Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Afganistán, o credo masculino do mal

viernes, 27 de octubre de 2023
O pasado 15 de agosto cumplíronse dous anos da vergoñenta retirada dos países accidentais, abandonando Afganistán. Hoxe ten 6 millóns de refuxiados fóra. Un non-país en ruinas cunha crise humanitaria xigante e pavorosa falta de dereitos humanos. Que prescinde do cerebro de 22 millóns de mulleres invisibilizadas condenándose a un futuro de pobreza.

A finais do 2022 os talibáns expulsaron ás mulleres da universidade. E prohibiron ás ONG contratar mulleres: 55.000 no paro. Medida tras medida, os clérigos afgás, usurpadores do poder están a conseguir que o 80% da poboación viva na miseria. Dous terzos da poboación depende da axuda humanitaria para comer. Mulleres e nenas sofren un déficit de alimentación. Medran de xeito expoñencial os matrimonios infantís. E dispárase a mortalidade de nenas nais e recén nacidos. Cunha natalidade desbocada nenas e adolescentes non poden estudar pero si quedar embarazadas. Parir sen doutoras, enfermeiras e matronas é case unha sentencia de morte.

Velaquí un país sen estado de benestar, que prohíbe a acción de tres organizacións indispensables. Save the Children, Consello Noruegués de Refuxiados e Care International. Sen as súas traballadoras afgás, tiveron que marchar.

Os talibáns, preguiceiros, armados con kalashnikov, aterrorizan ao país. Os xerarcas relixiosos devolven Afganistán á escuridade do pasado. E nunha mostra de cinismo envían ás fillas a estudar ao veciño Pakistán. Sen educación feminina, non hai país. Sen mulleres non hai futuro nin progreso, só medo, pobreza e morte.

Dun país rural a un máis urbano, Irán. Nesa teocracia veciña, a mesma crueldade e medo paralizador contra as mulleres e rapazas que reivindican a posesión do propio corpo. Erguéronse nas rúas contra a tiranía e a ditadura dos aiatolás. A súa estraña moral permítelles vender drons ao autócrata ruso para que rebente casas, silos de gran e centrais eléctricas nunha guerra de agresión absurda contra Ucraína. Comungan con crimes de guerra pero non toleran o cabelo das mulleres.

Se, no seu momento, talibán significou estudante islámico e pronto milicia integrista, agora son unha banda fanatizada de matóns ao servizo dunha xerarquía medieval, inviable no s.XXI. Que maltrata e invisibiliza ás mulleres. Que as pecha no cárcere de tea do burka. Que as agacha no cárcere das casas. Que prescindindo da metade do cerebro, a feminina, condena á pobreza ao país.

Mentres nas fronteiras, a cobiza dos veciños China, Rusia, Pakistán e Irán afía os cairos diante dos recursos minerais do país. Un país medieval, invivible, que cultiva e colleita odio, dogmatismo cruel e inhumano, privilexios para os clérigos e explotación das nenas e mulleres.

Coñecidos mandamentos dunha relixión masculina do mal.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES