Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 05 de diciembre de 2023
Desde a curva do Arco da Vella

Calei para non berrar. Cando berro óeseme máis alá da distancia, máis alá do tempo. Cando berro esgazo o momento. Berrar é bo, acelera o sangue das veas e espalla as carraxes. Cando berro é para que o silencio faga ruído, para que se meta co ruído. No silencio, a modorra adoita botarse a durmir. O durmir é para as noites, para que berren os soños. Ou os pesadelos.
Pingas de Orballo Berrei desde a curva do arco da vella e deixei que o berro se espallase polo val do Medo. Ó berrar abanean os toxos e asústanse as lavandeiras. Hoxe non toca berrar nin polas guerras, nin pola apocalipse, nin polas exterminacións. Hoxe chega con berrar polos encordios que levamos dentro e, quizais, por esas ideas que bambean polo entendemento.
Cuspidos xa todos os demos, toca calar definitivamente. Deixar de berrar. Cando calo todo queda quitiño e só. De cando en vez, un suspiro si racha o silencio. Ese silencio que acouga, que se enche de modorra e de segredos. Non é necesario berrar por estes. En silencio lévanse con máis sinxeleza.
Calei para non berrar e durmín para soñar. Nos soños, xa se sabe, hai silencios e ruídos, hai dúbidas e certezas, miserias e riquezas, guerras e conflitos; nos soños, todo queda. Queda a noite que se fai eterna ou que se pasa nun suspiro. Polo día subo ó alto do outeiro para escoitar o asubío do vento. E para escoitar os meus berros déixome deslizar pola eterna curva do arco da vella. Ó aterrar quedo definitivamente... en silencio.

Darth Vader facendo das súas

Pasando o tempo nos penedos de Barricobos co meu can Uriarte, escoitei moito barullo procedente de Entreloríos. Marchei correndo deica a Pitediña para saber de que ía tal algarada, tal rebuldaina. Uns veciños comunicáronme que polo monte Medo andaba Darth Vader facendo das súas coa súa espada láser. Eu ben souben ler nos ollos dos meus paisanos: estaban a pedirme que resolvera tal situación. Tíñanlle medo. A fama que precedía a Darth Vader non era nada boa. Que non sei que do lado escuro.
Pingas de Orballo Como a escuridade do día aínda non era tal (en concreto eran as cinco da tarde), marchei só con dirección ó Medo. Perdón, co meu Uriarte. Este, o pobre, nunca me deixaría só. Como armas levaba a vara aguillada na man dereita e o caxato do temoeiro no peto de atrás do pantalón. Malo será que non lle impoña un pouco de respecto. Aínda que recoñezo que a loita, en caso de habela, sería moi desigual. Confiaba tamén un pouco nos cairos, nos caninos do meu can.
En Sudalomba xa vin como Darth Vader andaba a golpes cos toxos, carpazas, xestas e carqueixas. A súa maldita espada deixaba un rastro de cinsas e borralla que daba a imaxe dunha certa desolación. Lanceille un berro, un ergutío, un aturuxo e a miña aguillada fixo de escudo para parar o golpe da espada láser. Ó mesmo tempo espeteille o caxato do temoeiro na gorxa e o Uriarte fixo presa nas partes íntimas do habitante de Tatooine e, este, si que non tardou en pasar ó lado escuro da existencia. Os veciños quedaron pampos de asombro. Líaselle nas caras e nos ollos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES