Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lola Violeta, amiga e loitadora

miércoles, 13 de diciembre de 2023
Ninguén sabe que pasou, anque pasou. Eu sei que botaba en falta as alturas, para mirarse no ceo e recrearse na beleza, decidiu subir para quedar en soños e voar, mais quedou avergoñada detrás dunha nube. Estou seguro. Digo avergoñada porque o espectáculo visto desde arriba, debe semellar lamentable, no medio desta bola azul chea de penchas e guerras, chea de odios e con tantos tolos que queren gobernar o mundo, sen resolver as violencias e desigualdades, as fames, os horrores de todos os días que consideramos normais no activo de calquera circunstancia.

Lola Violeta, Lola Ferreiro, era a miña amiga. Viámonos con moita frecuencia. Chamabámonos e liámonos nos nosos escritos, escoitaba a miña música e discos. Valoraba e estimaba moito os comentarios e confidencias que por ambas partes faciamos na prensa ou libros, non deixabamos nada fóra. Foi a miña cómplice de tantas solucións ás miñas contradicións, aos meus problemas. Tiñamos a confianza de falar claro e de dicirnos a verdade que sentiamos.

Non sei explicar ben a dimensión do baleiro que me deixa Lola, sempre disposta a axudar aínda desde o silenzo. E de súpeto quédase detrás dunha néboa intransixente, nun solpor intranscendente. Así é a perda dela, que ben coñecía á xente, como se notaba a súa profesionalidade! Era unha loitadora a tope, amiga ata perderse, sabedora da perfectísima orde que garda a dignidade e a honestidade entre as persoas. Por iso que non sei medir este grande baleiro, non sei dicirvos a dimensión, o tamaño, a perda tan grande para Galiza, para o feminismo, para a Causa de Galiza toda. Sei que virá á miña memoria a axudar, clarificándome máis incongruencias e antinomías, virá chamando por min a reconducirme para recoñecer e facerme pisar a terra, para seguir nesta andaina de dar a cara pelexando, sen arredar. Nestas datas tería xa moi avanzado o calendario do próximo ano, aquel calendario das mulleres loitadoras de causas sobrehumanas que ela sacaba do silenzo. Contábanos de cada unha as súas angueiras ignoradas neste mundo imperfecto que só citaba homes. Nadaba contra corrente, encabezaba as concentracións, daba a cara sempre e alzaba a voz para dicir e manifestarse na certeza.

Falabamos periodicamente en Ordes, cando chegaba do traballo, en Compostela. Ela tomaba sidra, eu cervexa. Falar con ela era aliviar feridas na complicidade de comprender, escoitar e dar saída resolta a tantos camiños faltos de luz. Gustáballe o queixo fresco do día, e traíame marmelo do que facía na casa. No medio dos temas de actualidade, aparecía o mundo patas arriba -crimes de guerra, parcialidades, a xustiza inxusta, dereitos LGTBI, as demoras, o dereito a protestar, os dereitos sen acadar, os patriarcados, as masacres, o dereito do aborto, as corrupcións, racismo, comercio de armas, a inacción climática... desde os seus proxectos, que compartía gustosamente comigo, fíxome cómplice de anceios e memorias. Foi unha amiga boa e fiel, capaz de recoñecerse e recoñecer os erros aos que nos somete este xeito de comunicación urxente. Non sabes, Lola, o baleiro enorme que me queda. Non haberá modo de enchelo, farei a trampa de soñalo, de evocalo na túa voz e cosa túas saídas imperiosas.

Tampouco me deu tempo a presentarvos a esa miña amiga Lola. Médica psiquiatra e loitadora empedernida polas causas nobres da vida, sobre todo pola igualdade da muller e o repudio do patriarcado e o machismo, estúpidos complementos tan arraigados. Era a miña amiga e confidente, a miña psiquiatra tamén, a que me clarificaba nos enredos tomando un refresco e regañándonos mutuamente, polas múltiplas inocentes contrariedades que temos e tanto nos custa aceptar. Doeume a noticia, doeume fondamente, deixa un baleiro imposible pois sei era única e veraz, capaz de poñer en orde a desorde na que vivimos. Falei hai uns días con ela e nada facía presaxiar tal desenlace cruel. Gardareite nesa miña caixa pequeniña, e agradecida das memorias, que sempre me acompañan.

12 de decembro de 2023. Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES