Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ortega visto por Madariaga

viernes, 15 de septiembre de 2023
D. Salvador de Madariaga, ilustre coruñés, cuxa presentación escúsaa a súa brillantez intelectual, especialmente no ámbito político e literario, é autor da obra titulada 'ESPAÑOLES DE MI TIEMPO' Planeta, 1.974, e a casualidade, nunha revisión do que me queda da modestísima biblioteca, fixo que caera nas miñas mans. Nela, Madariaga da unhas pinceladas, que vou intentar ofrecerlles, do que atinxe ao filósofo madrileño. Talvez a imaxinación e a formación dalgún lector encontre analoxías coa actualidade, e diferenzas importantes, cos modos de pensar e de facer neste noso país; pero, en todo caso, sempre resulta agradable saber algo dos nosos compatriotas ilustres.

Madariaga, nado na Coruña o 1.886, di que tiña 26 anos de idade cando coñeceu a D. José Ortega y Gasset, con 29; pero este xa era guía da xuventude española, e o seu encanto, admirable, sen dúbida, facilitaríalle utilizar a propia cultura como coadxuvante do persoal don de xentes que posuía, sempre acompañado dunha envexada claridade expositiva, que D. Salvador non lle ocultaba e el despachaba o eloxio contestándolle que era "moi afagador" (en castelán, por suposto). "A fascinación do rostro -escribe o autor- era a modo dun magnetismo de contrarios: a luz serena dos ollos e o empuxe da mandíbula"; pero o que verdadeiramente espertaba a súa atención era o sorriso e luminoso do rostro, e situar a cabeza cara a atrás, para escrutar mellor ao outro: das personalidades relevantes sempre se espreitan todos os medios de expresión.

Aproveita Madariaga un evento político para resaltar un discurso no que o embarcou Ortega. Escribe que un político de avoengo, Bergamín el Viejo, no seu paso polo Ministerio de Instrución Pública, botou a Unamuno do reitorado. No discurso había que insistir en que todos condenaban a "bergaminería", e o mesmo Ortega, aínda que non se identificaba con Unamuno, protestaba pola inxustiza cometida co seu adversario político, un comportamento que hoxe en día substitúese por unha celebración, máis ou menos solapada, cuxo eco festivo soa nos espazos da zumarenta adulación. Pero D. José era un indiscutible educador político do pobo, que ensinaba a acougar os instintos co efluvio da razón. Os alumnos de Ética dos nosos tempos adoecen da carencia destes exemplares homes públicos.

Ortega non era "krausista" e Madariaga explícao dicindo que non estaba de acordo con transplantar un pino teutónico (a filosofía de Karl Christian Friedrich Krause, o filósofo alemán que inflúe no dereito e en moitos intelectuais españois, introducindo o krausismo) no país das palmeiras, senón en transformar a palmeira en pino, aínda que nesto non empregaba moita expresividade. El estaba máis entregado a cambiar o carácter español, que en vigorizar á economía ou reformar o campo. Pero D. Salvador cría que aquí caía nunha especie de inxenuidade insospeitable.

A pesar da súa xuventude, segundo Madariaga, non era Ortega deses que despois de pronunciar un discurso pensaba que xa fixera algo, porque non falaba para lucir as dotes oratorias, senón para facer comprensibles e convincentes as súas emotivas palabras, degrañadas cunha certa serenidade, sinxeleza e profundidade, calidades que non lle eran nada alleas a este filósofo formado en Alemaña. O que el designaba como "España vital", adversaria da "oficial", escoitábaselle con tal profusión, que non parece ilóxico pensar que eran as categorías que lle permitían expresar as súas profundas convicións, avaliando ás conseguintes discrepancias.

Apunta isto nos seguintes termos, traducidos aquí ao galego: "Unha xeración, acaso a primeira, que non negociou nunca cos tópicos do patriotismo e que, ao escoitar a palabra España, non recorda a Calderón nin a Lepanto, non pensa nas vitorias da cruz, non suscita a imaxe dun ceo azul, e baixo el un esplendor, senón que só sente, e isto que sente é dor" (páxs. 265-266, no libro citado de Madariaga).

Facendo referencia ao dito, D. Salvador escribiu o seguinte (páx.266, o.c.), que en galego reza así: "Isto dicía aquela voz nova e viril a aquela España "vital" que o escoitaba e que el vía como adversaria e vítima da España "oficial". A cal "consiste nunha especie de partidos fantasmas que defenden os fantasmas dunhas ideas e que, apoiados polas sombras duns periódicos, fan marchar uns ministerios de alucinación... Toda unha España co seus gobernantes e seus gobernados, cos seus abusos e cos seus usos, está acabando de morrer". (Qué pouco progresamos...!. Reflexionen sobre o semellante dos nosos tempos. Plantará o pino belga, en vez do teutónico, enxertado en Waterloo, a nosa España oficial?).

Non son palabras de hoxe. Corresponden a aquel tempo no que Ortega e Madariaga escribiron non pouco sobre a europeización fronte a "hispanización", aínda que ambas tendencias estaban de acordo no esencial. E foi, precisamente, neste contexto no que fundou Ortega a Liga de Educación Política, con homes da calle e burgueses. Estaban tamén Américo Castro e Morente, Leopoldo Palacios, Enrique de Mesa e o mesmo Madariaga (un sociólogo, un poeta e un enxeñeiro). Parece que Enrique de Mesa e Madariaga fixeron valiosos traballos; pero a Guerra encargouse de levar todo por diante.

En realidade, o filósofo e profesor Ortega o que quería era reformar o carácter nacional mediante unha minoría dirixente formada pola filosofía, non unha amalgama de pelame engurrada polo heteroxéneo, como parece que se estila na actualidade, para solucionar os problemas do país; pero para acadalo é mester poñer a vista neste, non nos dirixentes, algo que non sorprendía ao filósofo. Non obstante, Madariaga intuía que se debilitaba a confianza no rigor da oposición entre a España vital e a oficial. Para el non había máis que unha única España, xa que a oficial era a do poder, e a España vital de Ortega consideraba que era a "non-oficial", que carecía del por dúas razóns: Porque non era bastante vital e porque tampouco era oficial. Sabido é que os españois seguimos tendo arraigada a costume de esperar que a acción pública veña sempre do Estado, algo que denunciaba Ortega. Falta a reflexión sobre se este arraigo se adquiriu pola porcentaxe do impacto das solucións ou polo das decepcións. Ortega tíñao claro.

Aló no fondo, este destacado filósofo aspiraba a OBXECTIVAR ao español mediante a utilización da ciencia e da filosofía, volvendo as costas aos caprichos e poñendo os ollos no que había; pero, a xuízo de Madariaga, estaba errando, porque o carácter nacional español era teimosa SUBXECTIVIDADE. Por iso, obxectivalo parecía tan imposible como cambiar un poldro bravo en elefante, aínda que talvez fora posible educalo para a sela ou para o tiro. Non obstante, este erro non impediu que seguira influíndo sobre a cultura, superando a Costa, Gavinet, Menéndez Pelayo e, incluso, ao mesmo Unamuno. Así o cría Madariaga, porque detectaba que o indubidable progreso do nivel intelectual medio da universidade continuaba debéndoselle a Ortega.

O ilustre coruñés pensaba, pois, que en contra do ideal ortegano operaban as esencias tenaces do carácter nacional; "esencias indomables e incontrovertibles", que actuaban non só no país, senón (tamén) na maioría selecta que logrou crear, e ata nel mesmo". (Parénteses, meus; páx.268). E engade aquí que a relación home - universo admite dúas perspectivas opostas: desde o EU e desde o UNIVERSO. Os teólogos están no Sinaí do eu; os filósofos, no Partenón do universo. Pero o que desexaba Ortega era que os españois se mudaran do Sinaí ao Partenón, desde o que se vía mellor o universo (postura filosófica). Os outros insistían en que había bastante co Sinaí (postura teolóxica). Velaquí a oposición entre o obxectivo e o subxectivo. (Resáltase que Unamuno identificábase coa postura filosófica). Pola súa parte, os españois metidos nesta danza dialéctica, cunha actitude galega, dicían: "a min que non me veñan con filosofías...!".

Recoñece D.Salvador que Ortega non tivo moita sorte, porque cando se dispoñían a europeizar a España viñeron as dúas guerras e quebraron a Europa; pero el mantivo as súas categorías do subxectivismo e do obxectivismo, malia a que este veuse moi premido por aquel. Cabe preguntarse como encaixaríamos hoxe en día, en España, estas categorías, a "España oficial" e a "vital"; ata onde a actual UE cubriu as esixencias e obxectivos formulados en aquel entonces; que Europa esperaban eles antes das guerras; que constantes permanecen na actual, e ata que punto (e por que) se reactivaron as tendencias nacionalistas. É dicir, no suposto de ser aplicables en igual sentido, ¿como evolucionou o valor pragmático e a convición epistemolóxica desas categorías?.

Pero talvez resulte interesante cuestionarse que intuía un cerebro tan disciplinado como o de Ortega, que tratou sempre de gobernar (dixit Madariaga) un corazón díscolo: conservador de instinto, liberal de costumes e anarquista de tendencias innatas. E con todo isto levaba unha vida de relación, xa que ademais de filósofo cun discutido sistema de filosofía era un periodista, razón pola que, esixido de manter un contacto aberto coa súa terra e co seu pobo, parece como se lle diminuíra a presión filosófica (intelectual), mentres lle aumentaba a teolóxica (vital). "Ortega é, de por si, a demostración máis elocuente de que o carácter nacional non cambia nas súas esencias, e menos que por nada, pola filosofía" (páx.270, o.c.).

E para terminar, o teorema de Sancho Panza, que aplica Madariaga ao derrube de Europa e a traxedia de España: "Cadaquén é como Deus o fixo e ás veces peor". De exemplos desta constante condición non carecemos!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES