Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A obesidade do cambio climático

viernes, 13 de octubre de 2023
Non aparece no dicionario pero si na boca da xente. Bo, non será para tanto! Mentres miramos ao ceo onde non vemos por ningures o burato ese do ozono.

A vida segue. O planeta danza sobre si mesmo marcando día e noite. Nas voltas ao redor do sol xa non é capaz de delimitar ben as estacións. Hai agostos con gorro de inverno e xaneiros vestidos de primavera. E unha estación máis, o veroño.

Cambio climático? Digámolo xa. Haber haino pero importa un carallo. Onde, cando? Non será nas sedes dos organismos oficiais onde se traballa en camisa en pleno inverno mentres os usuarios cócense no propio caldo facendo xestións. Debe ser por iso que estes edificios de deseño carecen de algo tan antigo e práctico como ventás. Os edificios intelixentes son os máis imbéciles: consomen moitísimo para quentalos, para refrixeralos. Se en África, Asia ou América Latina se quentaran e arrefriaran coa nosa despreocupación suicida, de que tetos muxiriamos o leite da enerxía?

Somos un club de exquisitos que vive obscenamante ben. Os privilexiados senten un pouco de frío e xiran o termóstato. Duchámonos cada día escaldando a pel. Auga quente, carísima, escorre abondosa para lavar os dentes. O malgasto de luces innecesarias nas rúas a altas horas da madrugada segue, que os farois xamais sentiron remordementos por alumar.

E queixámonos iradamente do prezo do combustible, do gas natural, do petróleo, do butano. A culpa é do porco goberno! Pero ninguén albisca signos de austeridade nas estradas. Quen abre tan xenerosamente a billa da gasolina para divertirse ata morrer?

Instalados no confort, no gasto a mans cheas, no consumismo, os nosos fillos están enfermos de obesidade. De tódalas obesidades posibles. Almorzan cereais sen imaxinar que para producir unha bulsa que contén 270 calorías houbo que gastar 2790. O filete de carne de cen gramos que aporta esas 270 calorías custou producilo… 22000 calorías! As proteínas animais esquilman a terra. As vacas están a pacer literalmente o planeta.

A produción de alimentos depende do petróleo, líquido fedorento con data de caducidade. Se o resto do mundo implantase o modelo de produción agraria de EEUU ou Europa as reservas de petróleo esgotaríanse pronto.

O planeta Terra está enfermo de obesidade no norte e asasina coa fame no sur. Soporta un virus letal que somos os seres humanos. A enfermidade do planeta só se podería curar coas medicinas amargas do sentidiño común e da austeridade que na farmacia humana semellan estar esgotadas.

Miramos ao ceo mosqueados polo burato da capa de ozono, polas ondadas de calor, pola falta de chuvia. Preocúpanos daquela maneira o cambio climático. Pero non atopamos cura, nin queremos atopala, para as nosas obesidades.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES