Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coa Administración topamos

lunes, 27 de noviembre de 2023
Traballei toda a vida na Administración. Sei máis ou menos de que pé coxea. Porque coxear coxeou sempre. A Administración. Non os seus funcionarios. Si, sempre haberá toxos por todos os lados; pero, en xeral, cumpren co seu cometido, por veces facendo máis do que deberían facer. Pero, si, iso vai na persoa.
Coa Administración topamos
A Administración sempre foi un pouco ou un moito un galimatías. Tratando ó paisano coma un saco de patacas: de aquí para alá, polo aire e polo chan, con soberbia e sen compaixón. Aquel famoso "volva vostede mañá" colleu fama porque tal acción estaba á orde do día. Sei de moita xente, eu mesmo, que por evitar tratos coa Administración deixa de solicitar certos papeis ou certas subvencións. Poñen a un tolo.

Agora mesmo, e con isto da Internet, que semella que nos debería alixeirar un pouco os trámites; pois ben, tan só con pedir cita previa, ás veces vólvese o asunto como para acabarlle coa paciencia a calquera. Ou te armas de valor e segues dálle que dálle ou renuncias a todo e mandas á Administración a tomar por aquel sitio. A maiores de que, non todos os paisanos poden botar man da informática, e os que poden, algúns, non saben ou non sabemos desenvolvernos polos programas de certos ministerios. Porque, si, a informática é moi bonita e axuda moito se a dominas ben. Se non, ponte medio turuleque ou tarambaina completo. E para certos asuntos xa non admiten a presenza física. Búscate a vida, paisano!

A Administración empeza a copiar cousas dos bancos. Estes, para certos trámites, obrigan a ir de tal hora a tal hora. A Administración empeza a dicir que se non tes 65 anos, que nada de presenza física nas súas oficinas para consultar ou arranxar tal tema ou materia, que te busques a vida por medio das aplicacións informáticas. Seguro que dentro duns meses tan só quererán atender ós que coxeen da perna dereita.

Á Administración, ese conxunto de persoas e organismos que se ocupan da xestión dos asuntos públicos, quédalle moi bonito tal definición, pero da teoría á práctica... pois vai coma iso, coma o de ter 65 anos ou non, por exemplo. Que a maioría das veces o propio paisano ten que buscarse a vida por si mesmo, que como espere pola Administración... esta consumiralle os folgos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES