Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Refuxio

miércoles, 01 de noviembre de 2023
Collo unha radio e case se pode dicir que teño tres opcións: guerra, música ou a nada. Guerra, que pode ser masacre en Israel ou por delegación en Ucraína, ou solapada noutros moitos lugares, mesmo a conta das dúas anteriores. Música, maiormente nunha das cadeas a ela adicadas, con aparencia de moi independentes pero en xeral moi dependentes. E a nada en forma de anuncios diversos, tertulias nas que se fala de todo sen unha dúbida de nada, concursos sobre a cor do óso da aceituna e semellantes.

Televisión? Ó ruído mediático da radio engádelle imaxes impactantes, contextualizadas ou non, mesmo aproveitadas doutros conflitos ou situacións ou repetidas unha e outra vez sen descanso. Coido que dimitín da televisión o día no que vin chocar unha e outra vez un e outro avión contra as torres xemelgas. Si, tamén escoito unha televisión que está por calquera lugar, interrompendo conversas e tranquilidade; é imposible non oíla e que as imaxes resultonas non se te metan ollo adiante.

Redes sociais? Súmalle ó anterior a ubicuidade tanto da súa presenza en calquera móbil (incluído o propio) como de calquera feito ou lugar atendido por calquera dos miles de millóns de persoas que soben (perdón, subimos) o que se podería chamar información á rede, e auméntalle as limitacións e nesgos que se procuran nas redes que buscan proveito (propaganda, influencias políticas, etc) para maximizalo non asustando ós fabricantes de automóbiles, bancos, ou a estados como o de Israel, entre moitas outras posibilidades.

Non, imposible escapar sen desconectar. E imposible desconectar sen renunciar a ese todo que somos social, a boa parte desas circunstancias que René Descartes enunciaba como nós mesmos: 'eu son eu e as miñas circunstancias'.

Mais é necesario un refuxio. Xa hai máis de catro séculos que Cervantes fixo tolear a Don Alonso Quijano por unhas novelas de cabalería, produto social daquela época que non podería competir nin de lonxe co poder de tolear dos medios nos que literalmente estamos inmersos na actualidade.

Un refuxio. Un lugar onde a sobreabundancia de información se poda conter antes de que asolague a persoa. Onde as noticias nesgadas ou directamente falsas desfagan o criterio para escoller as bases do razoamento. Onde a imposibilidade de comprobación de todo o que nos chega anule a posibilidade sequera de poder actuar dun xeito minimamente independente. É necesario o tomar conciencia dun problema que non fai máis que agravarse coa introdución da intelixencia artificial nesa rede que xa se nos escapaba no seu manexo e máis ben nos manexaba máis e máis ata o de agora.

Como? A xente que controla non ten receitas milagreiras para solucionalo, pero está de acordo en que é necesario poñerlle un coto, cada quen, ás novas que nos chegan do exterior, procurar un equilibrio. Do contrario, de non poñer ese coto, converteríamonos nun conto que non saberíamos contar por nós mesmos porque o escriben outros, persoas ou non, descoñecidos para nós, pero para os que non temos segredos.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES