámbito e desde as súas posibilidades, e cómpre defendelo cada día.

Hoxe, como daquela, existen riscos que ameazan o marco constitucional que durante todo este tempo amparou o progreso de Galicia. A igualdade entre os cidadáns, os lazos de fraternidade que nos unen e a credibilidade do marco legal que nos protexe non deberían estar xamais en negociación.

Hoxe, como daquela, debemos reforzar unidos unhas institucións que canalicen e amplifiquen a voz do noso pobo. As estruturas que fomos construíndo necesitan dun mantemento constante para adaptarse á evolución dos tempos, e ser quen de dar resposta aos novos retos.

Neste 2024, Galicia escollerá en liberdade e con plena autonomía o seu camiño para os próximos anos. Confío en que o debate sexa sempre construtivo, e que non se engada ruído ao día a día das galegas e galegos. Aínda que noutros lugares pareza algo excepcional, a política en Galicia non ten por que ser unha fonte de novos conflitos, senón que debería exercerse sempre como ferramenta para atopar solucións.

Creo que existen moitas máis razóns para sermos optimistas que para caermos na resignación. Son moitos os motivos para sentirnos orgullosos da Galicia na que vivimos.

Somos unha terra aberta, que recibe máis visitantes que nunca e á que volven para vivir tanto os que algún día marcharon como os seus fillos e netos. Quero tamén aproveitar esta mensaxe para darlles a benvida a esas 8000 persoas que en 2022 regresaron unha Galicia que nunca deixou de ser a súa casa.

Fomos neste 2023 unha comunidade aberta, que captou novos investimentos para crear riqueza e postos de traballo, e que tamén bate récords de exportacións. Nun mundo moi competitivo, cada vez son máis países os que escollen confiar no que se fai en Galicia.

A nosa apertura non é síntoma de debilidade, senón evidencia de fortaleza. Confiamos no que somos, e nas nosas posibilidades e así é como nos mostramos ao mundo enteiro.

Podemos sentirnos orgullosos dunha Galicia que ten un calendario de vacinación infantil máis completo que o de ningún outro país. Dunha terra que é líder en enerxías limpas, que son sinónimo de futuro. Tamén dunha comunidade na que a educación é gratuíta desde que se chega gateando ata que se sae co primeiro título debaixo do brazo. Na que a Universidade é máis económica que en ningunha outra parte e na que a Formación Profesional demostra gana en fortaleza cada día.

Pero non podemos esquecer que aínda nos queda moito por facer.

Temos que persistir no camiño destes anos para mellorar a Sanidade pública, incorporar nova tecnoloxía e reducir os tempos de espera.

Temos que arroupar, con todo o calor de Galicia á xente maior e ás súas familias.

Temos que redobrar a aposta pola I+D+i e por todos os elementos que fortalezan os cimentos do crecemento económico

Temos que eliminar as situacións cotiás nas que aínda perviven o machismo e as desigualdades.

Moi especialmente, creo que Galicia é capaz de ofrecer moitas máis oportunidades á xente nova: novas opcións para formarse, unha vivenda accesible e postos de traballo que lles permitan emanciparse e formar un fogar cando o desexen. Quédannos metas que acadar, pero a capacidade de superación que sempre demostrou o noso pobo é tamén un motivo de orgullo.

Non hai máis que recordar o que eramos cando naceu a autonomía —que foi antonte, en termos históricos— e observar o que somos hoxe para darnos conta de que Galicia non ten máis límites que os que nós mesmos nos queiramos impoñer.

Confío en que 2024 traia certezas ás persoas que neste ano padeceron os rigores da situación económica, tanto nos seus fogares como nos seus negocios. A Xunta seguirá traballando para que as incógnitas se transformen en esperanza.

E quero dirixirme moi especialmente ás galegas e galegos para os que estas datas non son sinónimo de alegría. Ás que perderon un ser querido, ás que están hospitalizadas, ás que se senten soas ou perderon a ilusión. Co apoio da nosa comunidade de afectos, atoparán a forza para seguir adiante.

Envío tamén un agarimoso saúdo á xente que traballa no Nadal para que todo siga funcionando: profesionais da hostalería, das emerxencias, da Sanidade, dos transportes ou do comercio. Grazas pola vosa entrega e profesionalidade.

Os lazos que nos unen a todos non son algo abstracto e distante. Están aí sempre, para impulsarnos e protexernos cando o necesitamos, e deben materializarse con especial forza en datas tan sinaladas coma estas.

Neste Pazo de Xelmírez, a autonomía galega deu os seus primeiros pasos. Agora, continúa madurando, avanzando e prosperando grazas ao conxunto das galegas e galegos. Tamén grazas a ti. Feliz 2024 para todos, e que este sexa un gran ano para Galicia.
Rueda, Alfonso
Rueda, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES