Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alonso Montero

miércoles, 29 de noviembre de 2023
Leo que o vindeiro 29 de novembro, ás 12 da mañá haberá unha homenaxe a Don Xesús Alonso Montero na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela. Unha homenaxe ben merecida a un referente intelectual que resulta imprescindible, entre outros eidos, no das Humanidades. Neste sentido, os meus mellores recordos del están ligados á Facultade de Humanidades de Lugo, onde viña moi frecuentemente e onde sempre era un gusto escoitar o que dicía. Nas verbas don Xesús, sempre había algo novo e, se ben sabíamos de antemán a súa posición do tema do que ía falar, tamén sabíamos que era imposible predicir os camiños que ía tomar a súa disertación.

Don Xesús sempre foi un home leal ao seu pensamento e a súa xente. A primeira vez que cadrei con el foi na presentación do libro do meu querido profesor Sergio Vences que, aínda que hai moito que nos deixou segue na memoria como unha folla perenne imprescindible. Daquela descubrín o Ateneo Republicano Galego e, tamén, que non estaba só na idea de recuperar aquela República democrática que se perdeu cando Atila impuxo a forza.

Despois foron moitos os momentos nos que acudín a charlas sabendo que era el o que inauguraba a xornada. Lembro unha co meu tío Pepe na que falaba don Xesús das forzas políticas republicanas. Nun momento referiuse aos socialistas e fixo o seguinte inciso "eu falo dos socialistas cando os socialistas eran socialistas. Agora son do PSOE". Don Xesús seguiu falando coma se nada pero ao meu tío Pepe e a min fíxonos moita graza a sorna e abofé que rimos.

En todo caso, Alonso Montero, para min é un referente intelectual que superou as condicións máis duras do franquismo e soubo apoiar aos seus alumnos para saír adiante. Aquí poderíamos citar o exemplo sempre presente de Fiz Vergara Vilariño que tivo nel un apoio incondicional.

Polo tanto, alédome moito de que no día despois do seu noventa e seis aniversario sexa novamente recoñecido pola súa alma máter: a Facultade de Filoloxía da USC. Ogallá dela saian moitos Alonsos Monteros.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES