Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Librería Lagun, a memoria dos libros

viernes, 15 de diciembre de 2023
Ou o valor sagrado da letra impresa onde sentan xuntas dúas soidades: a do autor e a do lector. Hai que protexer a lectura, os seus tempos, silencios, espazos. E namorar a lectoras e lectores para que camiñen a vida enteira, non só a infancia, coa mochila chea de libros. Para vivir e buscar, ler e dubidar, que "a dúbida debe acompañar á convicción como unha sombra" di A. Camus.

Pecha a mítica e mártir librería Lagun, en euskera Amigo, casa dos libros prohibidos, das historias escondidas, dos libros amigos. Faro de luz contra o franquismo e o terrorismo de Eta. Apágase por falta de ventas nun mundo onde as présas e os xogos banais que foron xibarizando o cerebro.

Hai que mimar todos os formatos de libro, aínda que o de papel demostra unha resistencia admirable. Libros, lecturas, vacina contra o esquecemento e o paso inexorable do tempo. E hoxe, piloto vermello de alarma encendido cando sobe a marea de intolerancia e fanatismos: ignorancia e violencia. Para non caer no que advirte A. Ovadya, o fallo catastrófico das ideas que nos levan a esta situación na que ninguén cre nada e todos cren as mentiras. Os libros que se vendían na librería Lagun ensinaban que as ideas requiren tempo para seren dixeridas, mentres que para as pantallas e a cultura mediática as sensacións son inmediatas. E como o alcohol chegan antes ás tripas as hipérboles populistas, a polarización, o ruído das posverdades e dos zascas. ¿Cómo é posible que na era dixital, cun bombardeo inmisericorde de informacións, tsunamis de datos, inmediatez das redes, con tanto chintófano tecnolóxico haxa tanta discrepancia coa verdade? ¿Cómo teñen tanto éxito bálsamos de Fierabrás e vendedores de crecepelo co seu carromato con mulas no far west das redes?

Na memoria pervive a emocionante e solidaria venda dos libros queimados e aldraxados pola kale borroka. A librería amiga Lagun, cunha vocación de política democrática, pecha. Como pechan tantas librerías. Deberan ser declaradas Tesouros Sociais, Reservas da Biosfera Cultural, Bens de Interese Cultural de urxente protección. Sen elas, sen bibliotecas públicas o país será máis áspero e ruidoso, máis invivible e sectario, menos convivial.

'Ao principio, di Albert Camus, sempre houbo un mestre, unha mestra que ensinou o valor das palabras'... ata que fomos quen de navegar sós polos mares de papel. Capaces de ulir o arrecendo das follas. Capaces de atesourar a memoria dos libros. Capaces de beber o viño das palabras.

"Son unha persona anticuada que cre que ler libros é o pasatempo máis fermoso que ten coñecido a Humanidade", di Wislawa Szymborska. Está de pé diante do escaparate da rúa Urdaneta, onde nos anos de plomo Castell, Recalde e Latierro gardaban, na librería Lagun, o tesouriño da memoria dos libros.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES