Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Árbores para os netos

viernes, 03 de noviembre de 2023
Houbo unha sabedoría antiga que plantaba árbores para os netos. E da man da natureza creaba lugares para perderse, para escoitar as conversas do vento, para ulir o arrecendo poderoso da terra, para buscar as flores do outono, para tecer a pel coas agullas do frío.

A terra é herdanza dos fillos e non unha riqueza de crecemento rápido para malgastar. Crear conciencia de respecto á terra é semente fondamente ecolóxica que hai que coidar cada día. Respectando os seus ritmos pausados e non confundindo xamais unha plantación para producir madeira cun bosque onde habitan infinitos seres que viven moitas vidas.

Recuperamos a memoria coa costumbre de plantar unha árbore se queremos salvar o planeta. España, Galicia, unha terra asasinada polo lume criminal, necesita plantas. Fálase de dous mil millóns de árbores necesarias para salvar os bosques, para recuperar a pel verde da natureza. Esa cantidade inimaxinable reflicte a enormidade da desfeita. Según o WWF, o Fondo Mundial para a Natureza, con esa cantidade poderiamos cubrir o 30% da superficie. Unha inversión de catro mil millóns de euros, que son moitísísimos euros, xerarían máis de cento cincuenta mil postos de traballo, mentres que a proposta do goberno prevee corenta e cinco millóns de árbores nun plan de cinco anos para cubrir apenas sesenta mil hectáreas. Esta inversión de noventa millóns de euros apenas crearía tres mil empregos. Tan só son números, pero son números necesarios.

Pero máis aló destas magnitudes e destes cartos, plantar unha árbore é plantar vida, xerar suelo fértil, termar da flora e da fauna salvaxe, protexer os ríos, mimar o delicado urdido que alimenta ós seres vivos.

Unha Galicia que necesita as mil primaveras máis do visionario Cunqueiro, non pode seguir despoboando a terra da riqueza máis xenerosa, paciente e calada: irmás árbores. Por poñer algúns datos máis: apenas queda un 5% dos castiñeiros que había no século XIX, e os umeiros só agroman na primavera dos dicionarios. Os soutos e as carballeiras son un patrimonio natural e un patrimonio de todos. Se non defendemos as nosas paisaxes caeremos baixo a dictadura gris e uniformadora do ladrillo.

Resulta desolador contemplar espazos valiosísimos e de enorme importancia ecolóxica colonizados por especies alleas. Pasear polas beiras dos ríos onde esmorecen os amieiros, subir ata unhas Penas de Rodas asfixiadas polos eucaliptos e onde nos roubaron a paisaxe infinita da Chaira, é para botarse a chorar.

As árbores producen moito pero as cores máis fermosas non poden ser as dos euros. As súas cores teñen que vestir as paisaxes marróns, ocres, amarelas, encarnadas, verdes e douradas das árbores que terman da delicada trama da vida. Esas árbores pertencen ós nosos netos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES