Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no S.XI (6)

martes, 26 de diciembre de 2023
2ª. DIVERSIDADE CRÍTICA.
Trátase dunha serie de feitos, que ocorren ao longo do ano, e que son obxecto de crítica por parte dos veciños . Soen proceder do exterior e van a estar reflectidos nalgunhas estrofas dos sermóns, feitos con ironía, burla e sarcasmo.

2.1. CRITICA Á POLÍTICA.
Hoxe a política afectanos dende catro niveis: o municipal, o autonómico, o estatatal e o europeo. Un trazo moi característico desta cuadriplicidade é a demagoxia, e dicir a maioría dos políticos tratan de atraer aos posibles votantes con falsas promesas pra acadar os seus propios fins. Outra característica e a corrupción, que adoita darse naqueles partidos, que logran cotas de poder importante. Ámbos os dous trazos levan a unha falta de credibilidade nos políticos por parte da poboación.

- CRITICA CONTRA A POLÍTICA DO ESTADO.
Este xuizo desfavorable sobre a Politica que recae no Estado, está expresado nas seguintes estrofas dos diferentes "Sermóns do Entroido".
/" Solo ruxen tralos votos / as súas decisión déixannos axeados / queren saír sempre nas fotos / son falsos como os peidos calados"/ (1)
/" Pra sairen elexidos / todo se lles volve promeer / algo debe ter o cargo / que todos o queren ter"/ (2)
/" Din que nos sacarán da crisis /que van traballar moi duro/ haber se é verdade / e non enchen solo o bandullo" / (3)

- CRÍTICA CONTRA A POLÍTICA AUTONÓMICA.
No ano 2006, a Xunta autorizou á empresa multinacional Erimsa a concesión para extraer cuarzo en varios municipios chairegos: Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Vilalba... Isto motivou un rexeite por parte dunha serie de asociacións veciñais e colectivos culturais da Chaira, xa que este proxecto ía en contra do futuro económico e social dunha das comarcas agrogandeiras máis importantes de Galicia. Esta situación deu lugar a unha serie de litixios xudiciais mais polo momento a extracción non chegou a iniciarse. No ano 2011, o Xulgado nº2 de Lugo desestimou a demanda presentada pola devandita empresa contra o Concello de Castro de Rei. Logo, nos anos 2017 e 2021 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dictou sentencias contrarias aos intereses da empresa Erimsa.
Este feito quedou reflectido nunha das estrofas do Sermón do Entroido.
/ "Fraga cando viu que se tiña que marchar / porque nas elección o acababan de derrotar, / tivo moita prisa de concesión a ERIMSA otorgar / para os seus veciños amolar / e os seus amigos ricos facer medrar"/ (4).

- CRÍTICA CONTRA A POLÍTICA MUNICIPAL.
As infraestructuras viarias e o centro de día para as persoas maiores, son dous reclamos constantes ao concello. Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no S.XI (6)De aí, que haxa unha serie de críticas, que se manifestan en diferentes estrofas dos "Sermóns entroidanos".
/ "Os políticos van polas casas andando / teñen unha forma de pedir / que parece que están dando" / (5)
/ "E agora tócalle á política / outro ano máis hai que criticar / o abandono no que nos ten / a Corporación municipal” / (6).
/ "Os velliños quedan solos / os fillos marchan traballar / e o concello non da aberto / o centro de día municipal". (7)
/"Haber se alguén fai algo / e dunha vez o poden abrir / senón cando o den acabado/ non vai quedar ningún vello pa ir" / (8)
No obstante, tamén hai louvanzas á política do concello polo que respecta ás axudas que concedeu ao Entroido e a mellora no servicio da auga.
"Falando dos do Concello / as gracias tamén lles queremos dar / por tan ben con nos colaborar..."/ (9)
/"O servicio da traida da auga / moito se anduvo a mellorar / antes nin con catiuscas se andaba / e agora en zapatillas podemos pasar"/ (10)

2.2. CRÍTICA AO TRANSFUGUISMO POLÍTICO.
Denomínase "transfuga" ao político, que cambia de partido por intereses utilitarios e pragmáticos. Coñécese vulgarmente por "chaqueteiro" ou persoa que "cambia de chaqueta". Neste concello aló polo ano 2007 houbo uns cambios de partido, levados a cabo por algúns políticos con motivo das eleccións municipais. No Sermón do Entroido do ano 2009, hai dúas estrofas que aluden a estes cambios de partido.
"Ó alcalde dis que non lle queren deixar gobernar / e parece que xa non hai forma de amañar / xa que Xurxo Balado e Serafin Carballo non saben perdoar / que Xan Valiño decidise o Bloque abandonar / para a lista do PSOE ir a encabezar"/.
"E os de Arturo Pereiro están a rabear / despois de moitos anos mangonear / porque Roberto Lorenzo os quixo deixar / sin teta donde chupar"/.

2.3. CRÍTICA AO PARO
É un problema de difícil solución debido ,entre outros factores, ao incremento das novas tecnoloxías, que posibilita unha reducción de postos de traballo; á falta dunha planificación ecónomica e laboral axeitada. É mester ir na procura dunha racionalización económica que mova a invertir en cada momento naqueles sectores más viables para crear riqueza e postos de traballo cunha remuneración digna. Desta maneira tenderemos a unha sociedade máis equilibrada, evitando os desmesurados beneficios que xeneran algunhas empresas e como consecuencia erradicando paseniño todo tipo de corruptelas. Pois ben, a este problema faise mención na seguinte estrofa:
/"Aquí a economía non se levanta / neste país pasa algo raro / esta situación a todos espanta / solo temos grande a cola do paro"/ (11)
No obstante, no noso país estamos vendo unha clara interacción entre o sector político e a banca. Así, hai uns anos o goberno, existente naqueles intres, pagoulle a débeda que tiñan os bancos. Se mal non lembro eran uns 64.000 mil millón de euros. Hoxe, estes bancos xeneran cuantiosos beneficios, mais as hipotecas non diminuen. ¡Que paradoxa! Esta clara identificación entre o sector político e o bancario ven moi expresada na seguinte estrofa antroidana:
/"Políticos arregladores / eles sempre son señores / banqueiros especuladores /vaia panda de papadores"/ (12).

2.4. CRÍTICA XUDICIAL.
A xuiza Estela San Xosé puxo en marcha en outono do ano 2009 a "Operación Rei" sobre contratos de obras, realizados supostamente dunha maneira ilegal no concello de Castro de Rei. Así, imputou a máis de vinte persoas, algunhas pertencentes aos partidos que rexían o municipio naqueles intres, agás o B.N.G. No obstante, o 19 de Xullo do ano 2016, a audiencia provincial de Lugo considerou ilegais todas as escoitas ordenadas pola devandita xuiza e ademaís, considerou que os investigados non cometeran ningún delito.
A dinámica desta operación foi recollida nalgunhas estrofas do "Sermón do ano 2010" da seguinte maneira:
"Cos concelleiros tamén / houboche moito que ver / pois leváronos pa Lugo / aínda non saben por qué"/
"Esa xueza da capital / o alcalde veu prender / pois non se daba de conta / do ben que estaba a facer"/

2.5. CRÍTICA AOS FOLGAZÁNS DA PARROQUIA.
Algunas persoas da parroquia preocupanse máis da vida lúdica que da laboral, e fan caso omiso ao que lle din os seus país. Isto comeza a ser preocupante pola perda de valores, que se está a producir tanto na cidade como no campo. A autoridade moral, que tiña a xente maior antano debido ás súas experiencias vitais, vaise esvaecendo paseniño. Isto está reflectido na seguinte estrofa:
/"Esos rapaces de enxoito / que non collen unha pala / ós vellos quérenlles moito / os viernes pra iren á sala (13) / e o resto da semana / non lles dirixen a fala"/ (14).

2.6. CRÍTICA CONTRA A DESPOBOACIÓN.
A despoboación é algo moi usual en moitas comunidades rurais, que se foi producindo dende os anos sesenta do século pasado debido ao "éxodo rural" da poboación do campo de cara a moitas cidades de Europa e, tamén, de España para mellorar as súas condicións de vida. Este fenómeno comeza a detectarse nas diferentes comunidades parroquiais cando o crecemento vexetativo é negativo (15). Nestes casos tendese a un avellentamento da poboación.
A este fenómeno, alúdese nos "Sermóns do Entroido" do seguinte xeito:
/"A parroquia de Bazar / nos derradeiros anos pouco estivo a cambiar / e coma todas no rural / se segue a despoboar"/ (16).
/"En Bazar hai poucos nenos / a xente non se da conta /que dentro de pouco tempo / non hai ninguén na parroquia"/ (17).
As posibles solucións sempre pasan pola creación de novas fontes de riqueza non contaminantes, que creen postos de traballo; estes podrían convertirse no estímulo para o retorno dunha poboacion, nacida na parroquia; e, tamén para a incorporación dunha nova. Mentres tanto, nos sermóns do Entroido faise mención a pequenas solucións parciais que apenas inciden na problemática candente.
/"Menos mal que Pérez xa pasou polo altar / e agora esperamos que moitos meniños / o veñan acompañar"/ (18).
/"Tamén para a casa de Amparo de Pino / e para a de Antoniño da Pena / novos veciños viñeron morar / e en Oroxe a casa vella de Porto están a rehabilitar"/ (19).
/"(O contructor do Fundoril) Amaña casas e casas / todas as anda a reformar / ven deitamos deste home / pa que veña xente pa Bazar"/ (20)
E, tamén, hai solucións picarescas, feitas como moito humor, para provocar "o riso", moi necesario hoxe, entre os asistentes. (FOTO Nº 16)
/"A ver se algunha rapaza de Bazar / José Manuel e Horencio logran encontrar / senon malo sexa, /que non quede algunha que se deixe conquistar"/ (21)
/"Con Anibal da Pastora / hemos ter que razonar / pa que busque unha moza / e pase por fin polo altar"/ (22).
"As netas de Avelino de Toño / vailles sendo hora de casar / pero dicen que prisa non teñen / e da casa non queren marchar"/ (23)

2.7. CRÍTICA A UN SECTOR DA REALEZA ESPAÑOLA.
Esta crítica vai dirixida a Iñaki Urdangarín, marido da infanta Cristina, e, polo tanto, membro da realeza española. O motivo da mesma versa sobre o famoso "Caso Nóos", tamén coñecido inicialmente como "Operación Babel" e, logo, como "Caso Urdangarín". Foi un caso de "corrupción política", que comezou no ano 2010 cando o xuiz Xosé Castro, que investigaba o "Caso Palma Arena", decidiu abrir unha peza separada. A nova instrucción trataba de obter información sobre varios convenios firmados durante os anos 2005 e 2006 polo Goberno Balear e o Instituto Nóos, unha fundación sen ánimo de lucro, presidida por Iñaki Urdangarín, xenro do entón rei de España, Xoan Carlos I. Tras a investigación, a Fiscalía Anticorrupción presentóu contra Urdangarín e o seu socio Diego Torres, os cargos de "malversación", "fraude", "prevaricación" e "branqueo de capitais". O 11 de Xaneiro do ano 2016 abriuse a vista oral diante da Audiencia Provicial de Baleares. Finalmente, Iñaki Urdangarín, foi condenado a cinco anos e dez meses de prisión, e ingresou na prisión de Brieva (Avila). Este caso foi reflectido en dúas estrofas dun "Sermon do Entroido" (24).
/"A xente pasa moitos apuros / algúns non teñen nin pa comer / ata o xenro do Juan Carlos / tivo que aprender a lamber"/
/"Lambeu todo o que puido / non lle chegaba todo a nada / veña fillos e boa vida / así van acabar con España"/.
Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no S.XI (6)
2.8. CRÍTICA CONTRA OS QUE ATENTAN CONTRA Á PROPIEDADE ALLEA (ROUBOS)
Hai xa un bo número de anos, que grupos de persoas, montados en camionetas desprazanse do seu lugar de orixe polos medios rurais, roubando todo o que encontran ao seu paso. Dende a miña perspectiva penso que hai problemas de paro moi importantes. No obstante, tamén creo que hai persoas que denantes de ir na procura de traballo tenden a vivir da maneira máis fácil, como é roubando. A esta actividade alúdese nas seguintes estrofas:
/"Dixeron os da policía / que a xente non quere traballar / e como non queren pasar fame / moito andan a roubar"/ (25).
/"Vellos arados lles valen / baterías de tractores / collen todo cando saen / aquí polo alrededores"/ (26)

2.9. CRÍTICA ÁS EMPRESAS LEITEIRAS
É un problema que ven afectando ao campo dende hai moito anos. Cómpre ver a diferencia existente a nivel de prezo entre como vende a leite o productor e como se vende ao consumidor. O máis miope podrá apreciar que esta diferencia é moi importante. Polo tanto, da a sensación que o problema non se quere arranxar. ¿Cando ganan os intermediarios neste proceso de venda?. Este problema está plasmado nestas dúas estrofas:
"Os gandeiros en Bazar / estanche moi enfadados / pois si o do leite non se arranxa / mándache moito carallo"/ (27).
"Moito iban arranxar / pero o leite non o subiron / pois con tanto prometer / xa nos enchen os fuciños"/ (28).

2.10. CRÍTICA Á CONTAMINACIÓN.
Xa vimos, nos problemas que afectan á veciñanza, como hai veciños que botan purín ás terras, contribuíndo deste xeito, a unha maior contaminación dos ríos, sen importarlles o que poida pasarlle á fauna dos mesmos, e so buscando o seu beneficio.
¡"Quero tamén recordar / ós que abonan con purín / que con cheas non botar / porque a merda é moi rin / ao o río vai a parar"/ (29).

2.11. CRÍTICA CONTRA A SUBIDA DAS XUBILACIÓNS.
A finais da primeira década deste século o goberno do Estado andaba con reformas nas pensións e xubilacións. A isto fixose mención nestas dúas estrofas do "Sermón do ano 2010".
/"Andan tamén falando / dous anos máis de traballo / as empresas están pechando / unha pila de reunións / andan rascando o carallo / no me toquedes as pensións"/
/"Os 65 elles pouco / queren quitarme o pelexo / andan haber se estoupo / ou me leva o patanexo/".

NOTAS:
1. Sermón do Entroido do ano 2010.
2. Sermón do Entroido do ano 2012.
3. Sermón do Entroido do ano 2012.
4. Sermón do Entroido do ano 2009.
5. Sermón do ano 2010.
6. Sermón do ano 2012.
7. Sermón do ano 2012
8. Sermón do ano 2012.
9. Sermón do ano 2009
10. Sermón do ano 2012.
11. Sermón do ano 2012.
12. Sermón do ano 2010.
13. Refírese á Sala de Festas 'Ermo'.
14. Sermón do Entroido do ano 2010.
15. O crecemento vexetativo é negativo cando hai máis mortes que nacimentos.
16. Sermón do ano 2009.
17. Sermón do ano 2011.
18. Sermon do ano 2009.
19. Sermón do ano 2009.
20. Sermón do ano 2011.
21. Sermón do ano 2009.
22. Sermón do ano 2012.
23. Sermon do ano 2012.
24. Sermón do Entroido do ano 2012.
25. Sermón do Entroido do ano 2010.
26. Sermón do Entroido do ano 2010.
27. Sermón do ano 2010.
28. Sermón do ano 2012.
29. Sermón do Entroido do ano 2010.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES