Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A comunidade internacional... aplaude

lunes, 16 de octubre de 2023
Collín a maza de ferro e empecei a derrubar os muros das fronteiras. Eran tantos que non acababa de rematar a faena. E cando pensaba que xa tiña todo medio feito, volvían a erguelos, a levantalos nos mesmos lugares e mesmo con máis extensión, máis longos. Máis anchos.

A comunidade internacional... aplaude Despois estrañámonos ou botamos as mans á cabeza porque os que se senten pechados, escravizados, masacrados, acosados se levantan, se erguen en armas. Todo ser vivo, racional e irracional, procura a súa liberdade. Os muros só xeran diferencias, distincións, clases que comportan carraxes, xenreiras, odios e mesmo mortes, demasiadas mortes, moitas mortes.

E por moito que acordemos, que falemos, que pactemos nada será nada mentres non caia a derradeira pedra, o derradeiro bloque, o longo arame de espiño, a alta tela electrificada, o muro da vergonza, a tapia da perversidade. O campo de concentración.

Un pobo acosado ou maltratado, unha e outra vez, unha e mil veces, non lle queda outra que, para subsistir, ten que estourar, loitar e incluso matar. Porque así o queren os demais. Ninguén se converte en terrorista ata que o esporean, ata que o aguilloan. E hai países, pobos, razas, etnias que aguilloan constantemente durante anos, incluso décadas. Non deberiamos poñernos agora ás súas beiras. E... que triste, poñémonos.

Teño que deixar a maza porque nada consigo mentres haxa individuos que se crean por enriba dos seus semellantes. E, si, diso haberá sempre. E haberá muros que carrexarán rivalidades. Estas carrearán odios. Os odios causarán pelexas. E nas pelexas sempre haberá sangue, sempre haberá mortes. As dos máis inocentes. As dos máis escravizados. As dos defenestrados.

Hamás e Israel. Quen é máis terrorista? Non entendo a Hamás. Entendo a Palestina. Pero condeno a Israel. Porque leva décadas masacrando a un pobo baixo a complicidade e pasividade internacional. Unha internacionalidade comandada, por suposto, polos ianquis e, claro, quen lle tose a ese país que se mete en todas as guerras. Seguro que Israel se alegrou dos actos de Hamás; élle a escusa perfecta para arrasar e aniquilar Gaza, da que hai que dicir que é o campo de concentración de Israel. Hoxe Israel é un verdugo disfrazado de vítima. E a comunidade internacional... aplaude.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES