Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A escola ensina equidade

viernes, 06 de octubre de 2023
O duro diagnóstico da OCDE sobre a educación en España sinala que facemos o contrario do razoable: crear centros privilexiados para alumnado privilexiado. E propón medidas. Identificar os centros educativos en zonas desfavorecidas. Concentrar recursos e premiar a docentes que elixan eses centros enviando aos mellores ás peores escolas con soldos máis altos e beneficios na carreira profesional. Ampliar horario de permanencia na escola: a xornada continua castiga aos indefensos. Aulas con poucos alumnos e clases de reforzo nos centros vulnerables. A familias sen estudos, dez veces máis de posibilidades de abandono. En 2010 só un 28,2% do alumnado rematou a ESO sen seguir despois ningún tipo de formación, hoxe 13,9%, lonxe do 9,3% da UE. A isto habería que sumar a inestabilidade do profesorado.

Proponse limitar a segregación escolar e non concentrar alumnado inmigrante, de familias desestructuradas ou con poucos recursos nos beneméritos colexios públicos. Un sistema educativo único non pode seleccionar alumnado e convertir en guetos colexios de barrios desfavorecidos. Os impostos non poden financiar clasismos privados nin tolerar centros públicos precarios e unha rede privada e concertada elitista. Trátase de romper unha dinámica absurda: os centros educativos non poden ser 'hospitais' que curen aos sanos e maten aos enfermos. Nada hai tan inxusto como tratar igual aos desiguais.

En España todos os centros están baixo a Constitución, valores democráticos e dereitos humanos e do neno. Pero hai familias que co pretexto de liberdade de elección de centro polos seus 'valores', buscan o clasismo social, apartheid de sexo e segregación económica. E ao final, non son as familias as que elixen centro, senón os centros os que elixen alumnado. Seleccionando de entrada, peneirando despois, poñendo cuotas inasumibles para familias con menos recursos. Alí onde hai selección de alumnos, hai segregación.

Colexios pagados con impostos teñen a obriga de ofrecer unha educación gratuíta e de calidade, coeducación, boas actividades e a riqueza da diversidade. Para un alumnado con mestura de orixes, economías, relixións, cores da pel.

A escola é lugar de encontro de iguais. Sen mestura non hai coñecemento do diferente nin conexión social. ¿Que mensaxe recibe o alumnado nun centro masificado e mal dotado? Non conta, é un ninguén e non chegará a nada nun sistema hostil.

A boca pequena dos políticos ama a educación que infinitas leis degradan. Medidas económicas e administrativas castigan a educación pública. As desigualdades poden romper a sociedade que vemos na aula das rúas: rica e plural, calidoscopio de persoas, arco da vella da mestizaxe. A escola vacina contra a segregación, oferta oportunidades a todas e todos, e ensina equidade.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES