Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bosques, moito máis que madeira

viernes, 24 de noviembre de 2023
Se preguntas ao negocio da madeira, os bosques son monocultivo de árbores exóticas. Para unha pega, un bosque limpo e ordenado sería unha interminable silveira con doces e saborosas amoras. Nos montes, soñan as bolboretas, debera haber praderías cheas do almíbar das flores.

O bosque é a placenta da vida ameazada pola tala indiscriminada das árbores, incendios propiciados polo cambio climático e a estupidez humana.

Apélase á limpeza dos bosques, á eliminacion da 'maleza' para previr incendios forestais. Pero a maleza non é mala, cumple unha función no medio. Os expertos en ecoloxía defenden o monte 'sucio': taracea de árbores, herba, flores, arbustos, bacterias, silvas, bicharada miúda fungos, auga, que fai posible a vida multiforme e a beleza das paisaxes.

O bosque éche infinita diversidade mentres que o monocultivo comercial é plantación. Non é a maleza a que ameaza ao bosque senón as piromanías de locos, malvados cheos de autoodio, inconscientes que queiman a propia casa. Sen a cuberta vexetal estes ecosistemas rebordantes de vida, son fráxiles.

O bosque é un infinito agasallo gratuíto: madeira, enerxía, combustible, comida, fungos. Tamén auga, osíxeno, aire puro, silencio, paisaxe. Protección fronte ás catástrofes, esponxas nas enchentes, reserva de organismos e infinitas especies vivas, insectos, vertebrados. Pero non se pode concibir a natureza en función das necesidades e apetencias de recursos que necesitamos. Os tempos da natureza son máis pausados que as présas dos gargantúas humanos.

Ao contrario que en países da UE sensibles a valores medioambientais e que apostan por especies autóctonas, as especies que se plantan aqu-i son exóticas. Xa non quedan bosques primixenios onde vida e morte sementan máis vida. Os nosos bosques son máis pobres, con menor biodiversidade, é dicir, máis fráxiles. O eucalipto que devora auga e propaga lume medra dun xeito explosivo polo abandono do rural e porque da cartos. E iso é bo. O malo é a desorde na ocupación do territorio.

Maltratamos o medio desadornándoo de vida. Somos autores do noso empobrecemento, e tamén a súa esperanza. Queimamos os bosques pero como Sísifo estamos condenados a replantalos. A aposta polas árbores, a auga e a maleza axuda a frear a perda de biodiversidade. Soan atinadas as palabras de Castelao: "Vale máis unha terra con árbores que o ouro nos bancos", aviso necesario contra os maltratadores da natureza onde a máquina de talar morde máis rápido que a conciencia ecolóxica. Somos anxos e verdugos, unha suma de voces a favor das árbores, auga e bolboretas, humanos e pradarías, silvas e maleza, paisaxe e vento, fungos e flores, insectos e paxaros. Os bosques son moito máis que madeira.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES