Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non tódolos partidos son iguais

miércoles, 11 de febrero de 2009
Cando, ante unhas eleccións, escoito que é o mesmo votar a un candidato que a outro, que tódolos partidos son iguais, pois non son máis que máquinas para acadar o poder e logo usalo exclusivamente para a propia comenencia, que o único que queren uns e outros é “chupar del bote, someter al ciudadano y vender humo”... penso que só pode responder ou a unha ideoloxía parafascista que favorece unha sociedade sen democracia nin partidos, ou a unha ideoloxía anarquista que segue crendo que é posible organizar as complexa sociedades do século XXI como comunas voluntaristas de paz e amor. En calquera caso, cos primeiros non quero nada; só criticalos e recordarlles a que nos levou unha sociedade sen democracia controlada por un parlamento, con tódolos defectos que teña. Preferiría aos segundos; sobre todo se son pacíficos seguidores dos vellos líderes anarquistas do XIX ou do socialismo utópico que revisou Carlos Marx. Pero creo que estes precisan un baño de realismo, para non caer na demagoxía á que acusan a partidos e sindicatos; precisan ver que se o século XXI, con tódolos seus defectos, inxustizas, opresións e violencias (dúas grandes guerras e un sen fin de guerras máis pequenas!, inxusto reparto da riqueza, etc.), supuxo algún progreso para a sociedade, sobre todo en occidente (saúde para todos, axudas sociais, dereitos dos traballadores, liberación da muller, descolonización, dereitos lingüísticos e culturais, raciais...), foi grazas ás conquistas de grupos organizados (sindicatos, partidos e outros movementos), con tódalas contradiccións que tiveran.

Do mesmo xeito, cando escoito que tal candidato é un “enemigo del pueblo gallego” e que “no sabe hacer la O con un canuto”, quizais porque non ten un título universitario e fale galego, ou que os nacionalistas son “fillos desnaturalizados”... penso que o espírito democrático é cativo en quen así di. Tan cativo como os que actuaron violentamente contra a manifestación de “Galicia bilingüe”, aínda que esta organización non conte precisamente coa miña aquiescencia.

A democracia parlamentaria e o sistema de partidos, tal como está establecida nos países occidentais, é un proxecto político cheo de defectos; entre os meirandes están precisamente o dispendio económico que supoñen habitualmente unhas eleccións e a corrupción nos gobernos. Certamente. Pero se a alternativa a esta democracia imperfecta é a dictadura, tanto se é a dun fanático co seu grupo, como dun xeneral co seu exército, como a dictadura do proletariado –que veu sendo no socialismo real maiormente a “dictadura do partido sobre o proletariado”-, quédome coa democracia parlamentaria imperfecta, tentando mellorala coa miña participación. Participación precisamente, porque non é o mesmo que gobernen uns que outros, e participación baseada na vella convicción de que se é certo que o poder corrompe, é moito máis certo que o poder absoluto corrompe absolutamente, por iso compre traballar activamente para que tal cousa non ocorra. Compre defender pacificamente as propias ideas, as propias conviccións; e defender tamén o dereito á pluralidade, a unha sociedade cultural e politicamente plural.

No meu próximo artigo falarei do outro aspecto apuntado, e direo que hai nacionalismos e nacionalismos: un intolerante, violento e inxusto, e outro tolerante, pacífico e xusto, aínda que a bondade total tampouco o consiga o segundo.

Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES