Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cultura versus culturas

viernes, 20 de octubre de 2023
Escribir acerca da cultura non é algo que se ofreza fácil, empezando xa entendendo a cultura, en xeral, máis ou menos, como o conxunto de respostas simbólicas e técnicas que posúe unha comunidade humana, para interpretar, valorar e utilizar a súa circunstancia vital. É cultura a linguaxe, a ciencia , a relixión, o diñeiro, a política...(Fernando Savater); pero tamén o protocolo, a lei, a historia, a economía, a agricultura...; e hai tamén a cultura letrada, segundo se enfoquen as diversas perspectivas que poden utilizarse para falar dela.

Confeso que me estimulou a escribir este artigo o accidente de aviación ocorrido en Colombia, que deixou catro nenos perdidos na Selva Amazónica, sobreviventes grazas ao coñecemento do medio selvático dunha nena e ao proceder sinérxico de dúas culturas, a que poderíamos chamar universal, con marcado acento científico-técnico, e metodoloxía experimental, e a cultura indíxena, na que predomina a experiencia, as que nos referimos nun artigo anterior, titulado UN POUCO MÁIS SOBRE O CET (CET, coñecemento ecolóxico tradicional).

Por suposto, estes dous sistemas culturais lévannos a contrapoñer dúas concepcións culturais, apuntadas máis arriba, a universal e a particular de cada pobo, como é o caso da indíxena. Neste caso podemos afirmar que a universal facilitou un instrumento de viaxe que reduce as grandes distancias e facilita as comunicacións, proporcionando medios científico-técnicos de indiscutible eficacia e utilidade. A particular, e pensemos na indíxena, no caso do accidente, parece que serviu para instruír aos nenos na relación cunha natureza que tanto ofrece o máis inmediato e directo do necesario para vivir, como, ao mesmo tempo, non regatea os perigos na súa diversidade.

Pero deixemos agora este evento e pasemos, xa que estamos nesta liña de pensamento, a facer unhas modestas reflexións sobre unha clase de cultura que se podería cualificar de predominante, polo seu signo universalista, favorecida polo colonialismo e o imperialismo; e a outra clase que, por enxebre, castiza, por peculiar é típica dun pobo, destila sinxeleza e simpleza. Pois ben; historicamente sempre houbo unha cultura que se opuxo a dos pobos, ao xenuíno, a súa cultura vivencial, aínda que, ás veces, aquí as reivindicacións nacionalistas foron abrindo canles á mesma.

Como consecuencia desas contendas, tamén sempre houbo pobos que se viron privados non só da súa lingua, senón tamén da súa propia actividade cultural, vítimas, no noso caso, dun occidente científico e da burocracia confesional unificados, aínda non sendo fácil establecer xerarquías, sobre todo lingüísticas, que xustifiquen esas actitudes no campo cultural, porque as cotas elevadas nalgúns sectores da investigación acaban sendo pobres no recoñecemento á potenciación da fraternidade e no recoñecemento da eficacia epistemolóxica doutras vías de acceso a realidade.

Isto corta, incluso, a comunicación entre os pobos (lembremos o que ocorre con algúns impregnados da cultura islámica), porque para que sexa pertinente ha de empezar por respectar a identidade e lexitimidade propias dos interlocutores. Afirma a este respecto José Manuel Briceño Guerrido, filósofo, no seu libro "Discurso salvaxe", que os colonialismos e imperialismos queren borrarme, amasarme, co cristianismo, coa industria, co progreso, co socialismo, coa ciencia e a tecnoloxía, cos dereitos humanos, coa música, etc.

Por suposto, a diversidade de motivacións desencadean esa dinámica tendenciosa da cultura contra as culturas, certamente por razóns menos estritamente culturais que doutra natureza, como pelexas das elites políticas e económicas e obcecacións ideolóxicas, sempre con posturas contraditorias, reais ou simuladas por razóns estratéxicas, que estenden unha nube de xustificacións dubidosas, aínda que, ás veces, poden entenderse como adecuadas, precisamente cando na cultura popular minoritaria se estean producindo feitos de verdadeira degradación do humano, inculcando imperativos creados desde unha perspectiva cosmopolita. Velaquí o difícil que deveñen certas xustificacións correctas cando se producen intervencións para evitar a produción de feitos rexeitados ao amparo de imperativos cosmopolitas. É que na creación de grupos humanos hai ideas-forzas que poden polarizar a enerxía creadora nun sentido ou noutro.

Supoñamos, como nos exemplifica Fernando Savater nun artigo, a oposición entre identidade/ideal de perfección humana. Os que perseguen a identidade non poden chegar moito máis lonxe do que xa son, e, por iso, adoptan posturas exclusivistas e opositivas a outras identidades diferenciais; pero, en cambio, os do ideal da perfección seguen unha ruta de abandono de todos os particularismos, precisamente para acadar posicións consideradas máis excelentes, tal e como argumenta Savater.

Ademais podemos aínda considerar outra importante contradición pureza/mestizaxe. Os puristas coidan de que o seu grupo non sexa contaminado, e, polo contrario, os partidarios da mestizaxe pensan que todo purismo é estéril, e a cultura xurde e enriquécese por contaminación e intercambio. De igual modo, os diferencialistas poden incorrer en racismos de matiz cultural e nun raquitismo ético, mentres os universalistas son apaixonados da artificialidade, derivada do progreso científico-técnico.

Sen dúbida, a globalización favorecerá a cultura universal, mediante a aplicación deses progresos técnicos, que poden acabar con certas institucións actuais e manipular as ideas-forza. Investigadores que están en primeira liña abundan xa traballando sobre isto. Por exemplo Achon Fung, profesor na Universidade Harvard Kennedy School, e Lawrence Lessig, profesor na Harvard consideran que a IA (Intelixencia Artificial) pode acabar coa democracia actual. E, por suposto, os comportamentos habituais na política sufrirán unha profunda manipulación mediante procedementos técnicos. A Intelixencia Artificial Xenerativa, como o ChatGPT(1), poderá gañar as eleccións baseadas cunha manipulación inevitable dos comportamentos. Así o opinan os científicos.

Isto leva a pensar na necesidade de defender, no novo contexto do progreso técnico, os seguintes cinco Dereitos Humanos recoñecidos pola cultura universal, a identidade persoal, limitando os efectos das conexións a redes dixitais externas; libre albedrío, evitando manipulacións dixitais mediadas por "neurotecnoloxías"; "privacidade" mental, protexendo os datos obtidos sen consentimento; acceso igualitario, aplicando as "neurotecnoloxias" para poñer ao alcance de todas as persoas as mellores capacidades cerebrais, e a protección contra as inclinacións, rumbos, evitando influencias nas persoas, causadas polas tecnoloxías.

E, reflexionando un pouco no que queda exposto, non é difícil comprender o predominio da coñecida como cultura universal, porque o seu progreso científico-técnico e a súa aplicación global, obrigan ás populares, nacionais, indíxenas... a buscar a inserción nelas, sen menoscabar os principios que as inspiran, dos novos constituíntes da universal, que son patrimonio da Humanidade.

NOTA:
(1).- ChatGPT.- É un dos sistemas da IA capaz de responder acerca de calquera cousa que se lle pida, e de facer moitas cousas que se lle soliciten. Previsiblemente, este sistema está chamado a repercutir nas futuras formas de ensino.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES