Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no século XXI (4)

martes, 12 de diciembre de 2023
IV. O Entroido na Parroquia de Bazar
A comezos do século pasado celebrouse o Entroido en dous lugares desta parroquia: Carrivalar e Oroxe. En ambos os dous lugares realizábanse unha serie de actividades: "a corrida do galo"; "o sermón do Entroido"; e, finalmente a "queima do Entroido".
No lugar de Oroxe celebráronse unha serie de Entroidos ao carón da súa escola, organizados -segundo Avelina Corbelle Fernández (1)- por diferentes veciños do lugar, como Francisco de Oroxe, Manuel de Xil, e Manuel Ponce. Na segunda metade do século pasado cómpre distinguir os Entroidos dos anos 1966 e 1972 (2). O do ano 1966, caracterizouse polas seguintes actividades: Sermón e queima do Entroido, e "a corrida do galo". Esta facíase do seguinte xeito: Entre dous puntos fixos colocábase unha corda moi tensa, na que penduraban tres ou catro galos, que estaban amarrados por un lazo; este poñianllo por baixo das alas e, logo, metianllo polo buche e sacabanllo pola boca. Desta maneira a cabeza do animal quedaba bastante suxeita, o que daba lugar a que fose difícil arrincala. Logo, algúns veciños do barrio de Oroxe e das súas proximidades cos seus cabalos ataviados para a ocasión, pasaban ao galope por baixo do galo, tentando descabezalo. Neste ano, un dos galos foi para José María da Grandela. Ademaís destas actividades, había dúas máscaras, que recibían o nome de "faroleiros", que saían polo barrio de Oroxe o domingo, luns e o martes de Entroido, que era o día propio do festexo. Ían vestidas con saias de estopa, e por riba levaban roupas vellas; ademaís, cubrían a súa cara cunha caraúta de cartón. Os faroleiros levaban uns saquetos de cinza, que lla botaban aos veciños da parroquia, que encontraban no seu percorrido. Estes adoitaban insultalas co seguinte dito:
"Faroleiro, pataqueiro / come as tripas dos carneiros /
mal cocidas, e mal lavadas / correlle a merda por entre as barbas". (3)
Estas máscaras tamén soían ir bailando polas diferentes casas do barrio de Oroxe coa esperanza de recibir algún carto dos seus propietarios. Acostumaba ir con elas un organizador do Entroido para que os donos das casas soubesen, que eran máscaras do lugar.
O do ano 1972, levouse a cabo coas mesmas actividades agás "a corrida do galo". Esta xa non foi con galos vivos, senón con galos mortos. Ademaís, os organizadores do evento penduraron da corda unhas cintas das que colgaban uns aneis. Logo, algúns veciños do barrio soían pasar por baixo deles a galope e cun pequeño utensilio nas súas mans coa finalidade de arrincalos. Ao rematar o xogo, o veciño que máis aneis collera era o que recibía como premio "un galo vivo". Neste ano, fixo o "Sermon do Entroido", Eladio de Emeterio, da parroquia de Bexán (Cospeito) mais moi ligado con este barrio. O sermón, composto por estrofas de catro versos, contiña unha variedade de críticas mais expostas cunha bulra e sarcasmo especial. Neste ano, tamén sairon "os faroleiros" (4), bailando e botando cinza coma sempre. É mester sinalar a Esperanza da Ponce, que fixo de faroleiro no Entroido do ano 1966; e a Eugenio de Fugueteiro, no ano 1972 (5). Neste barrio, era moi habitual que os veciños se tiznasen con arxila branca ou doutros cores. Como remate dos festexos do Entroido en ambos os dous anos celebrouse un baile amenizado por unha orquestra (6). A partir de mediados dos setenta do século pasado, os eventos que houbo do Entroido en Bazar xa se fixeron conxuntamente a nivel de parroquia.
En Carravilar, temos testemuñas dos importantes entroidos que se celebraban a comezos do século XX, sendo o seu organizador Severino das Fontes. Este feito está reflectido nunha das estrofas do "Sermón do Entroido" do ano 2009, que dí:
"Os noso vellos nos están a recordar
que de nenos seus avos lles solían falar
dos carnavales que Severino das Fontes
acostumaba organizar no Campo de Carravilar
cando o século XX estaba a comenzar".
Logo da contenda civil española, o Entroido seguiu celebrándose en Carravilar da man de Avelino de Marcos, fillo de Severino das Fontes. Estes tiveron moita sona na bisbarra, segundo se menciona nunha das estrofas do "Sermón do Entroido" (7) na que se le:
"E anos despois,/ cando a Gerra Incivil se logrou terminar/ o seu fillo Avelino de Marcos/ a miles de persoas lograba concentar/ para os seus críticos pregóns poder escoitar".
Ademaís, cómpre lembrar tamén a tarefa, que levaron a cabo os veciños José Benito de Carravilar e Ramón do Cura na planificación dos Entroidos dos anos cincuenta e sesenta do século pasado. Ata mediados da década dos sesenta do século XX, levabanse a cabo unha serie de actividades: "a corrida do galo"; o "Sermón do Entroido"; a "queima do Entroido"; tamén, se realizaban "unha serie de xogos populares, adicados aos cativos; e finalmente, un baile amenizado por un grupo musical ata altas horas da maña, no que participaban disfraces e mascaradas.
A "corrida do galo", facíase do mesmo xeito que no barrio de Oroxe (8). Esta práctica realizouse tamén en outras comunidades chairegas como Ansemar, Bestar (Cospeito), Quintela, Saavedra (Begonte), Duarría (Cospeito), en parroquias de Abadín e Xermade etc. En Carravilar, dende mediados dos sesenta do século pasado, adoitaba suspenderse da corda unhas cintas das que colgaban uns aneis. Logo, algúns mozos da parroquia soían pasar en bicicleta por baixo deles coa finalidade de arrincalos. Ao rematar o xogo, o mozo que máis aneis collera era ao que lle daban "un galo vivo" (9). Dos anos sesenta conservamos unhas estrofas dun Sermón, elaborado daquela por Avelino de Marcos: (10).
"Carravilar ahora/ comparado con outros tempos/ parece un xardín de flores.
"Tres talleres de modistas,/ onde poden vestir a moda/ todas as rapazas novas".
"Taller de carpintería/ xa non fai falta ir a Lugo/ por asuntos da mueblería"/.
Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no século XXI (4)"Agora non é como antes/ que íbamos polos camiños/ cunhas zoquiñas lampas/ e un pantalón de estopa/ que abofé se tiña xeito/ cando o home se sentaba/ o pantalón quedaba dereito".
"Tede cuidado rapaces/ e cortade ben as uñas/ que se vos queixan as mozas/ que lles rachades os vestidos/ todos pola espalda"/
"Aló abaixo no cruce/ hai unha zapatería/ onde che fan a medida/ zapatos e zapatillas"
É moi probable que Avelino de Marcos, cando menciona os talleres de modista, como algo innovador na parroquia estea pensando en Anastasia do Cura; en Remedios da Cainzada; en María Josefa de Carravilar; e María Josefa de Xusto. E cando alude ao taller de carpintería, estea rememorando ao taller de carpintería da familia de Manolo de Cainzada. En calquer caso o que se reflicte nestas estrofas é o papel innovador que supón a creación de varios obradoiros ou talleres na parroquia, que posibilitan que a veciñanza dependa menos da cidade naquelas mercadurías ligadas coa vestimenta, o calzado e cos mobles. Ademaís, nunha das estrofas deixase entrever o carácter picaresco e hixiénico da mesma.
Os sermóns de Avelino estaban cheos de retranca e ademaís contiñan unha dimensión crítica importante o que motivou que mais dunha vez terminaran esluídos pola autoridade á que non lle gustaba nada o contido dos ditos pregóns. En definitiva, o noso veciño Avelino foi exemplo siñificativo desa poesía protesta en tempos do Entroido.
Logo de Avelino, non houbo ningún veciño que quixera seguir coa organización do Entroido coas súas peculiaridades propias. No obstante, algún ano fixose unha organización oficialista do mesmo por parte do Centro Cultural. Así, no ano 1977 houbo unha gran gala infantil de disfraces, xogos, concurso humorístico, todos eles con agasallos para os participantes. E, na noite do martes de Antroido, proxección cinematográfica. Tamén no ano 1980 festexouse o Entroido, cun baile de disfraces e números premios.
Vai ser a comezos deste novo século cando Rafael de Xusto reiniciou o Entroido, -despois dun longo paréntese-, seguindo coas súas características propias e coas súas actividades: Sermón e queima do Entroido, xogos populares prós cativos, baile e concursos de disfraces. No obstante, o seu labor de organizador en solitario do evento durou catro anos ata que decidiu rematar a súa tarefa, que quedou plasmada nunha das estrofas do "Sermón do Entroido".
"E despois de que durante varios anos/ Rafael de Xusto estivese a traballar/ para esta festa continuar/ o ano pasado decidiu descansar".
Logo, dos anos 2009 ao 2011 inclusive, a tarefa de organizar este evento recaeu por propia vontada nas netas de Avelilo de Toño -Marta Castro e Pilar Canto- e no neto de Mingas, Iván Diaz Este novo cambio na organización da festa tamén quedou explicitado nunha das estrofas do "Sermón do Entroido" do seguinte xeito:
"E como parece que non quería reanudar/ xente nova continuación lle decidiu dar/ e as netas de Avelino de Toño e o neto de Mingas/ se puxeron a organizar"/.
No ano 2009, o Centro Cultural "Ignacio Rey-Stolle" deu a coñecer a festividade do Entroido da seguinte maneira:
"A xornada festeira comezou as 13:30 horas con sesión vermú coa orquesta Noche de Gala, e seguiu ás 17 horas xon xogos populares e disfraces infantís, e ás 18 horas coa actuación do humorista Lito de Arzúa. Ás 18:30 horas pronunciouse o pregón con xuizo e queima do Antroido (se procedía, que procedeu), e nova actuación da orquesta, que así mesmo tería ao seu cargo a verbena desde as 22,30 en diante. Ás 22 horas pecháronse as actividades da tarde. Pola noirte, desde as 12, celebrouse un concurso de disfraces con diversas categorías e 700 euros en premios. O campo estivo cuberto con carpa e funcionaron canóns de aire quente".
Finalmente, no ano 2012, esta festa foi organizada por Iván Díaz, David Castro e José Lamas, aínda que Marta Castro e Pilar Canto colaboraron cos organizadores. Nesta nova andadura -do 2009 ao 2012- o festexo realizouse o domingo de Entroido pra non coincidir co que se celebraba o martes de Entroido en "Val de Francos" (Castro de Rei).
Tanto na etapa de Rafael de Xuxto como na posterior, as actividades más importantes, que se realizaron no Entroido foron as seguintes:
1ª. Algúns "xogos populares" adicados aos nenos, como "carreiras de sacos", "as cadeiras ocupadas", "algunhas cucañas", "a rotura dos pucheiros" etc.
2ª. A intervención do grupo musical "Os Valuros" de Castro de Rei, dirixido pola dinamizadora cultural Ana Canto.
3ª. O "Sermón do Entroido", no que interviñan case sempre dous persoeiros. Denantes de comezar a lectura do Sermón, o Antroido -representado por un boneco, vestido con roupas vellas- é colocado nun lugar axeitado do palco da música. Logo, unha parella pronuncia dende o palco da música o sermón a xeito de diálogo. O sermón, dende sempre, estaba e segue estando composto por un número indeterminado de estrofas Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no século XXI (4)de catro versos, case sempre octosilábicos, e con rima consoante. No obstante, tamén hai algunhas estrofas de cinco e seis versos.
4ª. A "queima do Entroido". Este é simbolizado por un boneco, xeralmente feito de palla, ao que visten con roupas vellas, xa que "o vello" é unha das formas coas que se representa, ao Entroido. A este boneco adxudícanlle todas as desgracias e sucesos adversos, acaecidos nesta parroquia durante o ano. Isto motiva, que sexa condenado a ser queimado no lume. "Él ven a ser como o chivo expiatorio de todos os males da comunidade". No obstante, ás veces, encarna a un aspecto en concreto, que prexudicou á parroquia, e que vai a quedar reflectido nunha das estrofas do Sermón./ "E dito todo isto/ e para o pregón rematar/ hoxe neste espantallo/ ós políticos queremos encarnar".
Ademaís, o público asistente interven na decisión de "queimar ou non ao entroido". Así un dos sermoeiros remata o Sermón, querendo que o persoal asistente interveña na decisión final.
"E despois de todo o que oístes/ haber que queredes facer/ contádenos amigos/ se lume lle imos prender".
5ª. Finalmente, un baile amenizado por unha orquestra. Nel adoitaban participar todo tipo de disfraces e máscaras, a nivel individual ou en grupo. Nun dos descansos da orquestra acostumaba a facerse "un concurso de disfraces" entre os asistentes. Había diferentes categorías e, polo tanto, varios premios, ascendendo no ano 2009 a 700 euros.
No ano 2012, os organizadores do Entroido quixeron deleitar aos seus veciños e tamén aos foráneos cun nova actividade como foi "a baixada das carrilanas" polas Penelas. Teño que dicir que esta nova actividade é algo inusual nas festas das parroquias e dos pobos, e únicamente me veñen a memoria -polo que respecta á provincia de Lugo- as carrilanas que se celebran en Abadín e Chantada. Este novo acto quedou reflectido en varias estrofas do "Sermón do Entroido do ano 2012".
"Deulles por argallar/ e organizaron as carrilanas/ debe haber moita xente/ que non ten que facer nas casas"
"Era todo moi novedoso/ ninguén sabía como facelas / e pecando de inocentes / querían baixalas polas Penelas"/
"Miraron aquí e acolá / ninguén lles facía seguro / e pensaron que contra as pacas / o golpe sería moi duro"/.
Con respecto, ao lugar de Oroxe, que nun principio -como dixemos- celebrou con Carrivalar,o Entroido nesta parroquia, mais por separado, non volveu a celebrar este evento . Nos últimos anos de celebración do Entroido en Carrivalar, alúdese ao lugar de Oroxe nalgunhas estrofas dos Sermóns.
"Tamén para a casa de Amparo de Pino / e para a de Antonio da Pena / novos veciños viñeron morar/ e en Oroxe a casa vella de Porto están a rehabilitar"
"Unha veciña de Lugo / moito nos anda a amolar / por non deixar cortar os pinos / sen luz en Oroxe houberon quedar.

NOTAS:
1. Veciña do lugar de Oroxe (Bazar).
2. Referencia de Fernando Novo Rodríguez, veciño de Oroxe (Bazar).
3. Informante: Carmen Folgueira Fernández, veciña de Oroxe (Bazar).
4. Había faroleiros de ambos os dous sexos.
5. Informante: Fernando Novo Rodríguez, veciño de Oroxe (Bazar)
6. A nivel anecdótico, cómpre dicir que algúns veciños de Oroxe lembranse de que no ano 1972 a orquestra chegou a este barrio nun camión do leite, debido a unha avería que sufriu o coche que a transportaba.
7. Sermón do Entroido do ano 2009.
8. Entre dous puntos fixos colocábase unha corda moi tensa, na que penduraban un galo, que estaba amarrado por un lazo; este poñianllo por baixo das alas e, logo, metianllo polo buche e sacabanllo pola boca. Desta maneira a cabeza do animal quedaba bastante suxeita, o que daba lugar a que fose difícil arrincala. Logo, algúns mozos da parroquia en cabalerías ataviadas para a ocasión, pasaban ao galope por baixo do galo, tentando descabezalo.
9. Informante de Bazar: José Canto Novo.
10. Estrofas conservadas por Ana Vila Ferreira.
11. TEIJEIRO REGUEIRO, José María.: O Bazar que eu recordo, En Bazar, milagre social. Coord. e Autor: Xulio Xiz, Lugo: Deputación Provincial, 2021, pax. 164.
12. NOVO RODRÍGUEZ, José María.: Centenario da igrexa de Bazar, En Bazar, milagre social. Coord. e Autor: Xulio Xiz, Lugo: Deputación Provincial, 2021, pax. 160.
13. Xulio Xiz.: En Bazar, milagre social. Ob. cit., páx. 94.
14. Xulio Xiz.: Ob. cit., páx. 96.
15. Rafael de Xusto, organizou o Entroido en solitario durante catro anos. Os sermóns da súa época como organizador, realizounos o mestre Manuel Vila López da Ponte de Outeiro (Castro de Rei). Non puidemos acceder aos mesmos por posible perda.
16. Sermón do Entroido do ano 2009.
17. Sermón do Entroido do ano 2009.
18. Xulio Xiz.: En Bazar, milagre social. Ob. cit., páx. 99.
19. Organizadoras con Iván Díaz do Entroido entre os anos 2009-2011.
20. COCHO, F.: O Entroido Galedo. Vigo: A Nosa Terra, 1998. Páx. 35.
21. Sermón do ano 2009.
22. Sermón do ano 2009.
23. Sermón do ano 2010.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES