Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 31 de octubre de 2023
Na horta da aldea

Quero cantar unha cantiga de berce, mais só me sae un rock and roll no ollo dun repolo. Opto entón por subir a el, ó repolo. E, aí, a maiores de cantar, bailo ó ritmo dunha carracha que se metera por entre as follas. Cada quen que lle busque tres pés á tomateira. Eu tan só canto, cavo e asubío rock and roll na horta da aldea!
Quero escaravellar nos pés das cebolas e son os allos os que me din que erro; que Pingas de Orballo non é necesario cavar á beira deles, que simplemente queren pingas de auga ou de orballo para calmar a sede durante un tempo. Pero as malditas toupeiras que furgan polo inferno condenan a unha agonía lenta ós pementos de Padrón. Ou ós italianos. Que ninguén pense que unha horta é fácil de levar.
Quero xogar ó fútbol cos cabazos que se enlean, que se enmarañan, que se enganchan ós produtos sementados, porén só podo tirar á canastra coas peras verdes da froiteira. Non é doado escoller entre un pexego e un fatón, nin entre unha pavía e unha cirola. Optarei pola mazá, que me é moi boa para os ardores de estómago.
Quero escribir sobre a ladaíña dunha sementeira e tan só me asoma o rosario da colleita. Entre o amencer e a bocanoite transcorre a misa dunha vida labrega. Agora que cada un semente píbedas de conciencia, ou de sentidiño, ou de realidades, ou do tempo que vai e vén... e pasa. Quero correr pola marxe da leira, mais agacho debaixo dunha verza. Toca esperar por unha gavela de esterco.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES