Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no século XXI (3)

martes, 05 de diciembre de 2023
2. A orixe do entroido e trazos peculiares desta festividade.
Con respecto á orixe do Entroido a teoría sustentada por un maior número de etnógrafos e antropólogos, encabezados por Caro Baroja (1), defende unha teoría medieval do Entroido. Sen a idea da Coresma non existiría na forma concreta, na que se levou a cabo desde datos escuros da Idade Media. A oposición do Entroido coa Coresma constitue o fundamento básico sobre o que se foi configurando o modelo de Entroido da sociedade occidental. Isto non é obstáculo para que no Entroido actual poidan influir rituais de festas de orixe antiguo (2).
Esta conmemoración festiva aínda que reflicte trazos de calquera festa como poden ser o sentido de unidade e de autoafirmación da comunidade fronte "aos outros"; a súa abertura de cara ao exterior, mediante o baile, fomentando deste xeito o carácter exogámico das comunidades; a reafirmación dos lazos familiares, mantidos por medio da "comensalía"...
Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no século XXI (3)Con todo, o Entroido, como imos apreciar, é unha conmemoración provista dunha serie de trazos moi peculiares, que fan desta celebración algo especial e propio.
- Trátase dunha festividade de tránsito entre o solsticio de inverno e o equinocio da primavera co que iso conleva nos ritmos da natureza. Isto implica que algúns rituais deste momento festivo sexan indicadores dun novo mencer fronte a escuridade. En definitiva estamos ante a dialéctica VIDA-MORTE, saíndo triunfadora a primeira. Na actualidade, a idea de vida e fertilidade está moi presente cando "os volantes" de Santiago de Arriba (Chantada) pasan por riba dos campos e terras de labor. Tamén, as chocas e campaiñas, que soan durante o Entroido, simbolizan a vida, e alonxan o mal das comunidades.
- É un tempo de transgresión da orde habitual; de ruptura de todas as normas; de inversión de valores. Un tempo axeitado para que todos podamos simbolizar un papel diferente ao que temos na vida cotiá. E isto realízase, as máis das veces, por medio dos disfraces e as máscaras, que nos permiten levar a cabo -polo seu carácter de invisibilidad- aquilo, que sería inviable nun tempo normal.
- No Entroido estamos ritualizando o lado escuro e funesto do ser humano. A súa animalidade, as súas maís baixas paixóns, os seus excesos na comida e na bebida.
- O Entroido provoca un desafogo psicolóxico no sentido de que se trata dun festexo catártico e liberador das tensión acumuladas ao longo do ano.
- No tempo de Entroido, os praceres carnais están personificados por medio de animais vivos, como o galo, que ten fama de ser un dos máis luxuriosos. No obstante, tamén se usan figuras de animais, que foron asociados por tradición non só coa lascivia, senón tamén con outras formas de comportamento carnal, como a gula, a preguiza etc. Así, podemos sinalar a vaca, o touro, a mula, o oso. Ademaís, hai representacións dunha animalidade en abstracto, reflectida por unha serie de atributos como as peles, cornos, máscaras con figuras de animais. Tamén, hai outras formas de simbolizar ao Entroido: unha delas é a vellez; polo tanto, non resulta estrano ver moitos disfraces de roupas e caraútas vellas. Así mesmo, o Entroido tamén está personificado naquelas persoas disfrazadas con vestidos de luxo, como é o caso das Madamas; os Galáns; os Señoritos. O luxo está relacionado coa voluptuosidade, co pracer sexual (3).
- Este tempo representa ademaís unha loita entre Don Carnal e Dona Coresna, reflectida -segundo termos nietzcheanos- pola relación existente entre dos deuses da Grecia antigua: Apolo e Dionisios. Así, o dionisiaco simbolizaba a desorde pública, o instintivo, a vitalidade sen freo, a farra, a irracionalidade. Pola contra, o apolíneo, representaba todo o contrario, é decir, a racionalidade, a orde social, a ponderación, o esforzo continuo (4). En consecuencia, hai unha tensión dialéctica entre o apolíneo e o dionisiaco, que se vai resolver co triunfo do apolíneo, e decir da orde e do control social.
- O Entroido ten un fondo contido dramático, xa que é un tempo no que se escenifican e parodian as institucións civís e eclesiásticas por medio de sermóns, e xuizos. E isto faise con ironía, bulra e humor.
- A máscara é uns dos elementos esenciais do Entroido. É un símbolo claro da animalidade entroidana, que provoca diferentes tipos de emocións: admiración, alegría, medo, temor, inquietude. Non adoita actuar en solitario, senón en grupo formando mascaradas, que percorren as rúas das vilas e os camiños das parroquias. Gozan de inmunidade, o que lles permite botar fariña, auga e nalgún tempo formigas.
- É un tempo no que as portas das casas están abertas de cara ao exterior, e todos participan dun xeito directo ou indirecto na festa. Ademaís, os membros das diferentes casas da comunidade convidan ás máscaras e disfraces a filloas, orellas, freixós, doces típicos etc.
- O Entroido ten unha finalidade didáctica. O desenfreo e a desorde, que se produce nesta festividade, regulan a orde social. Esta festa estanos ensinando por vía indirecta, Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no século XXI (3)que se o exceso na comida, na bebida, e nos praceres carnais fosen continuos, seríamos incapaces de vivir deste xeito, o mundo non se sostería.
- Unha das manifestacións do Entroido, que serve de válvula de escape aos asistentes a algúns dos actos deste tempo festivo e o "riso". Todo vale e todo resulta cómico no tempo do Carnaval. A festa non é posible sen permitir que o sentido do humor domine por unhas horas calquera outro sentimento e se impoña no estado de ánimo (5). Ademaís rirse dun mesmo é sano; é como saca-la máscara que nos fai levar a sociedade da vida diaria e disfrutar deixando ver un pouquiño do que levamos por debaixo dela (6).
- É un tempo de alegría, de diversión, de exceso na comida e na bebida. O elemento sexual aparece reflectido nas disputas que había nos xoves de compadres e comadres.
Así mesmo, as corridas do galo tiñan un compoñente sexual importante, xa que o galo e un dos animais máis simbólicos do Entroido en canto á carnalidade e luxuria.
En moitos lugares de Europa e de España celebrábanse "corridas de galos". En Galicia celebraronse ata o último tercio do século pasado nas parroquias pontevedresas de Santa Cristina de Cobres e San Adrián de Cobras; en Zás (A Coruña); en Cotobade (Pontevedra); en Viana do Bolo (Ourense); e tamén, como veremos, nalgúnhas parroquias da comarca da Terra Chá, incluido o "Val de Francos".

NOTAS:
1. Esta teoría foi defendida por Caro Baroja, L. Janssen, Peter Burke, Vicente Risco, e continuada por etnógrafos galegos como X.M.González Reboredo, F. Cocho, Mariño Ferro, Fidalgo Santamarina, Clodio González etc.
2. Entre estas festas podemos distinguir as seguintes: Aquela que defende que esta festa ten unha orixe nos rituais animistas da Prehistoria. Bouza Brey, etnógrafo galego, e nun primeiro momento Vicente Risco, estudaron as máscaras asinandolle orixe prehistórico en canto ao seu sentido máxico e ritual ligado á prácticas de relixión primitiva.
Os rituais agrarios gregos, adicados ao culto a Dionisos e, logo, ao deus romano Baco. As dionisias celebrábanse na honra de Dionisos, deus gregos, que logo os romanos transformaron en Baco. Foi rei da natureza, e as súas festas simbolizaban a vida, a pasión, o renacer primaveral.
Tamén, nos actos que tiñan lugar nalgunhas festas romanas antigas nomeadas Saturnalia. Eran festas que comezaban o 17 de decembro, na honra do Deus Saturno, protector da agricultura. Tanto os amos como os seus escravos invertían os seus papeis. Festas nas que había unha gran permisividade.
Asi mesmo, as Lupercalia celebrábanse nos idus de Febreiro na honra do deus Pan. Os lupercos sacrificaban un macho cabrío, e logo untábanse coa súa sangue A continuación, perseguían espidos as mulleres con látegos feitos da pel do macho cabrío
Finalmente as Matronalia. que se realizaban no mes de Marzo na honra da deusa Xuno Lucina. Nesta conmemoración, as mulleres servían aos seus escravos e criados, mentres que os esposos servían as súas esposas.
3. MARIÑO FERRO, X.R.: Antropoloxia de Galicia, páx. 487.
4. CHAO REGO, Xosé. Ob. cit., páx. 30.
5. COCHO, F.: Ob. cit., páx. 47.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES