Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A vellez actual e a súa experiencia

viernes, 24 de noviembre de 2023
Pese a miña vellez, prométolles ser obxectivo na exposición que lles ofrezo. Talvez sexa máis fácil enfocar esta temática desde a distancia no tempo, pero as vivencias da nosa propia idade supoño que tamén resultan relevantes para acometer a tarefa que me impuxen: Insistir no que somos e nos considera a opinión dalgúns intelectuais, e, sobre todo, DAR UNHA OPINIÓN ACERCA DA NOSA CONTEXTUALIZACIÓN, QUE RELATIVIZA A IMPORTANCIA DA EXPERIENCIA.

Pascal Bruckner, filósofo e ensaísta francés, publica un libro que titula UN INSTANTE ETERNO. FILOSOFÍA DE LA LONGEVIDAD. Nel afirma que dedica as páxinas do mesmo aos que desexan retrasar o máis posible o inverno das estacións da vida e soñan cunha nova primavera no outono. Cantos vellos soñan (soñamos, sen decatarnos, isto?. Este iluso sentimento tenlles algunha explicación, pois, como recolle Justino López Santamaría, que comenta esa obra de Bruckner, un padre pode ser unha cousa e outra, porque a liquidez da sociedade, como a entende Bauman, ofrece oportunidades para todo, e incluso a meteoroloxía axuda a confundir as mesmas estacións do ano, prognosticando outonos primaverais, e primaveras outonais: parece que todo se concita para, por unha parte, desconcertarnos, e, por outra, debilitar a importancia das nosas experiencias.

E desde esta perspectiva cabe preguntarse ata onde vale realmente a pena prolongar esta etapa da vida, coa que teñen que cargar outros sectores demográficos, á que a política non lle asigna funcións útiles na sociedade e de acordo coas capacidades que mantén, biolóxica e intelectualmente. Descoñezo, por suposto, o alcance desta estraña opinión; pero teño a sensación de que está latente no subconsciente do pensamento responsable da vellez, coa sensación de que, ademais, a tendencia demográfica a incrementar a nosa inutilidade, se non se reconduce, socavará a estabilidade económica das sociedades, desencadeando cada vez máis dificultades ecolóxicas, porque, aínda que a persoa humana non só vive de pan, sen este tampouco pode vivir, e na natureza os recursos van escaseando e encarecéndose a medida que se necesitan, sen que a insensatez, afouteza paradoxal, deixe de desprezar esa considerable porcentaxe, sintonizando cos comportamentos que xera a liquidez social.

Pero, se, ademais, interpretamos as estatísticas e a pirámide demográfica, o saber da vellez é tratar de comprender que a súa situación social implica intentar coñecer analiticamente o seu propio rol nas sociedades actuais, posto que a vellez está chamada a representar unha elevada porcentaxe das persoas da Humanidade nun futuro non moi afastado. E, como dixemos que afirmaba Bruckner, que recolle o comentarista D. Justino López Santamaría, se hoxe en día un padre pode ser unha cousa e outra, padre e bisavó, débese á avanzada idade, en xeral, dos vellos, adoecendo dunha indixencia de experiencia adecuada. Pois ben; este crecemento, como tendencioso, non parece que sexa temporalmente ocasional, porque está apoiado no progreso científico, ao que tamén haberá que recorrer para facer viables socialmente os seus logros.

Sen dúbida, tamén unha gran maioría dos vellos son escépticos a esas avanzadas correntes doutrinais relativas aos comportamentos das novas xeracións, que desencadean o mesmo progreso científico e tecnolóxico, como o post- ou trans-humanismo e a problemática de IA; pero o que está moi claro é que non fundamentaron a constitución da súa circunstanciada experiencia, que se queda corta para tomala como orientación, salvo a virtude da prudencia e o respecto que debe acompañar a unha convivencia cidadán, precisamente debido a un indiscutible desaxuste contextual. É dicir, esa envexable experiencia, considerada como tesouro da vellez, queda debilitada, e así o percibimos os vellos, aínda que non nos apeamos de utilizala como un valor peculiar da nosa idade, co sentimento de que xa non concorda co que necesitan as novas xeracións.

Engadamos que nesta época, estamos vivindo unha vellez inmersa nun amplísimo espectro de emisións de esixencias culturais, económicas, políticas, etc., que exceden os habituais localismos, aos que nos sentimos fortemente vinculados e estamos chamados a rompelos. E isto comporta actitudes suficientemente flexibles para acadar a pertinencia das correspondentes respostas adecuadas e asumibles polas novas xeracións. Polo tanto, estamos en presenza de diversos atrancos para validar didacticamente unha experiencia que se queda insuficiente, algo que é esperable que o logre a vellez futura, ao menos, en algún grao moito máis eficiente. E non vacilo en reiteralo, porque, con toda modestia, é unha idea que considero aceptable.

Os intelectuais non se esqueceron de reflexionar sobre a vellez, cadaquén a correspondente a o seu tempo, como é o caso de Marco Tulio Cicerón, na súa obra DE SENECTUTE (Da vellez), que admiran os intelectuais actuais, como evidencia Ribera Casado, que a comenta utilizando os nosos coñecementos da Xeriatría; e, pola súa parte, Georges Minois que estuda ao ancián na sociedade romana. Parece que Cicerón tiña sesenta e dous anos cando escribiu esta obra, de matiz didáctico, para ensinar a envellecer mellor, como unha especie de axuda aos lectores; e para isto inspirouse en Platón, principalmente no discurso de Céfalo, na República.

Pola súa parte, Aristóteles non seguiu as ideas de Platón respecto a vellez, considerada como etapa na que o ser humano posúe as virtudes morais en grao óptimo, como a prudencia, a discreción e o bo xuízo; pero para Aristóteles, polo contrario, a vellez nin garante a sabedoría, nin tampouco a súa experiencia é sempre positiva. En todo caso, creo que non se pode negar que a vellez ten un gran sentido dunha vida sosegada, posto que as paixóns foron abandonando a turbulencia da súa presa, e así permiten o gozo da compañía dunha liberdade especial, que sitúa á persoa en reflexións encamiñadas a darlle sentido a todo o decurso vital, por iso nos actos relixiosos abunda a presenza de anciáns, que non perderon o xuízo, senón que responden as esixencias do seu estado.

Evidentemente, o ancián sente unha gran necesidade, salvo excepcións patolóxicas, de relacionarse e comunicarse, pero non dixitalmente, porque segue dando primacía aos valores e crenzas que a tiveron na súa época de esplendor biolóxico e intelectual. E neste afán de traer a este presente o que agora xa pasou, emerxe un concepto do transcendental que nin tan sequera mantén o denotativo, o que comporta para el desconcertantes connotacións.

Para terminar, partamos duns versos de D. Ramón Campoamor, que din: AMARGANDO TU EXISTENCIA/DE TU CORAZÓN EN DAÑO,/ YA TE ENSEÑARÁ ESTA CIENCIA/ EL LIBRO DE LA EXPERIENCIA,/ PÁGINA DEL DESENGAÑO. Agrega Andre Malraux que concienciar unha experiencia é a labor propia do home; pero non todo os intelectuais lle atribúen gran utilidade, Judith Stern, compáraa a un peite cando xa nos habemos quedado calvos. Todo moi bonito, se non fose que os vellos sentimos máis admiración polo pasado que polo presente e o futuro, e cando estes, contextualmente, se afastan moito, as experiencias que podemos ofrecerlles as novas xeracións, xa pouco lles achegan. E, por desgraza, ese tesouro que nos foi depositando o decurso da nosa vida só salda deficitariamente as obrigas do noso rol social.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES