Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no século XXI (2)

martes, 28 de noviembre de 2023
II. Mapas de localización do Concello de Castro de Rei e da parroquia de Bazar (1).
Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no século XXI (2)

III. Trazos Xerais sobre o Entroido.
1. Significación do vocablo 'Entroido' e tempo e celebración.

O Carnaval recibe en Galicia o nome de Entroido, e procede do latín "Introitus", que significa "entrada", ou "comezo do ano ou da primavera". Segundo as zonas recibe os nomes de "Antroido", "Introido", "Entrudio", "Entrudo" (2). Unha nova acepción sería a de considerar ao Entroido como a entrada do tempo, que precede á Coresma.
O tempo de Entroido está relacionada coa Pascua de Resurrección, festa de carácter lunar, que celebra o día da morte de Xesús. Esta conmemoración, segundo o Concilio de Nicea, realízase o primeiro domingo, que segue a lúa chea de primavera. Polo tanto, o domingo de Entroido lévase a cabo corenta e nove días denantes da Pascua de Resurrección. Agora ben, o calendario lunar ten como fundamento o ritmo irregular das lúas, xa que o ciclo completo de lunación ben durando normalmente vinte e nove días, e doce horas. En consecuencia, o domingo de Entroido pode caír entre o un de Febreiro e o sete de Marzo.
Por outra banda, o tempo de celebración era moi variable. Así -segundo Vicente Risco- adoitaba durar unhas tres semanas nas que compría sinalar os seguintes días: o domingo fareleiro; o xoves de compadres; o domingo corredoiro; o xoves de comadres; e os días grandes do Entroido, que se correspondían co domingo, luns e martes. Eventualmente, tamén o mércores de cinza. Ademaís, é mester facer alusión ao domingo de piñata, primeiro domingo de coresma, que se celebra nalgunhas zonas (3). O Entroido galego de máis días de duración radica na vila ourensán de Xinzo de Limia. Achegas etnohistóricas ao entroido da parroquia de Bazar (Castro de Rei) no século XXI (2)
Con respecto á provincia de Lugo, os días do Entroido concéntranse no Domingo e Martes, considerados como os días importantes desta festividade. No obstante, cómpre sinalar as seguintes excepcións: en Santiago de Arriba (Chantada), tamén se festexa o domingo fareleiro e o domingo corredoiro, e dicir, os dous domingos anteriores ao Domingo de Entroido. O xoves seguinte ao "domingo fareleiro" conmemórase o "xoves de compadres", que se sigue celebrando en maior ou menor media nos municipios das "Terras de Lemos", como Monforte e Sober -vilas básicas de celebración- Pantón, Pobra de Brollón, Bóveda e o Saviñao. Unha semana despois celébrase nos mesmos lugares o "xoves de comadres". En Salcedo (A Pobra de Brollón), tamén se celebra o luns de Entroido coa famosa "saída do oso" polas distintas rúas da vila. O mércores de cinza, conmemórase "o Enterro da Sardiña", nas vilas de Monforte, Burela, Viveiro, Foz e Vilalba. O sábado de piñata, festéxase en Ribadeo coa queima do Entroido, boneco de varios metros de altura. No ano 1998, este boneco -símbolo do Entroido- entrou no Libro Guinness de Records cunha altura de 13,32 metros. Finalmente, o domingo de piñata conmemórase na localidade de Lourenzá.

NOTAS:
1. Os mapas foron realizados por Antonio Figueroa Paz.: Experto en Sistemas de Información Xeográfica (Six).
2. Risco, Vicente.: Historiza de Galicia, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Etnografía. Cultura Espiritual. Madrid: Akal, páx. 611
3. RISCO, Vicente.: Historiza de Galicia, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Etnografía. Cultura Espiritual. Madrid: Akal, páx. 612.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES