Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A salvación está nos libros...

viernes, 20 de octubre de 2023
... e unha rapaza, un rapaz que le, está salvado. Ler cada día e todos os días. Deitados na cama, de pé no bus, de fociños na herba, nun banco húmido do parque ou sentado no retrete.

Pero o mellor sitio é no silencio ben acompañado da biblioteca pública. A soas cun mesmo e na compaña quente dun libro. De calquera libro. Importan pouco as preferencias. Hai libros e amores ridículos pero, como di Pessoa, todos os sentimentos esdrúxulos son ridículos. E só quen non escribe cartas de amor ou quen non le, é ridículo.

A lectura é unha mestura de anarquía e disciplina onde collen Albert Camus e Tolstói, Jack London e Cunqueiro, este Stieg Larsson e aquelas Brontë, Tintín e Astérix, as 'Memorias dun neno labrego' ou 'Viaxe de Baldassare'. Tantas. Tantos. O tempo vai organizando o crebacabezas. Os libros atrapan e sinalan o camiño. Un quere máis. Ó principio vale a purrela, logo o gusto empeza a distinguir o mencía do godello, do albariño.

Cos libros pasa o mesmo. Un le o que cae nas mans. Logo empezamos a escoller. Do todo vale á exquisitez do gourmet de novelas, de filosofía (se a escribe Lledó, Marina, Savater), de historia. De todo.

Un libro xamais envellece. O tempo desgasta as pastas pero o recendo que sae das follas é inesgotable, como o perfume da floriña do conto de Rodari.

Ler. Ler moito. Ler todo e de todo. Unha tarefa interminable: o mito de Sísifo agachado na biblioteca. Rematas un libro e outro cento deles espera por ti. Chegas á palabra FIN da última páxina e hai mil títulos ofrecéndose nos andeis.

Ergues a vista para refregar os ollos e recordas que nesta biblioteca de Lugo hai uns setenta mil libros. Se foras capaz de ler un libro por semana ao longo dunha vida de oitenta anos... uns catro mil. Só catro mil!

Rapazas, e algúns rapaces, séntanse agora na sala de adultos. Hai cincuenta e cinco traballando nun silencio de igrexa románica. Ler, estudiar, escribir nesta biblioteca pública é un luxo e un privilexio. Todo está a favor e hai unha enerxía invisible que axuda no traballo do cerebro. A lectura doutros empuxa a lectura propia.

Ler moito cada día e todos os días. Reivindicar máis espazos públicos de cultura: unha biblioteca en cada barrio. Abertas todos os días do ano cun horario xeneroso para que todo o mundo teña un anaco de tempo para enzoufarse de libros, para participar na liturxia exquisita que conmove o corazón obrigando a traballar a ese nugallán que se agocha na caixa do cranio.

Ler é moitísimo máis que ler, porque a carón de cada texto xorden múltiples contextos que multiplican cada libro por mil. Unha ximnasia mental de disciplina, neuronas e silencio. Por iso é tan importante a lectura. Para estes rapaces e rapazas admirables, para todos nós, a salvación está nos libros.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES