Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai nacionalismos e nacionalismos

viernes, 20 de febrero de 2009
Remataba o meu artigo anterior prometendo falar do nacionalismo, dicindo que hai nacionalismos e nacionalismos. Do mesmo xeito que os políticos, como as persoas, non son todos iguais aínda que todas e todos teñan os mesmos dereitos e dignidade, tampouco os nacionalismos son todos iguais.

Hai unha concepción estreita do nacionalismo que leva a unha afirmación particularista agresiva fronte ós que non son do propio grupo, e dexenera en chauvinismo ou orgullo nacional, en violencia destructora ou en imperialismo; un nacionalismo inxusto, intolerante e violento, autoritario e imperialista, asoballador do diferente. Ese nacionalismo ten levado a humanidade ás meirandes aberracións e masacres; ese non é o meu nacionalismo

Pero hai outro nacionalismo tolerante, pacífico e xusto, que afirma o dereito á propia identidade, que busca só potenciar e defender os valores e dereitos dun pobo concreto, sentíndose irmán de tódolos pobos, que teñen o mesmo dereito que o propio a ser diferentes, e con eles facer un camiño de complementariedade, formando parte da mesma humanidade, a gran familia de irmáns. Este nacionalismo ten prestado os meirandes servicios a moitos pobos; este é o meu nacionalismo.

O de Hitler, Mussolini, Stalin e Franco, o do imperialismo yanki e tódolos imperialismos da historia, son nacionalismos. O de Gandhi e tódolos que defenderon o dereitos dos seus pobos sen asoballar a ningún... tamén.
Non se pode ser verdadeiramente universal, sen ser radicalmente concreto. Por iso, mesmo podemos dicir que o verdadeiro universalismo é nacionalista, porque o universalismo bo respecta a todos, a cada realidade concreta, e non mata nada. Defender pacifica e que firmemente a lingua, a cultura e a identidade dun pobo concreto é defender tódalas linguas, culturas e pobos do mundo.

Teño escrito en varias ocasións que se nacionalismo e relixión son un vello binomio que -ou xuntos ou por separado- levou á violencia máis aberrante na historia da humanidade, levou tamén aos compromisos e realidades máis excelsos e xenerosos; porque hai nacionalismos e nacionalismos, como hai formas e formas de entender e vivir a relixión. Como hai unha concepción violenta e intolerante do nacionalismo, hai unha concepción da relixión que se cre co dereito de depreciar aos que non pensan igual e séntese aínda coa obriga de impoñerse pola forza, utilizando a violencia para manter a súa pureza doutrinal; esa non é a miña relixión. Pero hai unha concepción da relixión baseada na tolerancia e o respecto, na loita pacífica pola liberación, na acollida dunha salvación regalada gratuitamente por Deus, sen privilexios de clase ou de caste, de pobo ou de cultura. Esa é a miña relixión. Por iso son nacionalista e cristián, aínda que sei que nin o nacionalismo nin o cristianismo son perfectos e padecen as mesmas contradiccións que tódalas realizacións humanas.

Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES