Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O 'bodrio' político na linguaxe matemática

viernes, 10 de noviembre de 2023
Trágolles aquí o termo "bodrio", en galego algo así como bazofia, porque lembro que o utilizou, nunha situación semellante á da política en España na actualidade, o famoso e culto político, D. Manuel Fraga Iribarne, de quen lembro que se comentaba nos faladoiros a súa riqueza terminolóxica, algo sorprendente, xa que ese termo era habitual aplicalo ás cousas feitas de mal gusto, ao desordenado, as mesturas de sobras da comida, lixo, etc., e as galdrumadas, como comidas mal feitas, por isto se chamaba así a comida que daban nos portais dos conventos aos pobres, mesturando restos de sopa, chuscos de pan, vexetais, etc. Ás veces, unha soa palabra basta para comprender a leria dun razoamento, e o seu emprego con oportunidade multiplica as suxestións.

Non dubido que nos ministerios do noso goberno hai algúns que coidan e seleccionan as razóns que dan para xustificar as decisións que pensan tomar; pero o que afecta as reflexións cidadáns negativamente e soen ser desconcertantes, incoherentes e, incluso, irrespectuosas, son as que se utilizan para xustificar o inxustificable, as incoherencias co xa manifestado, case sempre acompañados dunha linguaxe mímica discordante coa articulada, porque o subconsciente é difícil de controlar. Unha sinxela comisura labial pode acusar un estado de insinceridade e hipocrisía, e un sorriso que burla a espontaneidade invita a contextualizalo.

Todo isto levoume a pensar que unha adecuada proxección desta bazofia política -e permítanme a extrapolación- sobre os modos da linguaxe matemática, resulta moito máis explícita, incluso nos usos parlamentarios, que unha verborrea que igualmente pode levar a un verdadeiro "bodrio", por minúsculo que sexa. Hai que partir de que nas matemáticas xogan variados fundamentos epistemolóxicos, e igualmente estamos en presenza dunha linguaxe, dun sistema simbólico, que elimina as ambigüidades da linguaxe natural. E, segundo afirma nun interesante artigo D. José Alcolea Banegas, do Departamento de Filosofía da Universidade de Valencia, Yuri I. Manin, prestixioso matemático ruso-alemán, dinos que a base da cultura humana é a linguaxe, e considera a matemática un tipo especial de actividade lingüística. Exclúe a expresión dos sentimentos e das emocións, por iso o caso "nene" devén dubidoso, hilarante e infantil.

Si..., dubidoso, aínda que na linguaxe matemática hai a posibilidade, pola súa formalización, que non ten a natural, de poder analizar e razoar manipulando mecanicamente os símbolos; pero axustándose a regras precisas, que nisto está a diferenza da manipulación na política, con fins bastardos e interese discutible en vez dos propósitos epistemolóxicos. E xa que a linguaxe matemática facilita os razoamentos sobre obxectos abstractos, como unha especie de tarefa lóxica, nela tamén se poden modelar os obxectos, feitos e sucesos do mundo físico, abrindo así camiño ás predicións, aumentado as previsións, o que evitaría algúns erros cometidos en certas leis que produciron efectos contrarios aos desexados.

Nunha colaboración anterior explicábamos que unha fotografía pode utilizarse para argumentar e, incluso, como un medio probatorio, e así do mesmo modo os diagramas matemáticos, posto que unha demostración pode pasar da linguaxe matemática, simbólica, á natural, xa que se considera simbolismo, co fin de producir coñecemento" (J. Alcolea Banegas). Xustamente por isto, igualmente pode desenrolar un campo semántico máis aló dos límites doutras formas de comunicación, o que implica unha certa lexitimidade para estruturar o pensamento e a realidade, transcendendo a experiencia habitual.

Pois ben. Toda verborrea aplicada á tan abanada AMNISTÍA para os que intentaron quebrantar a Constitución, entendida como perdón de efectos extintivos de certo tipo de presuntos delitos, farta o sentido común de calquera persoa, creo que incluso o do beneficiados, que hipotecan a unha XENEROSIDADE mercantilista non só a dignidade persoal de cada un deles, senón tamén, por extensión, a reputación dun pobo que non parece capaz, pese a súa valía, como traballador e enxeñoso, de borrar da historia o que lle impón unha minoría de mendicantes institucionais e supostos empavesados.

A linguaxe matemática está involucrada nos procesos de xeración de novas ideas e de teorías, pero esixe comprensión, sen a que non hai matemáticas, xa que nada se pode explicar nelas se non se comprende, e menos acudindo aos magos fuxidos do seu propio país, porque nesta linguaxe evidéncianse as irracionalidades que soen acompañar o pasional e emotivo, abríndose espazo as predicións, unha das maneiras de coñecer consecuencias futuras de decisións presentes, tomadas con descoñecemento da complexidade xeradora de efectos indesexables.

Así o "bodrio" político, proxectado nas estruturas adecuadas dos distintos modos de argumentar na linguaxe matemática, queda racional e razoadamente definido polos efectos da mesma exclusividade analítica, e, se é que non interesa mantelo para esvaecer a procura de persoais prebendas, en moi determinadas situacións, pode corrixirse, porque os distintos modos que ofrece esta linguaxe son correlativos a clase de realidade que se aplique: económica, xurídica, constitutiva, sanitaria, histórica, demográfica, etcétera, o que permite a aplicación aos sistemas manipulados.

Con toda modestia, e insistindo en que se trata dunha opinión, máis ou menos fundamentada, do que deixo exposto nos parágrafos anteriores debería deducirse que o propósito principal desta colaboración é apuntar que, si non se diferenza a suficiencia explicativa racional e razoada, baseada en leis e causas, da mera comprensión social e histórica, matizada con sentimentos de identificación con intereses singularizados ou distorsións persoais, estase abrindo camiño a institucionalización impositiva mediante estudados trucos. E isto non é outra cousa que unha ditadura revestida con farrapos intelectuais de presuntos demócratas.

Pero... recentemente aprendemos que o "bodrio" lesiona o sentido común, porque se pretende ocultar cunha semántica que soe mellor; así, se traduce a ambigüidade do termo "país" polo de "España", e parece que o que "se facía polo progresismo do país", agora, neste intre, convén dicir que "se fai polo de España", por referencia, xustamente, ao que se "está facendo polo 'bodrio'", como o confirma a mímica. Talvez caia á rego un consello de D. Quijote a Sancho, cando foi designado gobernador da illa Barataria. Di así: "No te ciegue la pasión propia en la causa ajena; que los yerros que en ella hicieres, las más veces serán sin remedio; y si lo tuvieren, será a costa de tu crédito, y aún de tu hacienda".
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES