Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 21 de septiembre de 2023
Petróglifo da Era Mesozoica

Hai unhas noites partín coa risa ó contemplar unha noticia pola Sexta mentres estaba ceando. Un petróglifo de 30 séculos tiña en realidade 30 anos. Mirei para a muller e, rindo, saíume da alma: coma o meu escudo! Que digo!, o meu escudo é moito máis vello que ese petróglifo. Fago referencia ó escudo do Real Madrid que, o 27 de xullo de 1976 (acaba de cumprir 47 anos!), esculpín nun penedo de Barricobos, en Pingas de OrballoBaños de Molgas. Así é que se ese "petróglifo neolítico" ten eses séculos, o meu, que é moito máis antigo, é da época dos dinosauros. Seguro que, dentro duns anos, eses historiadores listos catalogarán tal escudo, tal figura como petróglifo feito con moito xeito e aínda máis paciencia.
A realización do escudo do Real Madrid, a verdade é que foi sinxela. Unha tarde, logo de botar as vacas do lameiro do Río Vello para o comunal de Barricobos, déuseme por debuxar cun vulgar caxato o escudo. Cun caxato porque o penedo producía algo de lique e, así, notábanse perfectamente as liñas, as marcas, o debuxo. Ó día seguinte, e facendo o mesmo coas vacas, púxenme á faena cun simple ferro que facía de punteiro, e que atopara por alí mesmo, raña que raña (non golpeaba moito o punteiro porque o penedo é deses ós que se lle soltan axiña as capas), furga que furga e, en pouco máis dunha hora, quedou xa para a eternidade, é dicir, para a era mesozoica. Á súa beira asinei co meu alcume e coa data final, hai máis de 47 anos. Moitos máis que os 30 do petróglifo neolítico de Santa Coloma de Cervelló. Nin punto de comparación co de Barricobos!

Cando me dixeron...

Cando me dixeron que a estrutura orgánica dun piollo era case o mesmo que o esparto dunha reata, souben que o asubío dun grilo era coma o ruxerruxe dun xordomudo. As cousas, ás veces, non son como parecen. Ou si. O asunto ten o seu aquel. É complicado. A maiores de que somos moi propensos a esbardallar sobre a conciencia dun sapoconcho. Sen saber que tal sapoconcho ten parada e fonda na lagoa de Almoite.
Pingas de Orballo Cando me dixeron que o fouciño de Robustiano Sarmiento aterrara sobre a cabeza de Dosindo Alustro, souben ó momento que as pingas de sangue salpicarían todo o monte Medo. Hai que ver como é a xente cando se cabrea! Non o pensa dúas veces. Menos mal que todo quedou nun susto, e grazas ó piar dunha laverca que alertou á garda civil, a cal, por sorte, pasaba por alí. Entón, a liorta non foi a maiores. Dosindo pode contar o conto e Robustiano rumiar o delito entre reixas. Repito: as cousas non son como parecen. Ou si.
Cando me dixeron que os latexos do corazón dunha carracha eran practicamente coma un chiscar de ollo dun saltón, souben, faltaría máis, que os remansos do río Arnoia deixaban ver con claridade os cágados que actuaban sobre un simple coio unha obra de teatro de Vicente Risco. Agora, cada quen que aplauda ou non, que aclame ou non, que agasalle ou non ós actores de tal comedia. Entendendo por comedia a seca que se apodera do río Arnoia ó seu paso por Baños de Molgas.
Cando me dixeron que todo era unha quimera, un esperpento, unha carallada, souben ó momento que tal observación era certa.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES