Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 14 de noviembre de 2023
Dous laretas e o narrador

Son as cinco e cuarto da tarde. Unha hora menos en Canarias, díxolle Gumersindo a Gervasio. Ou sexa, as catro e cuarto, entendiches? Os dous están tomando un café na Valenzá (La Valenzana, para os renegados) e dándolle á lingua. Á nosa lingua, tanto para os dous protagonistas coma para o narrador. Ollo ó dato; este tamén conta.
Fóra chove. Isto dio o narrador. Gumersindo Suárez e Gervasio Outomuro míranse ós beizos porque non se sabe Pingas de Orballo moi ben quen fala máis e máis rápido. A Gumersindo chámanlle O Metrallas porque cospe palabras a gran velocidade. A Gervasio chámanlle O Laretas porque, aínda que poida que non fale tan rápido coma o seu veciño e compañeiro, tamén está sempre tumba que dálle ás palabras. Cando se xuntan os dous, coma agora, hai algo así coma feira.
E nas Canarias case sempre hai bo tempo, foi agora Gervasio o que lle falou a Gumersindo. Si, iso din; nunca estiven alá, contestou o compañeiro. Aquí chove, son eu o que digo agora. Eu son o narrador, xa sabedes. A ver, de cando en vez, gústame meterme nas conversas dos demais. Para que saiban tamén que existen máis seres humanos. Dous laretas xuntos igual pensan que só existen os dous.
Agora son xa as cinco e media da tarde. Unha hora menos en Canarias, onde non sabemos se nestes momentos chove ou reina o sol. Aquí chove. E así o deixo escrito desde unha cafetaría da Valenzá (La Valenzana, para os apóstatas). Os dous amigos erguen da mesa e o narrador marcha. Para que non se diga que non estamos na mesma historia, no mesmo relato.

Sensacións

Cando botei a andar deume a sensación de que non me movía; máis ben que flotaba. Pingas de Orballo Nin unha cousa nin outra... corría coma un galgo, aínda máis que un galgo. Corría á velocidade dun lóstrego. Nese momento caín na conta de que Supermán, ó meu lado, sería un sapoconcho galáctico. Hai que dicir que cando me poño, póñome. Non son dos que digo as cousas e, logo, miro para os biosbardos. Actúo. Actuei sempre. Si, con algo de esaxeración, pero actuei sempre.
Lembro unha vez que quixen imitar a Mad Max facendo do monte Medo o meu deserto particular e buscando gasolina por entre as xestas, piornos, codesos e piñeiros. O único que atopei foi unha impotencia de tal magnitude que de Mad Max pasei a Iron Man. Non conseguín dar nin dous pasos. O carallo da armadura pesaba o triplo ca min.
Como dicía ó principio que corría tanto, nun amén cheguei ó planeta de Kryptón, onde me fartei de esperar polo pánfilo de Supermán, que, como dixen, era máis lento que unha tartaruga. Cando chegou saudeino pero burleime del pola súa lentitude. Volvín ó planeta Terra a tal velocidade que non ten explicación. Porque en vez de correr, boteime de cabeza. Aterrei no pararraios da igrexa de Baños de Molgas.
Hai que borrar todo o que escribín. Tanta parola, tanta lapexada, tanta leria e a realidade estaba na primeira sensación: que non me movía, non me movín. Seguía no portal da casa e, o peor, que agora si teño a sensación de que durmirei á intemperie.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES