Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Máis sobre o progreso

viernes, 29 de septiembre de 2023
Hai algúns políticos que non se apean do termo "progreso", que utilizan cada vez que se dirixen aos cidadáns para gabarse da defensa do interese público, e xustificar a súa elección para cometidos gobernamentais, valéndose da oportuna vaguidade conceptual, que lles permite, ás veces, confundir o que eles cualifican de progreso cun evidente regreso, e, ao mesmo tempo, considéranse no pináculo dun adecuado progresismo, o que leva a ampliar algo máis o escrito en anteriores colaboracións, aínda a risco de reiteración.
No contexto sociolóxico adoitan falarnos tales políticos do progreso; pero hai que entendelo en referencia ao ser humano, no ámbito da Humanidade, afastándose do seu uso como medio persuasivo, xa que non parece aceptable xogar coa súa semántica para xustificar a cobertura de obxectivos incongruentes cos intereses que se suxiren ao pobo, desentendéndose de ter moi en conta as perspectivas derivadas dos dous subsistemas que integran a realidade persoal do home/da muller, o organismo e o psiquismo, considerados elementos sistemáticos do sistema que estrutura toda a realidade da persoa humana.
Esta constitución sistemática é a destinataria do progreso, e como en todo sistema, os elementos que o integran teñen unha específica co-implicación, NADA DO QUE AFECTE A UN DELES LLE É ALLEO AO SISTEMA INTEGRAL. Consecuentemente, o considerado progreso material incide tamén nas dimensións da persoa situadas no subsistema psíquico, como, por exemplo, na moralidade. Pero os efectos, positivos ou negativos, teñen que xulgarse na integridade da persoa, porque, como veremos, hai progresos con positividade nun subsistema que levan a unha negativa regresión no integral.
Para unha maior información, permítanme que introduza aquí unha brevísima puntualización histórica do progreso, que sempre resulta útil para valorar o alcance deste termo, evitando un apaixonamento infantil, ou unha cerrazón ao enorme beneficio que supón á Humanidade en xeral, e aos pobos en particular. Creo que adoptando posturas cautelosas é fácil descubrir a impertinencia do uso persuasivo do termo, facilitando unha máis solvente comprensión do mesmo en cada caso.
Como apuntei nunha colaboración anterior, sobre todo no pensamento clásico grego e romano, carece o progreso dun tratamento teórico, porque non teñen unha concepción lineal da dinámica histórica, senón cíclica, con estados crecentes, decrecentes e novos nacementos, que a consideran como unha constante universal, tamén con aplicacións aos astros, as persoas, aos climas, etc. Media un tempo para que estes ciclos formen parte dun proceso lineal, con un fin a conseguir. Polo tanto, non debe descartarse que na orixe do progreso haxa unha influenza relixiosa, principalmente no seo da cultura xudeu-cristián. Por suposto, enténdese o progreso material, social e intelectual, evidenciado nunha concepción moral.
O ser humano, dotado dun certo raciocinio, parece lóxico que se sentara a reflexionar como podía mellorar as súas relacións coa natureza, na que e da que vive, superando a sinxela espontaneidade instintiva de facelo, porque os recursos instintivos observa que non lle son suficientes. E, efectivamente, chega un momento no que a razón, operando libremente, persigue resultados máis útiles con diferente eficacia, escudriñando nos secretos que a mesma natureza ten gardados en forma de posibilidades realizables, mediante os adecuados esforzos, regulados pola aprendizaxe derivada dos acertos e erros. Velaquí, tamén, o inicio da investigación científica.
Nesta situación, empezan a abrírselle ao ser humano camiños alternativos aos habituais de matiz mítico, para buscar a verdade, e, á vez, activáselle o sentimento da posibilidade de encontrar certo grado de perfección aquí na Terra. Sentimento este que levou a un medio abandono do tradicional, que, incluso, encontra eco nas ciencias; pero tamén xorde, adoptando diferentes formas, no pensamento filosófico impulsado polas dinámicas dialécticas históricas como argumentos dos que avalan á esperanza de acadar o final da historia, considerado como unha especie de paraíso. Ven a ser o caso, por exemplo, do Idealismo Absoluto, o Mellor Mundo de Leibniz e as formacións ideolóxicas, de corte político, como o caso do Materialismo Dialéctico, con ensaios residuais e secundarios, que senten receo en levar o progreso á realidade integral do home e da muller, limitándose a compracer os desexos accidentais, xeradores de respostas de matiz partidista, con arrogante descoido do máis esencial.
Neste contexto tamén xorde un gran impulso da esperanza humana, xa que intuímos que aquí, na natureza, encontraremos os medios que nos abran o camiño, progresivamente, á perfección; pero a oficialización desta tendencia provoca reaccións, como é o caso de Nietzsche que se encarga de quebrarnos o tempo lineal da historia co eterno retorno, e con isto apágalle a ilusión ao optimismo racionalista; pero tampouco se quedou corta a Relatividade de Einstein e a Mecánica Cuántica, como igualmente os autores Popper, Kuhn e Landau, que puxeron o seu grao de area nesta temática, falándonos dos canellóns da ciencia sen saída, dos retrocesos e avances non lineais, que escurecen o progreso científico.
Ademais a Teoría Crítica da Escola de Frankfurt, con M. Horkheimer, T. Adorno e H. Marcuse, como autores a destacar, encerra a afirmación de que a sociedade tecnolóxica pon a eficacia científica e a súa utilidade ao servizo do poder, sen excluír o económico, deixando ao home e a muller a mercé do servizo dos sistemas que se estruturan politicamente no seo da sociedade, e abrindo espazo aos efectos que deshumanizan, mediante un dominio, incluso, da natureza, que enerva, ou descoñece, o que Daniel Goleman denomina "intelixencia ecolóxica", tan necesaria nos nosos tempos de meras simulacións nas prácticas ecolóxicas. Creo, noutra perspectiva, que así mesmo podemos traer aquí como exemplo o espectacular progreso dos medios de comunicación, cun servizo impregnado de realidades virtuais, que, entre outros problemas, induce aos non minúsculos efectos "homogeneizantes", como se acusa en gustos e ideas: A ridiculez acada a súa temporal xustificación pola propia e rápida universalización.
Tamén Heidegger quixo facer a súa achega, afirmando que descoñecemos a esencia da técnica, confundindo o que ten de instrumental co que ten de medio para acadar un fin. Xustamente por isto non é de estrañar que nos desviemos da perspectiva antropolóxica e primemos a súa instrumentalización medial en aras dun facer do home e da muller, perdendo, ás veces, a relación co fin procesual pertinente, co conseguinte risco do menoscabo do antropolóxico, irrenunciable para cubrir todas as dimensións do home/da muller, intensificando a autonomía e a liberdade razoablemente aplicadas á realidade persoal humana, en función integradora.
Penso que a complexidade do ser humano condiciona a do concepto "progreso", non só por ser aquel orixinador da correspondente actividade a despregar, senón, e principalmente, porque o resultado da mesma pode devir consistente na integridade dos elementos constitutivos do mesmo (é dicir, da persoa humana) ou inconsistente. E, se nos decatamos disto, abrimos un horizonte que nos permite xulgar adecuadamente o xogo político que soe facerse co termo "progreso" e derivados. Tales como que "o politicamente correcto" é ser progresista; tamén se ofrece como progresismo gastar diñeiro en ministerios innecesarios para asegurar a estabilidade en postos gobernativos, para instruír de que non só hai nenos, senón nenas e nenes, etc. O antídoto de todo isto pode estar en evitar a conxura a seu favor mediante oportunas clarificacións, e non deixalas en mans dos que xa non estamos en condicións de facelas, sacando á palestra as propias opinións.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES