Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No San Froilán

lunes, 16 de octubre de 2023
O San Froilán en Lugo, para os festeiros, é o centro do mundo. Tiven nova ocasión de comprobalo a pasada fin de semana, que arredor pode pasar o que pase, que o importante é o que pase aquí.

O sábado, ao non comer na casa non vin a tele a mediodia. Xa a diario me estou quitando, pola sucesión de desgrazas que se nos ofrecen, quizais para que cavilemos o felices que somos por ter un unha vida medianamente tranquila. Pola tarde paseamos, curioseamos, escoitamos a "Sons e soños" na Mosqueira, a Catuxa Salóm en Santa María e asomámonos ao concerto de Ciudad Jara, ademais de deixarnos caer nas últimas sillas baleiras nun par de bares, comprobando que o abarrote era total.

Xa na casa vin na tele, por enésima vez, a historia de Tutankamon, perfecto telón de fondo para o traballo nocturno, sempre coa sensación de que o San Froilán dominaba o mundo como festa total.

O domingo, a portada de La Voz abofeteoume coa tráxica nova de que estoupou -outra vez- a guerra entre os Palestinos e Israel e que o mundo enteiro trema polo ocorrido e as súas consecuencias. E decátome que as festas son limitadas, aínda que nos conmovan. Que non é noticia a vida senón a morte. Que mentras aquí a festa enchía as rúas, ás cinco e media da tarde, comezaba unha guerra que no primeiro día causou medio milleiro de mortos. E como o mundo é cada vez máis pequeno, a guerra témola ao lado, aínda que non nos deamos conta. Aínda que mañá nos esquezamos dela. Aínda que miremos para outro lado.

Razón tiñan os romanos en proporcionar "pan e circo", festa en fin. Daquela, o mundo era máis grande e as traxedias de fóra tardaban en turbar a paz da contorna.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES