Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Arribando a todas as Ítacas: as bibliotecas

viernes, 10 de noviembre de 2023
Non extraña o paraíso de Borges como unha biblioteca. Ou que para U. Eco, un deus omnisciente só podería ser unha biblioteca. Inabarcable: os días despénanse tempo abaixo impedindo ler todo.

Iso si, as bibliotecas son perigosas: a liberdade de expresión, agachada nas páxinas dos libros atemoriza aos tiranos. Son armas de destrución masiva da ignorancia, do ruído, dos fanatismos que medran. Por iso odiaba os libros o nazismo, o estalinismo, a Inquisición. Ata o maoísmo coa diminuta biblia do 'Libro vermello' de Mao.

A memoria das bibliotecas é azarosa. Moitas acabaron incendiadas. Obras perdidas, autores esquecidos. Dando a razón a M. Blanchot: 'Tres cousas fanse cos libros, escribilos, lelos e queimalos'.

Pero a fraxilidade dos libros é teimunda. Sobrevivintes de papiro ('Lo infinito en un junco', escribe Irene Vallejo), pergameo, papel. Recunchos democráticos desde que Gutenberg encheu de libros soidades, cerebros e mans. Agora ebooks e pantallas co perigo da distración a un só clic.

Entrar na biblioteca. Desnudo de présas. Acolléndonos ao sagrado no sancta sanctorum protexido contra mentiras, berros da propaganda, as fake news dos novos bárbaros. Sentada diante dun libro, dúas fecundas soidades, a do escritor, a do lector. Conversa nun ecosistema onde o luxo do silencio, aínda gratuíto, permite traballar ao órgano máis lacazán: o cerebro.

E ler. Ler moito. Aprender a complexa liturxia que permite adentrarse nos campos do coñecemento.

Libros que fomos comprando, libros que nos agasallaron. Sombra doce que nos acompaña. Que gardamos nos faiados da memoria. Compaña amigable da que nos queremos prescindir. Outra vez Borges: 'Que os demais estean orgullosos das páxinas que escribiron. Eu, das páxinas que lin'. Libros nos estantes, no chan, nas mesas, entre as árbores, a carón da música do río. Libros nas bibliotecas que tocamos, acariñamos, ulimos, lemos. As mans na textura do papel. Pertrechados cos dereitos do lector que recorda Pennac: ler, reler, deixar de ler, saltar follas, volver atrás...

Despois de tantos anos os libros transmutáronse en viaxes, selvas, illas desertas, cidades, circunvolucións do cosmos e do cerebro. Ao fin, vanse esquecendo na néboa da memoria. Deles xa non queda autor nin título: permanece o arrecendo do papel, odios, medos e bágoas, noites escuras e o sol do deserto, a paixón e o xeo, a penumbra da sala, a dor, a amizade, o amor. Todo o que atopamos nos xacementos da biblioteca.

Percorremos verso a verso o poema de Kavafis ateigado de xoias, viños, perfumes, ninfas, tabernas, monstros. Novos formatos amplían territorios inexplorados da lectura. Ao fin, libros, viaxes en silencio e soidade. Sen xamais arribar a Ítaca. Xa estamos na biblioteca.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES